Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Cidade da Cultura une nun concerto o Ensemble Música Práctica e o intérprete Abraham Cupeiro

Nela, Cupeiro tocará varios dos instrumentos ancestrais que vén recuperando, como o carnyx celta, o aulos grego e o cornu romano, así como bucinas mariñas, presentes en tantas culturas sonoras. A través delas e co acompañamento do violín, o piano, o violonchelo e a percusión do ensemble, fará resoar no Gaiás un mundo perdido e agora recobrado.

O programa do concerto fai un percorrido pola creación musical recente no que, ademais da peza de Buide, Música Práctica interpretará obras do catalán Leonardo Balada e do vasco Joseba Torre. Os tres compositores estiveron unidos por traxectoria e formación a Pittsburgh, a cidade do aceiro. Intercalados entre elas soarán tamén fragmentos do Zodíaco do alemán Karlheinz Stockhausen.

A actuación será este domingo 15 de setembro ás 19,00 horas e as últimas entradas dispoñibles poden adquirirse a través de Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Ópticas contemporáneas continuará o venres 18 de outubro con Mudar a pel, unha orixinal proposta escénica que conxuga arte e investigación para achegar ao público as problemáticas actuais que abordan a antropoloxía e as ciencias sociais. Pechará o ciclo a Real Filharmonía de Galicia, o sábado 16 de novembro, cun concerto no que interpretará The Four Seasons Recomposed. Nesta obra, o coñecido compositor contemporáneo Max Ricther atreveuse a reimaxinar en clave minimalista As catro estacións de Vivaldi, unha das composicións máis populares da música barroca.

Ensemble Música Práctica e Abraham Cupeiro

O ensemble Música Práctica naceu como unha iniciativa conxunta de Fernando Buide e membros da Orquestra Sinfónica de Galicia, cun enfoque artístico versátil que adapta os seus membros e estrutura a proxectos concretos ao redor da creación musical actual.

Buide, recoñecido como compositor e intérprete, ten creado desde música para un só instrumento ata obras sinfónicas e ópera. As súas composicións foron programadas por formacións internacionais —Orquestra de Filadelfia, as Sinfónicas de Pittsburgh e de Minnesota— e polas principais agrupacións do país, entre elas a Orquesta Nacional de España, a JONDE, a Real Filharmonía ou a Sinfónica de Galicia.

Abraham Cupeiro é a día de hoxe unha das caras máis recoñecibles do panorama musical galego. O seu traballo, como intérprete e como luthier, levouno a recuperar multitude de instrumentos de culturas antigas. Ademais, ten colaborado con artistas de renome como a violinista Patricia Kopatchinskaja, o director de cine Steven Spielberg e a Royal Philharmonic Orchestra.
R.