Comienzan las evaluaciones de los daños causados por los incendios y se anuncian programas de actuación específicos. Comienza en Rianxo una rueda de conversaciones entre el presidente de la Xunta y alcaldes de los municipios afectados

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno galego aborda unha nova etapa na xestión da crise motivada polos incendios que asolaron Galicia os últimos días, centrada na avaliación dos danos e no establecemento de medidas de actuación. Neste sentido, anunciou que “de inmediato” se porá en contacto coa Federación Galega de Municipios e Provincias de cara a unha reunión “ampla” cos alcaldes dos concellos afectados que se celebrará o vindeiro venres.
Emilio Pérez Touriño destacou que o programa de traballo previsto pola Xunta de Galicia inclúe reunións cos rexedores de todos os concellos afectados, para abordar con precisión a estimación de danos e as súas necesidades. O presidente subliñou que “a crise está xa superada” e que agora “trátase de empezar a traballar de maneira inmediata in situ para tomar “as primeiras mostras de avaliación do impacto da situación”. Puntualizou, sen embargo, que o Goberno galego “non vai baixar a garda”, e que os amplos recursos despregados seguirán alerta tanto no que se refire á propia loita contra os lumes como ao respecto da investigación sobre a súa autoría.
“Os danos son sen dúbida moi importantes”, destacou, tanto no ámbito económico, como paisaxístico e territorial. Non obstante, avanzou a súa intención de “estar mañá en condicións de poder ofrecer unha cuantificación rigorosa” das hectáreas afectadas polo lume. Pérez Touriño destacou que “é o momento de facer autocrítica e de superar limitacións”. Explicou que este traballo implicará abordar unha “multiplicidade” de factores, porque haberá que traballar en “distintas frontes”, coma son a mellora dos dispositivos de extinción, as normativas existentes, as políticas forestais e as políticas urbanísticas, enumerou.
Por outra banda, o presidente quixo de novo lanzar unha mensaxe de “recoñecemento” aos alcaldes, veciños, equipos de extinción e persoal doutras administracións implicados nestes días na loita contra os incendios en Galicia.
O presidente da Xunta de Galicia compareceu ante os medios tras facer un percorrido en helicóptero co conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, para ver a superficie queimada na provincia da Coruña. Tras sobrevoar 16 concellos, aterraron en Rianxo, onde mantiveron unha reunión cos alcaldes de A Pobra, Porto do Son, Boiro, Rois, Ribeira Lousame e Rianxo.
Durante a súa estadía no municipio de Rianxo, o xefe do Executivo galego mailo conselleiro estiveron no lugar de Ourille, onde os veciños tiveron ocasión de trasladarlles o seu malestar pola situación que sufriron os últimos días, así coma o seu interese en que se abordasen de inmediato tarefas de reforestación.

Na comparecencia ante os medios, o conselleiro do Medio Rural salientou tamén que “a crise está superada”. Indicou tamén que “esta situación de normalidade” non significa que haxa que baixar a garda. Subliñou así mesmo que “é o tempo para elaborar políticas para que non volva a pasar”.
Suárez Canal destacou que durante estes días o operativo de loita contra o lume tivo que defender “máis de 500 pobos ameazados, 1.000 se falamos de casas desagrupadas”.
R.