Sogama formou no primeiro semestre do ano a máis de 5.000 persoas na xestión sostible dos residuos municipais

Con ese fin, os formadores de Sogama expuxeron as bondades do aproveitamento deses restos tanto desde o punto de vista medioambiental como desde o económico e o social e detallaron cales son os procedementos e a operativa a seguir en cada modalidade.
Neste sentido, a compostaxe doméstica céntrase na xestión dos restos orgánicos na propia vivenda, para o que é preciso que os participantes conten cun terreo no que colocar o composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para que funcione axeitadamente. De feito, é importante controlar cuestións como o osíxeno, a temperatura, a humidade e que a mestura do material garde un equilibrio entre seco e húmido. Deste xeito obtense un compost de alta calidade co que fertilizar plantas e cultivos nas hortas e xardíns.
No caso da compostaxe mediante o depósito dos residuos no contedor marrón, os usuarios deben levar a fracción orgánica a eses puntos de recollida fixados polos concellos para o seu posterior transporte a unha das catro plantas de compostaxe que ten Sogama ou, se o municipio está moi afastado delas, a unha das 13 de transferencia como paso previo ao envío a unha desas catro instalacións.
Recollida selectiva
A maiores dos aspectos relacionados cos residuos orgánicos, as accións desenvolvidas polos formadores da empresa pública insisten na importancia de mellorar as competencias da cidadanía na recollida selectiva e aclaran as dúbidas existentes sobre os contedores habilitados para cada tipo de refugallo. Neste sentido, lembran que o contedor amarelo é o destino dos envases de plástico, as latas e os briks; o azul é para o papel e o cartón; o iglú verde para o vidro; o marrón para a materia orgánica; e o xenérico, para a fracción resto.
Precisamente co obxectivo de axudar á sociedade a resolver inmediatamente calquera dúbida neste sentido, Sogama conta cun buscador que, máis aló de indicar o contedor de destino de cada residuo, proporciona explicacións adicionais e complementarias de interese para os usuarios.
R.