Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A segunda Estratexia da Economía Social da Xunta aspira a xerar máis emprego inclusivo, igualitario e solidario en Galicia

Neste eido, a Xunta está a desenvolver a segunda Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 coa que se aspira a impulsar a cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo, igualitario e solidario.

A economía social, en palabras de Mariño, crea emprego inclusivo e, por iso, o Goberno galego aposta por este modelo económico e porque, ademais, xera riqueza no territorio e axuda a fixar poboación no rural. “A nosa aposta polo emprego inclusivo tamén se pon de manifesto no apoio ás entidades que traballan coas persoas máis vulnerables”, destacou e lembrou neste eido os diferentes programas de axudas que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha. Recordou que este ano estanse a investir 25,75 millóns de euros para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade nos 130 centros especiais de emprego (CEE) rexistrados en Galicia. Esta iniciativa supón un incremento de case un 7% con respecto ao orzamento da última convocatoria anual, a de 2021-2022.

Grazas á nova orde de achegas, o Goberno galego prevé beneficiar case 4.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 145 postos de traballo indefinido. Ademais, contrataranse 160 profesionais para dar apoio nos centros a 800 persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Con esta iniciativa o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo a través dos centros especiais de emprego, un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado ordinario de traballo.

Nos últimos 14 anos, o número de persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia triplicouse, pasando das 1.296 persoas de 2009 ás case 4.000 de 2023.

Outras iniciativas para impulsar o emprego inclusivo en Galicia son as axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cun crédito ampliado a 1,5 millón de euros; así como o programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) por importe de 6 millóns de euros.

Mariño sinalou, ademais, o proceso de escoita activa que está a reforzar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coas entidades da discapacidade para seguir impulsando o emprego inclusivo e indicou o apoio da Xunta ás demandas do colectivo na tramitación da nova Lei estatal de economía social co propósito de afianzar esta fórmula empresarial solidaria en Galicia.
R.