Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O ano 2026, obxectivo para acadar a declaración de Patrimonio Mundial para a Ribeira Sacra

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, móstrase convencido de que a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra acadará o recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial no vindeiro ano 2026. Así o manifestou hoxe nun encontro celebrado en A Peroxa, no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e ao que asistiron unha trintena de alcaldes e representantes locais.

Neste senso, o titular de Cultura do Goberno galego resaltou que se continúa “poñendo o foco na participación cidadá, implicando tanto aos concellos e outras institucións como aos diferentes axentes económicos e sociais deste territorio e á propia veciñanza”. Así, segundo explicou, “para a Xunta é esencial que todos os entes poidan facer o seus comentarios e transmitir as súas inquedanzas ao redor da candidatura e o que vai supor para a zona”.

Tal e como lembrou López Campos, esta xuntanza foi convocada para “valorar o momento no que nos atopamos, escoitar e recoller aportacións encamiñadas ao ben común, para que xuntos poidamos desenvolver a mellor proposta”. Tamén aproveitou para recordar, nesta mesma liña, que durante este verán xa se celebraron varias reunións, tanto sectoriais como veciñais, das que xa se puido recompilar información relacionada, entre outros aspectos, co eido vitivinícola, a hostalería, o turismo ou a conservación do medio natural.

O percorrido da candidatura

No mes de abril o Consello do Patrimonio Histórico (órgano de coordinación do Goberno central e as comunidades autónomas) daba a coñecer a decisión unánime de que a candidatura Ribeira Sacra sexa a proposta de España para a súa remisión á Unesco. Desde entón abriuse unha nova fase de traballo para cumprir con todas as directrices e elaborar a documentación definitiva para a unha primeira entrega o vindeiro mes de setembro e a seguinte en febreiro de 2025 no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París. Alí será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Comité do Patrimonio Mundial, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.

Desta maneira, continúa un proceso para o que conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quixo dar folgos a todas as institucións e entidades implicadas confiando, dixo, “en conseguir ese recoñecemento para unha das maiores riquezas patrimoniais de España a nivel paisaxístico, cultural e enogastronómico”.
R.