Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia contará cun novo plan de saúde mental que incluirá unha rede de asistencia psicolóxica en atención primaria

A Xunta está a traballar xa nun novo Plan de saúde mental que incluirá a formación dunha rede de asistencia psicolóxica en atención primaria, que dependerá dos servizos de psiquiatría das áreas sanitarias, e que estará coordinada por profesionais de psicoloxía clínica.

Así o destacou esta mañá en Cervo o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño que, xunto co conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participaron na inauguración da segunda unidade residencial da Asociación Saúde Mental A Mariña. O acto contou, coa presenza da alcaldesa do concello, Dolores García Caramés; do delegado territorial da Xunta, Javier Arias; do director xeral de loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba; e da directora técnica da Asociación Saúde Mental A Mariña, María José Novoa, entre outros.

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, a saúde mental é unha cuestión prioritaria para a Xunta. Así quedou demostrado co desenvolvemento do Plan de saúde mental poscovid. Por medio desta iniciativa, incrementouse o número de profesionais, ademais de crearse hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil e unha segunda unidade de hospitalización en Vigo.

O conselleiro de Sanidade remarcou tamén a posta en marcha, por parte da Xunta, dun proxecto de prevención do suicidio, o programa YAM, no que participaron 1.400 estudantes durante o curso pasado.

Nesta aposta da Xunta tamén se enmarca a creación, nesta lexislatura, dunha Subdirección Xeral responsable da Atención á Saúde Mental.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor que esta infraestrutura destinada a persoas con trastorno mental severo supón poñer en valor a calidade de vida das persoas, así como a loita contra o estigma e prexuízos presentes aínda na sociedade. Tamén resaltou o compromiso da Asociación Saúde Mental A Mariña, sen cuxo labor non tería sentido esta segunda Unidade Residencial, tras a apertura da primeira no 2011.

Alfonso Villares cualificou de “histórica” a posta en marcha desta iniciativa, que permite avanzar no concepto de saúde mental no sistema galego, e que foi apoiada tanto pola Fundación Amancio Ortega, como polos propios traballadores, usuarios e colectivos sociais. A todos eles deulles as grazas e os parabéns por contribuir a facer máis e mellor comunidade promovendo a integración social e familiar.

Apoio da Xunta

Na súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu á Asociación Saúde Mental A Mariña o seu labor e disposición a colaborar coa Xunta, e amosouse orgulloso de traballar con entidades como esta, que leva 25 anos prestando asistencia continuada ás persoas con trastornos mentais, co obxectivo de acadar a súa rehabilitación e integración social e laboral.

O conselleiro destacou os dispositivos concertados co Servizo Galego de Saúde destinados a ofrecer a mellor asistencia aos usuarios, entre os que citou os centros de rehabilitación psicosocial e laboral de Burela, Ribadeo e Viveiro; o piso protexido de Burela ou a propia unidade residencial de Cervo.

Tamén puxo en valor os convenios para a prestación de servizos terapéuticos a persoas con trastorno mental persistente nesta nova residencia. Así, no vindeiro ano, co dispositivo a pleno rendemento, o conselleiro avanzou que se asinará un convenio de colaboración polo que a Xunta achegará 400.000 euros ao mantemento desta residencia e comprometeuse a seguir apoiando as iniciativas que promova.

O conselleiro de Sanidade incidiu en que a Xunta quere seguir da man das distintas asociacións coas que xa vén colaborando para continuar na abordaxe desta responsabilidade colectiva que é o coidado da saúde mental. Unha tarefa, dixo, que implica a todos por igual: ás administracións, aos profesionais, ás asociacións e á sociedade civil.
R.