Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Novas axudas para mellorar a eficiencia enerxética de vivendas e edificios

Concretamente e segundo se recolle hoxe nas resolucións publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), as axudas destinadas a mellorar a eficiencia enerxética de edificios de vivendas de tipoloxía colectiva contará cun orzamento de 28.568.052 euros.

Polo que respecta á liña dirixida á rehabilitación de vivendas individuais en edificios residenciais colectivos, o orzamento será de 3.500.617 euros. Finalmente, o programa de axudas para a elaboración do libro do edificio contará cunha dotación de 2.071.770 euros para esta convocatoria de 2024.

Os interesados nestas convocatorias poden presentar as súas solicitudes desde mañá e ata o 13 de setembro, agás no caso das axudas para a rehabilitación a nivel de edificio, que contan co prazo dun mes. Neste enlace ao DOG pode consultarse a información.

Cómpre sinalar que entre 2021 e 2023 desde a Xunta concedéronse axudas para a mellora da eficiencia enerxética de 22.000 vivendas por importe de 118 millóns de euros.

Edificio

As axudas para a mellora enerxética de edificios están destinadas a inmobles de tipoloxía residencial colectiva e a vivendas unifamiliares nos que, grazas ás obras para as que se solicita subvención, debe conseguirse unha redución de, polo menos, un 30% no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable e, ademais, unha diminución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de entre o 25 % e o 35 %, segundo a zona onde estea emprazado o inmoble en cuestión.

A estas axudas poden optar tanto individualmente as persoas propietarias das vivendas, como as cooperativas, comunidades de veciños e empresas arrendatarias ou concesionarias dos inmobles.

En función do aforro enerxético acadado, a porcentaxe da axuda oscila entre o 40% e o 80% do custo da actuación, cun límite de entre 6.300 e 18.800 euros por vivenda. Os locais comerciais ou de outros usos existentes no inmoble poden recibir entre 56 e 168 euros por metro cadrado.

Vivenda

En canto ás axudas do programa de actuacións a nivel de vivenda, están destinadas á mellora enerxética de vivendas de forma individual, tanto se son unifamiliares como se forman parte de inmobles residenciais colectivos. Os obxectivos de eficiencia que se deben acadar con estas axudas son menores que os esixidos no caso da liña de edificios, polo que se trata de axudas máis apropiadas para a realización de obras de menor entidade, como o cambio da carpintería exterior e ventás. Así, establécese como requisito que se debe obter unha redución da demanda enerxética de polo menos un 7%.

Estas subvencións van dirixidas a persoas físicas propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias das vivendas e o importe a percibir será do 40% do custo da actuación —a partir dun investimento de 1.000 euros—, cun límite máximo de 3.000 euros por axuda.

Libro do edificio e redacción de proxectos

Por último, convócanse tamén as axudas para a elaboración do libro do edificio existente e para a redacción de proxectos de rehabilitación integral de edificios, destinadas a propietarios ou usufrutuarios dos inmobles, comunidades veciñais e cooperativas.

Para beneficiarse deste programa, os inmobles obxecto de rehabilitación teñen que estar rematados antes do ano 2000 e polo menos o 50% da superficie construída sobre rasante debe ter uso residencial. Quedan excluídas do cómputo a planta baixa ou plantas inferiores se teñen outros usos compatibles.

A axuda para o libro do edificio é de 60 euros por vivenda e unha contía fixa de 700 euros —en caso de que se trate de vivendas unifamiliares e inmobles colectivos de ata 20 vivendas— ou de 40 euros por vivenda, máis un fixo de 1.100 euros —para edificios plurifamiliares de máis de 20 vivendas—. O límite máximo da axuda é de 3.500 euros.

Polo que respecta á elaboración de proxectos de rehabilitación, a contía da subvención tamén variará en función do tamaño do inmoble: 700 euros máis un fixo de 4.000 euros no caso de vivendas unifamiliares e inmobles colectivos de ata 20 vivendas; ou ben 300 euros por vivenda e 12.000 euros, cando se solicite para inmobles de máis de 20 vivendas. Neste caso, o límite a percibir sitúase en 30.000 euros.
R.