O bacharelato STEMBach chegará a máis de 50 centros de toda Galicia o vindeiro curso e inclúe melloras como o recoñecemento de créditos universitarios

Outra das melloras no programa consiste no recoñecemento dos mellores proxectos de investigación realizados por estudantes en colaboración coas universidades. Ademais, créase a Rede STEMbach, unha estrutura de apoio e reforzo aos axentes implicados no programa. O alumnado desta rede terá preferencia para participar en determinadas accións específicas das universidades e poderá ver o seu traballo promocionado en feiras e publicacións científicas recoñecidas.
Os docentes do STEMBach tamén se beneficiarán desta nova fase do programa, cun acceso facilitado ás instalacións e equipamentos do Centro de Innovación Educativa e Dixital para o desenvolvemento de proxectos. Ademais, disporán de contidos específicos para a ensinanza das materias STEM e dun repositorio común de charlas e recursos relacionados.
A Xunta organizará encontros entre profesorado e alumnado do STEMBach para compartir experiencias e boas prácticas, ao tempo que se fará un acompañamento constante desde a Consellería a través dun espazo virtual común.
Un programa consolidado
Desde a súa implantación no curso 2018/2019, o STEMBach consolidouse como unha aposta clave da Xunta de Galicia pola educación científica e tecnolóxica. No curso 2024/2025, un total de 53 centros ofrecerán este Bacharelato de excelencia, no que xa titularon máis de 1.000 estudantes. Destaca a participación de docentes de renome como Ángel Carracedo, xenetista e catedrático de Medicina Legal da USC.
O programa ten unha duración de dous cursos académicos e está aberto ao alumnado de calquera modalidade de Bacharelato. Enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030 e ten como obxectivo promover o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares relacionados co pensamento computacional e as tecnoloxías inmersivas, como a realidade virtual, a realidade aumentada e a intelixencia artificial. Ademais, o programa procura fomentar o interese do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica, facilitando a súa adaptación á ensinanza universitaria.
R.