Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Cubierto el 85% de las plazas ofertadas en 23 galescolas que empiezan el curso en septiembre

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia de la Xunta de Galicia:

As 23 galescola, postas en marcha pola Vicepresidencia, que comezan a funcionar en setembro teñen cubertas ata o momento o 85% das prazas ofertadas, de acordo co proceso de preinscrición aberto dende o pasado día 20 ata o 30 de xullo. En total, das 930 prazas ofertadas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, unha vez rematado este proceso, cubríronse un total de 790 prazas, o que supón o 85% da oferta.

As galescola que se sitúan en áreas metropolitanas, como Cambre ou Boiro por exemplo, teñen cubertas o 100% das prazas ofertadas, mentres que as galescola das zonas rurais, como A Rúa ou Vilamarín, teñen unha media de cobertura de entre o 60 e o 70% de prazas.

As persoas interesadas neste proceso dispoñen dos listados provisionais cos nenos e nenas admitidos na galescola ou concello correspondente, así como na páxina web www.igualdadebenestar.org. Con todo, trátase dun procedemento que permanece aberto, polo que os pais e nais que queiran aínda inscribir a partir de agora aos seus fillos e fillas nestas escolas infantís poden facelo en calquera momento.

As 23 galescola que van comezar no curso 2007-2008 atópanse nas vilas de Cambre, Cerdedo, Coles, Crecente, Fene, A Fonsagrada, Ortigueira, Pantón, Portas, A Rúa, Taboada, Vilaboa, Boiro, Covelo, Rianxo, Pereiro de Aguiar, Ponteceso, Vilamarín, Poio, Zas, Xinzo de Limia, O Rosal e Campo Lameiro.

Máis de cen persoas van traballar nestas galescola. O proceso de selección de persoal xa está pechado en dezaseis destas escolas infantís, cun total de 107 traballadores, e nas outras sete galescola rematarase en breve. Dos 107 traballadores xa seleccionados, 29 son mestres (entres os que hai un director ou director apor galescola), 59 educadoras e 19 persoal de servizos xerais.

As galescola son os centros educativos da Rede Galega de Escolas Infantís de 0 a 3 anos xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e impulsadas pola Vicepresidencia. A través desta rede, a Vicepresidencia vai crear 121 Galescola en toda Galiza, cun investimento de 33 millóns de euros. Os novos centros supoñen a creación de máis de 6.000 novas prazas para nenos e nenas menores de tres anos, así como a xeración de máis de 1.200 postos de traballo.

As galescola propiciarán que A Coruña supere a media estatal no índice de cobertura de prazas en escolas infantís públicas, xa que a taxa de cobertura da poboación de 0 a 3 anos na provincia pasará a ser do 22%, cando o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais fala dun índice de cobertura media no conxunto do Estado do 21%. As provincias de Ourense e de Lugo situaranse, grazas á Rede de Galescola, no pelotón de cabeza da educación infantil no Estado español. O índice de cobertura da poboación menor de 3 anos chegará ao 39,7% en Ourense e ao 34,4% en Lugo, superando así o 33% recomendado pola Unión Europea. En Pontevedra increméntase o número de prazas en escolas infantís en máis do 75%, unha cifra que a sitúa en niveis históricos na dispoñibilidade de recursos de educación infantil.

Estas primeiras 23 galescola exemplifican o modelo de centros que se queren estender dende a Vicepresidencia por toda Galiza. Trátase de centros modernos e funcionais, pensados para unha aprendizaxe que ten que ser para toda a vida. Son escolas con máis servizos e cunha mellor oferta educativa e pedagóxica, que educan en galego e en Galiza para os galegos e as galegas do século XXI.

Esta rede de escolas infantís responde ao compromiso máis ambicioso da Vicepresidencia, que é o de apostar porque todas as galegas e galegos teñan o mesmo benestar e as mesmas oportunidades, vivan onde vivan, co fin de acabar coa fenda entre o rural e o urbano, a costa e o interior, que divide ás galegas e aos galegos en galegos de primeira e galegos de segunda.

R.