Descubertos no val do Támega os restos in situ dunha ocupación prehistórica de hai arredor de 5500 anos
A intervención foi realizada pola empresa Breogán Arqueoloxía, baixo a dirección de Víctor Muñiz, profesor e investigador da Área de Medieval no campus de Ourense. A sección de arqueoloxía prehistórica do proxecto estivo a cargo de Lucía Rodríguez, investigadora predoutoral da UVigo, coa supervisión e asesoramento científico de Beatriz Comendador, titular da Área de Prehistoria. O equipo contou tamén coa participación de Miguel Ángel Álvarez, investigador posdoutoral da Área de Xeografía Física, e a colaboración de José Ángel Cid, profesor da Área de Enxeñaría Cartográfica e Xeodésica. Finalmente, a datación foi financiada polo GEAAT da Universidade de Vigo.
Un "achado prometedor"
Segundo explican desde o proxecto, na campaña realizada este ano “un dos achados máis destacados foi a identificación dun burato de poste no contexto dunha estrutura circular detectada previamente grazas á prospección xeomagnética”. Esta estrutura, detallan, podería ser unha cabana ou construción doméstica e “será clave para comprender mellor as formas de vida e organización das comunidades prehistóricas da zona”. A datación por radiocarbono realizada confirmou agora que as estruturas descubertas datan de mediados do IV milenio aC. "É a primeira vez que atopamos evidencias in situ da ocupación prehistórica no xacemento; ata agora só se coñecían restos materiais que afloraban na superficie", indican. Concretamente, detallan desde o equipo da UVigo participante no proxecto, os resultados das análises realizadas no laboratorio Beta Analytic (Miami) confirman que a plataforma noreste do conxunto arqueolóxico foi habitada por comunidades prehistóricas que vivían no val do Támega hai arredor duns 5500 anos. “É un achado moi prometedor que abre novas vías de investigación. Unha futura intervención podería permitirnos coñecer completamente esta estrutura e o seu contexto”, apuntan.
O equipo investigador comenta que o achado permite establecer conexións directas co xacemento de Vinha da Soutilha (Mairos, Chaves), destacando a unidade cultural existente no val do Támega durante a Prehistoria, “nunha época en que as fronteiras non existían”. Este descubrimento, engaden, “abre un abanico de posibilidades para a investigación do pasado prehistórico, facendo do val do Támega un referente clave para a arqueoloxía da Prehistoria recente no noroeste peninsular”.
Unha investigación multidisciplinar
O conxunto arqueolóxico de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán atópase situado entre os núcleos de poboación de As Chás (Oímbra) e Vilaza (Monterrei), cabeceiras das parroquias homónimas. Érguese entre unha serie de outeiros que dominan unha ampla chaira situada en altura entre os vales dos ríos Támega e Búbal, o que lle confire un carácter eminentemente estratéxico. A investigación deste enclave, que conta cunha ampla historiografía que parte da Prehistoria, iniciouse en 2019 co proxecto Lobarzán, no marco dun convenio entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oimbra e Monterrei. Nos primeiros traballos recolléronse materiais cerámicos e líticos en superficie, cuxos patróns decorativos apuntaban xa a unha cronoloxía anterior ao III milenio aC.
En 2022, no contexto da tese de doutoramento de Lucía Rodríguez Materialidade e mobilidade na Prehistoria recente no territorio do Alto Támega transfronteirizo (realizada na Universidade de Vigo baixo a dirección de Beatriz Comendador e Diego Herrero) realizouse unha prospección xeofísica en colaboración con Emmanuelle Meunier, investigadora posdoutoral financiada pola Casa Velázquez-EHEHI. Esta prospección permitiu identificar diversas anomalías no terreo, que este ano se confirmaron mediante sondaxes arqueolóxicas, “reforzando a importancia do xacemento”, tal e como indica o equipo investigador.

Universidade de Vigo (UVigo)