Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Gozo Festival amplía a súa programación con Rod Stewart en decembro na Coruña

O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. Así o anunciou hoxe o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a presentación da nova oferta musical desta iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Xunto ao director de Turismo de Galicia, tamén participou na presentación o director de Sweet Nocturna, David Lago. Como explicaron, o artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais.

Xosé Merelles indicou que, nesta segunda edición do festival, “esperamos que se poda repetir e incluso mellorar o excelente resultado do ano pasado cando se rexistraron máis de 40.000 asistentes en catro cidades entre marzo e novembro e se venderon entradas en 17 países”. Recordou que se trata dunha aposta da Xunta de Galicia por apoiar os grandes festivais que son quen de dinamizar turisticamente o destino a través da música “e xerar tamén un importante retorno económico nas distintas cidades nas que se desenvolven”, engadiu. Tamén recordou que terán, por iso, tamén un importante peso na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 na que se está a traballar.

Neste sentido, salientou a importancia de que O Gozo Festival diversifique a oferta en distintas cidades “diversificando así tamén o noso turismo” e que, con concertos como o anunciado hoxe que se celebrará en decembro “contribúe tamén a desestacionalizar o noso destino”. Este ano están xa programadas sete datas en distintas cidades con máis de 20 artistas confirmados como Queens of Stone, que actuará o vindeiro 18 de xuño na Coruña, ou Maná o 27 de xuño na mesma cidade. O vindeiro 6 de xullo será a quenda de Ed Sheeran no Monte do Gozo, acompañado, entre outros de Bomba Estéreo ou Fillas de Casandra. Tamén está programada unha xornada de música electrónica no mesmo escenario ou o concerto de Loreena McKennit no Auditorio Mar de Vigo.

Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.
R.