Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A nova Sociedade de Vivenda Pública de Galicia pretende promover 2.350 vivendas públicas ata 2028

O Consello da Xunta autorizou hoxe a creación da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, nacida da escisión de Xestur e que desenvolverá vivenda pública na nosa Comunidade. Segundo salientou o titular do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, esta nova sociedade permitirá “axilizar toda a tramitación e a xestión que permita tanto dispoñer de chan para vivenda como construír estas vivendas”, avanzando así nos “retos importantes que temos marcados en materia de vivenda pública nesta lexislatura”.

Así, Rueda lembrou “esa liña que estamos seguindo de aposta decidida por promocionar a vivenda pública tanto de promoción autonómica como de protección pública en Galicia”, lembrando que xa se teñen dado importantes pasos, como “triplicar xa no ano 2025” o orzamento ata chegar os 126 millóns, reducir á metade o prazo de tramitación do solo dedicado a vivenda protexida, ou subir os limiares de renda “para que máis xente poida acceder e verse beneficiada das políticas públicas de promoción de vivenda.

Ata o de agora, a actividade de Xestur concretábase na promoción e xestión de solo empresarial e na promoción e xestión de solo residencial incluíndo, neste último caso, a edificación e promoción de vivendas.

Xestión de Solo de Galicia, Xestur, estaba adscrita á consellería competente en materia de xestión e desenvolvemento de solo empresarial e residencial (antiga Consellería de Territorio, Medio Ambiente e Vivenda), e estaba tutelada funcionalmente polo Instituto Galego da Vivenda e o Solo.

Na nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, aprobada polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, o IGVS adscríbese á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, con competencias en materia de vivenda; as competencias en materia de solo empresarial traspásanse á Consellería de Economía e Industria, que pasa a asumir a tutela funcional de Xestur.

Polo tanto, cómpre separar o patrimonio e as actividades ata o de agora desenvolvidas de forma conxunta por Xestur, de xeito que pase a posuír o patrimonio e desenvolver, de forma única, as actividades relacionadas co solo empresarial, e que a actividade de vivenda e solo residencial pase a unha sociedade de nova creación.

Neste proceso de división de actividades e patrimonio, os actuais socios de Xestur manterán as mesmas cotas de participación, tanto na propia Xestur como na nova sociedade de vivenda.

A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia ten o obxectivo de promover 2.350 vivendas públicas ata el 2028, para conxuntamente coas impulsadas polo IGVS acadar o reto de chegar ás 4.000 novas vivendas protexidas nesta lexislatura. Neste sentido a Xunta ten xa máis de 1.600 vivendas en distintas fases de execución.

Para este reto, a sociedade disporá do solo residencial actualmente titularidade de Xestur, de tal xeito que poderá iniciar a construción de vivendas de promoción pública de xeito inmediato.

Ademais, disporá do solo obxecto de cesión polo IGVS ou polos concellos. Unha vez que sexan redactados os proxectos de edificación correspondentes, executará as obras e entregará as vivendas aos adxudicatarios.
R.