Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival Maré celebrará a súa quinta edición en Santiago como punto de encontro cultural e lingüístico

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da quinta edición do Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas onde salientou o carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico.

Valentín García puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia con esta cita que contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa que se celebra dende o día 25 pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a grande oferta cultural que ten Galicia, “facendo da nosa comunidade un referente en canto a festivais”. Deste xeito, salientou a colaboración da Xunta de Galicia co Gozo Fest e o Son do Camiño, “dous acontecementos que acolleu a capital galega e que foron quen de complementar e mellorar a calidade das ofertas culturais na comunidade”.

O Maré. Festival de Música e Artes Atlánticas do día 25 ata o 29 de setembro acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas. As actividades terán lugar en diferentes espazos como a Sala Capitol, a praza Mazarelos ou o Teatro Principal que irán dende os concertos, que ocuparán a maior parte das accións, ata representacións teatrais, obradoiros, encontros, artesanía, poesía ou propostas na rúa para a cativada.