Galicia comeza o outono climatolóxico co mes de setembro máis chuvioso do século e moi frío
 De feito, tendo en conta os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, hai que remontarse ao ano 2017 para atopar un setembro máis frío na Comunidade.
De feito, tendo en conta os valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas, hai que remontarse ao ano 2017 para atopar un setembro máis frío na Comunidade.O período caracterizouse pola chegada a Galicia de borrascas frías e activas para esta época do ano durante a primeira e última semana do mes, xa que aínda que as semanas intermedias foron algo máis secas e cálidas, non foron suficientes para compensar as anomalías coas que comezou e rematou setembro.
Así mesmo, foi un mes moi húmido en todo o territorio galego e estivo marcado tamén polo río atmosférico que, entre os días 25 e 26 de setembro, cruzou a Comunidade, deixando ao seu paso grandes cantidades de auga.
Cómpre subliñar, en todo caso, as precipitacións acumuladas ao longo das serras litorais (entre os 240 e 320 litros por metro cadrado) con rexistros máximos por riba dos 400 L/m2 no caso da Serra do Suído; mentres que no extremo contrario, os acumulados menos importantes oscilaron entre os 40 e os 70 L/m2 en áreas da Mariña lucense central e oriental, nos arredores da ría de Camariñas e na comarca da Coruña.
Por último e respecto ao comportamento dos termómetros, os datos obtidos a partir das estacións máis representativas de Galicia reflicten que a temperatura media en setembro se situou 1 grao por debaixo do agardado época do ano, aínda que no caso das máximas esta anomalía foi incluso maior, cunha desviación de -1,5 graos.
En xeral, a temperatura media estivo no conxunto da Comunidade por debaixo do que cabería agardar nesta época do ano debido ao predominio dos períodos fríos; de feito, tan só houbo un pequeno período, entre os días 14 e 18, que se pode considerar cálido na meirande parte de Galicia.
Por áreas xeográficas, as anomalías máis altas das temperaturas medias (de entre -0,1 graos e +0,4 graos) concentráronse en puntos da Chaira de Bergantiños, da ría do Burgo ou do extremo suroeste da provincia de Pontevedra, mentres que as desviacións negativas máis acusadas (entre -1,8 e -1,4 graos) se localizaron en áreas do leste e sueste da provincia de Lugo.
R.
  




