Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia recibe o premio á 'Rexión Emprendedora Europea 2025' pola súa aposta a prol da xeración de riqueza e emprego para fixar poboación no rural

Durante a súa intervención, José González loou o empeño e a perseveranza dos “nosos emprendedores por xerar novas ideas que frutifiquen en negocios para que Galicia siga crecendo, evolucionando e prosperando”. Para acompañar ese progreso, fixo fincapé en que o Goberno galego leva anos impulsando medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos na actualidade que levan atendido máis de 2.000 iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha hai case dous anos.

Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego para fixar poboación no rural, atraer a traballadores de alta cualificación e impulsar novos negocios ligados ao territorio.

A Estratexia galega

Segundo resaltou o titular de Emprego, a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 enmárcase no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 da Xunta, que define unha folla de ruta específica para avanzar no reto demográfico, nunha Galicia verde e sustentable, na competitividade e o crecemento e na cohesión social e territorial.

En concreto, coa proposta que hoxe se ve recoñecida perséguese unha maior equidade territorial, o aumento das persoas emprendedoras na Galicia non urbana, a diversificación das actividades económicas que se desenvolven nesa contorna e o fortalecemento da colaboración cos axentes públicos e privados.

Por último, o conselleiro avogou por seguir traballando arreo para continuar sendo merecedores do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Remarcando que é a primeira vez que Galicia é galardoada cun premio deste tipo, comprometeu o labor da Xunta para acompañar e apoiar “os nosos emprendedores e emprendedoras, axudándoos a navegar entre as tempestades e celebrando os seus acertos, porque o seu éxito será o de todos”, concluíu.

O premio

A European Entrepreneurial Region -Rexión Emprendedora Europea- é unha iniciativa organizada polo Comité Europeo das Rexións (CDR) en asociación coa Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes da Comisión Europea (DG GROW) que identifica e recoñece as rexións da Unión Europea que presentan estratexias excelentes e innovadoras de impulso do emprendemento, independentemente das súas dimensións, riqueza e competencias.

Nesta ocasión, Galicia comparte o recoñecemento coa provincia croata de Krapina Zagorje e coa rexión polaca de Mazovia. Desde a creación da etiqueta REE -Rexión Emprendedora Europea- en 2010, o premio concedeuse a 39 rexións e cidades e a 17 Estados membros da UE. Esta etiqueta está apoiada por partes interesadas da UE como o SME United, Eurochambres, Social Economy Europe e EURADA, entre outras entidades.
R.