Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Corazón da Artesanía de Agolada promoverá a incorporación da Artesanía de Galicia no ámbito da gastronomía

A Xunta impulsará no Corazón da Artesanía de Agolada a incorporación dos produtos de Artesanía de Galicia no ámbito da gastronomía e de fomentar as sinerxías e o traballo conxunto entre estes dous sectores, a través do seu proxecto Artesanía no Prato. O programa de actividades do XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará nos Pendellos de Agolada do 5 ao 7 de xullo, incluirá showcookings de recoñecidos chefs galegos do Grupo Nove, así como catas e un obradoiro de decoración.

Nun espazo único, os cociñeiros Álvaro Villasante, Lucía Freitas, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños), Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).

As sesións de showcookings iniciaranse o venres con Héctor López (dous soles Repsol), do Restaurante España (Lugo), que realizará dous pases en horario de 13,30 a 15,00 horas. O sábado, o cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante Paprica (Lugo), realizará tamén dúas demostracións en horario de 13,30 a 15,00 horas; e a chef Lucía Freitas (1 Estrela Michelín e dous Soles Repsol), do Restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), encargarase da demostración das 20,30 horas. O domingo será a quenda de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (Cambre), que se encargará dos dous showcookings que terán lugar ás 13,30 e ás 15,00 horas.

A programación de Artesanía no Prato conta coa colaboración da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural e completarase con dúas catas comentadas o domingo 7 de xullo. A partir das 18,00h realizarase unha cata dos queixos premiados nas Catas de Galicia (das DOP Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro) a cargo de Salomé Beiroa, integrante do panel de cata dos queixos galegos con DOP. Ás 19,30 horas, está prevista unha cata comentada de augardentes e licores tradicionais de Galicia, a cargo da vicepresidenta do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Sonia Otero.

Para poder asistir a calquera destas actividades de Artesanía no Prato é preciso inscribirse previamente no teléfono 692843313, en horario de 9,00 a 14,00 horas, ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.

No Corazón da Artesanía, e tamén no marco do proxecto Artesanía no Prato, realizarase un obradoiro de decoración de mesas “A Mesa Perfecta”, que impartirá Rosana A. Agrelo (Pontevedra), o venres 5 de xullo ás 18,30h, que conta xa con todas as prazas cubertas.

Premio Nacional de Artesanía

O Corazón da Artesanía é un encontro multidisciplinar e orientado a amosar, poñer en valor, enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos nosos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, dos valores da artesanía e da nosa marca Artesanía de Galicia, así como doutros produtos gourmet. Esta iniciativa, impulsada pola Xunta dende o ano 2012, recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas.

Na edición deste ano está prevista a participación de 53 profesionais da Artesanía de Galicia, 36 como expositores e outros 14 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación especializada e nos talleres abertos. En canto aos expositores de produtos gourmet, haberá 32 empresas, 19 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria. En horario de 11,00 a 14,30 e de 16,00 a 21,30h e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará tamén con demostracións de artesanía en vivo, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.
R.