Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O mercado 'Galicia Escena PRO' recibe máis de 200 profesionais do 27 ao 30 de maio en Santiago de Compostela

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, adiantou hoxe os principais eixos deste ano, no que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volve contar con Escena Galega como entidade coorganizadora. En representación desta asociación, interveu nesta presentación a súa presidenta, Patricia de Lorenzo. Participou, así mesmo, Ana Triñanes, quen volverá exercer o papel de “facilitadora” para propiciar e coordinar as reunións das compañías galegas inscritas con preto de 90 responsables de programación cultural de concellos, festivais, feiras e centros de exhibición públicos e privados procedentes de diferentes puntos de Galicia e doutras Comunidades autónomas.

Apertura ao público xeral

De feito, a catro días do comezo están xa pechadas 470 destas xuntanzas. Pero Galicia Escena PRO é tamén “un completo escaparate de espectáculos e unha gran festa para a nosa cultura, que inclúe moitas outras actividades arredor da dinamización das artes escénicas feitas no país”, sinalou o director de Industrias Culturais, ao tempo que lembrou a apertura da feira ao público xeral que, como en anos anteriores, poderá asistir de balde aos espectáculos programados.

Neste sentido, o piar do programa constitúeno as 23 propostas escénicas seleccionadas, das que 20 se representan en formato completo e outras 12 se compartirán exclusivamente cos profesionais acreditados nas dúas sesións de pitchings. No caso das compañías galegas, unha comisión nomeada por Escena Galega foi a encargada desta escolma, realizada a partir das máis de 70 solicitudes recibidas.

Este ano, ademais, Galicia Escena PRO desenvolve unha nova colaboración con Dansa València, que se suma a que se vén mantendo con MADferia de Madrid nos últimos anos. En virtude destes intercambios, a vindeira semana se presentarán en Santiago a compañía valenciana CienfuegosDanza con Madame e a madrileña Tropos, Teatro de Títeres con La ratita presumida.

En canto ás formacións galegas, atopamos na listaxe espectáculos de teatro para público adulto e para a rapazada, de monicreques e de máscaras, de circo e de danza e artes do movemento, así como propostas híbridas entre moi diferentes disciplinas artísticas. Moitas delas foron producidas, ademais, co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica e do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego.

Espectáculos galegos seleccionados

Por orde cronolóxica, este ano actúan en Galicia Escena PRO Xarope Tulú con A teteira de Kabul, Os Náufragos Teatro con Noso e A Feroz con Frío o luns 27; Paporrubio con E entón, un xardín, Elefante Elegante con Kyoki, Souvenir con Non é unha canción, SU.MA con Glamping, Antagonista Teatro con Insubmisa, Paula Pier con Eu, Fraude! o martes 28; Raquel Ferradás & Amarelo con Mesura, Tanit Cobas con The Exposure, Barafunda Teatro con A vida, un frenesí, Sarabela Teatro con O dragón de ouro, Colectivo D’Elas con É difícil fotografar o baleiro o mércores 29, e Pérez&Fernández con Nanai da China, ButacaZero con O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Fran Sieira, Compañía de Danza con Ceibe e Elvi Balboa con Anöa o xoves 30.

O público non acreditado que desexe asistir a estas funcións deberá retirar previamente os convites dispoñibles (un por persoa para cada espectáculo) en horario de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 19,00 h. no Museo das Peregrinacións.

Polo que respecta aos proxectos que se avanzarán nas presentacións breves desta 11ª edición, o primeiro día de mercado será a quenda para #Influencers por NegroLópez, AI! Perfecto por Compañía Humana, Cortello de amor por AmorodioTeatro, Heroes en decembro por Ancoraxe e Vórtice Escénico, Reconversión por Ibuprofeno Teatro, Un deus salvaxe por Talía Teatro e Vitória por Iria Pinheiro. O xoves, a sesión de pitching correrá a cargo de DESFOGA con As terras do mar, SÖA con Collige virgo rosas, Furia Sotelo con Sobre o extravío ou a arte de perderse, Daniel Rodríguez con Traseúnte e Magia en la Manga con Triscos de maxia.

Mesas redondas

Ambas as sesións terán lugar na sede profesional de Galicia Escena PRO, onde se celebrarán tamén dúas mesas redondas: Os retos dunha programación cultural profesionalizada o martes e Inclusión e diversidade o mércores.

Ademais do Museo das Peregrinacións, este ano a Igrexa da Universidade súmase como espazo de exhibición da feira aos xa habituais Auditorio Abanca, Salón Teatro e Teatro Principal. As prazas da Quintana e de San Martiño Pinario repiten, así mesmo, como escenarios para circo e danza, e a Sala Riquela para o concerto programado como actividade paralela, que desta volta ofrecerá Sabela na noite do mércores.

A programación completa pode consultarse na web galiciaescenapro.gal.
R.