Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Centro Dramático Galego inicia a xira do espectáculo 'Terceiro acto' por oito escenarios

Terceiro acto continuará a súa viaxe ata o 16 de novembro con paradas en Narón (Pazo da Cultura, 26 de outubro), Tui (Teatro Municipal, 31 de outubro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 2 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 8 de novembro), Cedeira (Auditorio Municipal, 10 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 14 de novembro) e Ourense (Teatro Principal, 16 de novembro).

Homenaxe a unha xeración clave

Esta segunda xeira do espectáculo mantén o mesmo espírito de homenaxe a unha xeración clave na profesionalización do teatro galego. Desta volta, César Cambeiro, María Costas e César Goldi uníronse a Belén Constela e Fernando Morán, que xa conformaban o elenco hai tres anos, para levar a escena as diferentes historias do espectáculo orixinal, con dirección compartida entre Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez. Del consérvanse, así mesmo, a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorporou como axudante de dirección.

Terceiro acto ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida, á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre as táboas, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Reviven o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizan tamén o seu legado e proxéctanse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.

Dous obradoiros para o alumnado universitario

Coincidindo con este inicio de xira, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela organiza mañá mércores 23 no campus de Lugo dous obradoiros arredor de Terceiro acto como parte de Faíscas Culturais, programa que ten como obxectivo promover a reflexión cultural entre o alumnado e complementar a súa formación a través de intervencións e actividades de carácter cultural.

Neste caso, contarase co director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, para afondar nas fases da produción teatral desde diferentes perspectivas. Facendo números é o título do primeiro taller, no que estudantes das facultades de Administración e Dirección de Empresas e de Humanidades, baixo a coordinación de Jacobo Feás, poderán coñecer de primeira man este proceso desde un punto de vista eminentemente económico. No segundo, Crear ilimitadamente con límites, o responsable da compañía pública abordará o necesario equilibrio entre creatividade e recursos co alumnado da materia de Proxectos Artísticos da Facultade de Formación do Profesorado, coordinado por Vicente Blanco. A formación completarase coa súa asistencia ao espectáculo no Auditorio Gustavo Freire.

Pola súa banda e tras acoller Terceiro acto durante as pasadas semanas, o Salón Teatro de Santiago recibe estes días os 49 intérpretes que pasaron á fase de audicións do proceso de selección para Mesiña, ponte! (título provisional), unha das producións propias da temporada 2024-2025 do Centro Dramático Galego, para as que se recibiron unhas 300 solicitudes. Para o segundo dos espectáculos, Countdown (título provisional), as probas levaranse a cabo os vindeiros días 30 e 31 coa participación de 40 persoas.
R.