Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentada a Estratexia da Economía Azul como compromiso de Galicia coa protección e aproveitamento sostible dos seus recursos mariños

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Estratexia da Economía Azul de Galicia (EAG) 2024-2027 como exemplo do compromiso da comunidade para “protexer, coidar e aproveitar, de xeito sostible, os recursos que o mar nos ofrece, porque se os coidamos seguirán sendo rendibles e seguirán durando para nós e para os que veñan detrás”.

Así o destacou durante o acto de presentación desta folla de ruta pioneira na Cidade da Cultura, onde estivo acompañado polos conselleiros de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o de Mar, Alfonso Villares. A nova estratexia, aprobada onte mesmo polo Consello da Xunta, contempla “máis de 114 millóns de euros ata 2027 para atender 40 medidas” orientadas a fortalecer o sector mariño de Galicia, tanto a nivel nacional como internacional.

Durante o acto, Rueda destacou que este documento busca non só consolidar o liderado de Galicia como “primeira potencia europea nos sectores pesqueiro, acuícola e transformador, xerando máis de 50.000 empregos directos”, senón tamén promover unha conexión entre tradición e modernidade que fomente o uso das novas tecnoloxías e a dixitalización no sector. “Queremos un futuro onde Galicia sexa referente en modernización e eficiencia no ámbito mariño, liderando en áreas emerxentes como as enerxías renovables e a biotecnoloxía azul”, subliñou.

Co lema Onde o mar nos conecta, a Estratexia da Economía Azul de Galicia pon en valor a relación histórica da comunidade co mar, co seu futuro, coa natureza e coas persoas. Así, promove o compromiso co coidado da súa biodiversidade mediante prácticas sostibles, como a economía circular e o uso de enerxías limpas. Outro dos obxectivos fundamentais desta estratexia é asegurar que a economía azul sexa máis xusta e equitativa, polo que a Xunta aposta pola formación das novas xeracións e pola promoción da igualdade de xénero e a inclusión, con medidas que buscan un sector aberto a todos e xerador de novas oportunidades. “Queremos un sector máis xusto e equitativo, onde todos teñan oportunidades de contribuír e beneficiarse deste mar que tanto nos dá”, engadiu.

Necesaria rede colaborativa

O acto de hoxe contou coa presenza de representantes das comunidades pesqueiras, empresas, centros de investigación e organizacións medioambientais, un reflexo da colaboración que fixo posible a concreción desta Estratexia. Neste sentido, Rueda salientou que “temos unha oportunidade histórica de reforzar o papel de Galicia como referente en economía azul”, subliñando que coa EAG “damos un paso adiante para asegurarnos de que o noso sector marítimo-pesqueiro non só continúe sendo estratéxico para Galicia, senón que tamén se adapte e prospere nun futuro sostible e eficiente”.

Un compromiso, apuntou, que tamén vén apoiado co impulso da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia, “que non é outra cousa que seguir dicindo que se pode preservar o mar e pódese seguir vivindo”.
R.