El presidente de la Xunta llama a la unidad por la paz y contra el terrorismo en su Mensaje de Fin de Año

Además del terrorismo y del Estatuto, el discurso de Fin de Año del presidente de la Xunta incluyó referencias significativas a los que consider otros dos grandes desafíos de Galicia en 2007: la incorporación a la sociedad del conocimiento y el desarrollo de un modelo urbanístico ordenado "que se erga como bandeira de prestixio e de modernidade". El presidente de la Xunta también tuvo un recuerdo para los seres queridos que nos dejaron en el año que finaliza o para aquellos que están ausentes por la emigración o por participar en tareas solidarias.
DISCURSO DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA, EMILIO PÉREZ TOURIÑO:
Santiago, 31 de decembro de 2006
Boas noites.
Permítanme, nas últimas horas do ano que remata, acollerme á hospitalidade dos seus fogares para transmitirlles as mellores arelas de paz e felicidade.
Tamén para desexarlles que o 2007 sexa pródigo e que nel se materialicen as súas expectativas persoais e as ilusións compartidas por esa gran familia que integramos todos os galegos.
Lamentablemente, o criminal atentado perpetrado onte en Madrid puxo unha sombra de dor e loito nos derradeiros momentos do ano. A violencia terrorista causou a desaparición de dúas persoas, feriu a varias outras e golpeou a esperanza que millóns de cidadáns depositaron no camiño da paz.
Ás familias das vítimas quero trasladarlles desde Galicia un abrazo fraternal e solidario. Aos terroristas o repudio moral e a condena mais enérxica, que compartimos todos os homes e mulleres de ben.
Ao Goberno de España, e ao seu presidente, a nosa decidida vontade e o noso absoluto respaldo para extirpar a lacra do terrorismo.
Nestas datas, balizadas de soños e de lembranzas, só embazadas pola crueldade terrorista, non podemos esquecer os ausentes, os seres queridos que nos deixaron durante o ano que termina e os homes e as mulleres que, por diversas razóns, están fisicamente lonxe do lar materno.
Os emigrantes, que, co seu sacrificado esforzo, sementaron prosperidade ás dúas mans, no país de acollida e na terra de orixe.
Os soldados galegos, que, con risco das súas vidas, desempeñan nobres tarefas humanitarias en Afganistán e no Líbano.
Os mariñeiros, que arrincan riqueza coas súas redes en mares afastados.
Quero tamén dedicar un recordo especial á comunidade inmigrante que chegou un bo día para compartir connosco o pan e o futuro.
Estou seguro de que aquí atoparán solidariedade e hospitalidade, porque as dúas cousas atoparon os fillos de Galicia cando a economía se amosaba severa ou cando a falta de oportunidades os expulsaba da súa terra.
Galegas e galegos:
Hai ano e medio que emprendeu viaxe, coas adegas ateigadas de ilusión, o buque do cambio. O ronsel de realizacións que debuxa sobre as augas indica que a nave mantén o rumbo correcto, que está a seguir a folla de ruta que comprometín cando me outorgaron a súa confianza.
Comprometinme daquela a dirixir a construción dunha Galicia creadora de riqueza e de emprego, que fose quen de superar a súa anemia crónica e abrir oportunidades de traballo estable e de calidade.
Desde que asumín esa responsabilidade, a economía e a creación de emprego cobraron un dinamismo sen precedentes nos últimos anos, Galicia medra a maior ritmo ca o resto de España e a taxa de paro rebaixouse en varios puntos.
Neste período puxemos os alicerces dunha Galicia socialmente equilibrada e xusta. Impulsamos a educación e a igualdade de oportunidades, ampliamos a asistencia sanitaria e a atención aos maiores e deseñamos unha política de vivenda á medida da mocidade e das persoas máis necesitadas.
Con esas credenciais afrontamos con renovado pulo o ano que comeza.
Mais non nos damos por satisfeitos, porque a construción e a mellora dun país é unha obra continua, permanente, sen data de caducidade. E tamén porque os logros e avances nunca están á altura das nosas arelas.
Como sabe todo mariñeiro, ningunha travesía está exenta de riscos, dificultades e incertezas. A vaga de incendios do pasado verán e as enchentes do outono puxéronnos a proba.
Coido que, neses momentos, o Goberno deu a cara, asumiu as súas responsabilidades e afrontou os problemas con decisión.
Pero aínda máis, teño a absoluta certeza da extraordinaria lección que impartiu o pobo galego. Un exemplo colectivo de determinación e de serenidade, de coraxe fronte á adversidade e sen concesións ao fatalismo que conduce á resignación.
Esa fortaleza que demostra a nosa cidadanía nas circunstancias máis duras constitúe o mellor aval, o mellor salvoconduto, para nos incorporar ao concerto das comunidades máis avanzadas de España e de Europa.
Propoñémonos, co mesmo tesón, superar os retos que se nos presentan no horizonte inmediato. A eles quero referirme sucintamente.
A plena incorporación de Galicia á sociedade do coñecemento, a ordenación do noso territorio e a reforma do Estatuto de autonomía configuran os vértices dese triplo desafío.
Ese triángulo encerra as chaves que nos deben abrir de par en par as portas do futuro.
Colocar Galicia no núcleo da sociedade do coñecemento significa incorporala a esa profunda revolución que está a transformar, a escala planetaria, as bases da sociedade, a economía e a cultura.
Para subirmos ao tren desa sociedade global non hai máis estribos que a cualificación dos nosos recursos humanos, a decidida aposta pola investigación e o esforzo continuado en innovación tecnolóxica.
No contexto da sociedade do coñecemento, só se pode tecer unha posición sólida e competitiva cos vimbios da formación, o talento, a creatividade e a imaxinación.
Por iso, porque Galicia non pode competir cunha man atada ás costas, as claves de bóveda da nosa estratexia residen no reforzamento do sistema educativo e a formación continua, no impulso ás políticas de investigación e na dinamización da cultura emprendedora.
Para avanzarmos no camiño do benestar e do progreso debemos ser quen de superar o segundo desafío que se interpón no camiño: a ordenación do territorio.
O territorio non é só unha fermosa paisaxe que contemplamos con admiración. É tamén o escenario da actividade económica, o noso espazo de convivencia e un legado que deixamos en herdanza ás xeracións vindeiras.
Xa que logo, a ordenación do territorio e o aproveitamento racional dos recursos non son un lastre nin unha rémora do crecemento.
O territorio é fonte de riqueza, non o imposto que debemos aboar na procura do progreso. No noso rico territorio aniñan os xermes do desenvolvemento sustentable e o fermento da competitividade das nosas empresas e dos nosos produtos.
Entre todos lograremos preservar esa Galicia que naceu abrazada ao mar de Manuel Antonio. A Galicia dos mil ríos que amaba Cunqueiro.
A Galicia das chairas e dos tesos cumes que cantaron Manuel María e Novoneyra. Con eles, este é tamén o meu compromiso irrenunciable, no que empeño a miña palabra: O deseño dun urbanismo feito á medida dos cidadáns, que se erga como unha bandeira de prestixio e de modernidade para quen amamos esta terra.
O terceiro gran desafío que encara a sociedade galega é o da reforma e adaptación aos novos tempos do noso Estatuto de autonomía.
Nos próximos días convocarei os representantes das forzas políticas para lles pedir un esforzo adicional de xenerosidade que posibilite o acordo.
Vouno facer porque estou convencido de que Galicia non se pode permitir perder o paso ou permanecer muda ante o avanzado proceso de reformas que se vive noutras comunidades.
A nosa obriga é conseguir un Estatuto de encontro, sen exclusións, que reforce o autogoberno e amplíe os recursos da Facenda autonómica.
Un Estatuto no que se recoñezan todos e que todos sintan como propio. Un instrumento de unión, froito do común denominador da galeguidade, que reforce o noso peso e o noso papel activo no seo da España plural e na Europa das rexións.
A nosa obriga é reformar a casa común, que se levantou hai vinte e cinco anos, para modernizala e facela máis acolledora e integradora, sen deixarmos fóra ningunha forza política para que ninguén se sinta excluído.
Con esa profunda convicción persoal, pero tamén como máximo representante de todos os galegos e galegas, podo asegurarlles con rotundidade que o novo Estatuto de Galicia será de todos, ou non será.
Queridos galegos e galegas: permítanme confesar que me sinto orgulloso do noso pobo. Deste pobo cunha identidade singular, forxada nos mil vaivéns da historia e reflectida nunha cultura e lingua propias. Comprometido co proxecto de España e con irrenunciable vocación de universalidade.
Deste pobo pacífico, pero emprendedor, que endexamais esgrimiu os seus fortes sinais de identidade como instrumento de agresión, pero que soubo conservar un caudaloso manancial de enerxía para superar problemas e conquistar o futuro.
Deste pobo que, se algunha vez amosou división, sempre atopou a voz mesurada e respectada, como a de Curros Enríquez no seu día, convocando á unión.
Esa é a mensaxe que lles quero transmitir nesta derradeira noite do ano, o meu desexo máis cobizado para o ano que comeza: unidade pola paz e contra o terrorismo, unidade arredor dos grandes temas de país, unidade labrada coa xenerosidade da que sempre fixo gala o pobo de Galicia.
Moitas grazas e feliz Aninovo.
R.