Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentado el proyecto de ampliación del Puente de Rande. Se invertirán más de 200 millones de euros

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

“Estamos diante dunha alternativa cargada de futuro, ambiciosa, viable, executable a curto prazo e concreta”. Así definiu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a proposta presentada polo Goberno galego para incrementar a capacidade da Ponte de Rande, unha proposta que pasa por incrementar a mobilidade de entrada e saída á cidade, con dous novos carrís na ponte. Trátase, segundo indicou o presidente galego, dun proxecto ambicioso, “cargado de futuro” para a cidade de Vigo e “vital” para toda Galicia.

Durante a presentación do proxecto por parte do presidente galego e da conselleira de Política Territorial, María José Caride, nun acto no que tamén participou o alcalde da cidade, Pérez Touriño remarcou que a nova infraestrutura permitirá dar resposta a algo altamente demandado pola cidadanía, e seguir cumprindo co comprometido polo Goberno que preside. Por iso cualificou o día de hoxe de “importante e extraordinariamente relevante” para Vigo e para toda a comunidade galega.

A alternativa de mobilidade para Rande presentada consiste, segundo explicaron o máximo mandatario autonómico e a conselleira, na ampliación lateral da actual ponte, coa construción de dous taboleiros exteriores colocados ao mesmo nivel que os xa existentes. Esta operación levará implícito o atirantado (exterior ou interior), ademais do reforzamento da zona de fixación na cabeza das pilas.

Deste xeito, pasaríase dos catro carrís actuais (2 en sentido de entrada e 2 de saída á cidade) a seis carrís, xa que se incrementaría un novo a cada lado de entrada e saída á cidade olívica.

En execución en 2009, cun orzamento de máis de 200 millóns
Segundo relatou Emilio Pérez Touriño trátase dunha proposta “de grande ambición” que mellorará e cambiará a mobilidade na área viguesa e que se aspira a executar nun tempo breve de tempo. O orzamento desta infraestrutura superará os 200 millóns de euros e prevese que xa en 2009 a obra estea en execución.

A este respecto, o titular do Goberno galego resaltou o importante esforzo investidor que se vai realizar para mellorar a accesibilidade á cidade olívica, un esforzo que, segundo explicou, rolda os 1.000 millóns entre os máis de 200 que se investirán nesta ampliación de Rande e os máis de 700 que se investirán na autovía libre de peaxe Pontevedra-Vigo. Ademais, segundo resaltou, os Orzamentos Xerais do Estado que foron aprobados hoxe polo Consello de Ministros, levarán recollidas nos correspondentes capítulos (6 e 8) a dotación orzamentaria necesaria para poñer en marcha estas iniciativas.

Na súa intervención, a conselleira de Política Territorial explicou que se trata dunha infraestrutura que se realizará coa colaboración entre a Xunta de Galicia o Ministerio de Fomento e a propia concesionaria da autopista, e salientou que xa se está a traballar para que, en breve, se poida materializar o convenio entre as dúas administracións e a empresa concesionaria para que a ampliación se poida executar canto antes.

Ademais, segundo salientaron tanto o titular do Goberno galego como a conselleira de Política Territorial, este proxecto non vai supoñer, en ningún caso, nin o incremento do tempo concesional nin tampouco da peaxe.

Na presentación pública da ampliación de Rande, María José Caride explicou que todas as empresas consultadas pola Consellería ao respecto de cal era a mellor solución para garantir a mobilidade na ponte coincidiron en que a presentada hoxe era a mellor solución.

Así mesmo, sinalou que este proxecto cumpre cos requisitos demandados polo Goberno galego, unhas condicións “imprescindibles” consistentes en garantir, en todo caso, a seguridade; manter o nivel de servizo ao tráfico; integrar axeitadamente esta actuación no viario de acceso; ser factible técnica e economicamente; minimizar o impacto ambiental; e minimizar a afección da estrutura estética algo que, segundo remarcou, está garantido coa opción elixida.

A este respecto, Emilio Pérez Touriño quixo destacar que esta é a proposta “máis respectuosa e a que nos permite poñer en valor esa imaxe que identifica Vigo en todo o mundo”, logrando que Rande manteña “a súa silueta e perfil”.

Así mesmo, proxecto elixido polo Goberno galego é, segundo relatou o propio titular da Xunta e a conselleira, o que ten unha máis curta realización, xa que moita da tramitación necesaria para unha iniciativa destas características xa está ela executada. Neste caso, xa non será preciso un estudo informativo, posto que se trata dunha ampliación; acúrtanse os trámites de impacto ambiental, posto que a Xunta vai solicitarlle ao Ministerio de Medio Ambiente que non sexa necesaria a declaración de impacto ambiental (por canto que non se vai modificar nin a lámina de auga nin as correntes mariñas) e, polo tanto, o único que resta por facer é o proxecto e a obra propiamente dita.

Esta actuación de ampliación de Rande irá acompañada doutras medidas que garantirán a plena mobilidade e accesibilidade de Vigo. Así, na entrada da cidade crearase un carril adicional de entrada e outro de saída da mesma.

Ademais, toda esta actuación completarase coa futura autovía libre de peaxe que conectará Pontevedra con Vigo.

Deste xeito, segundo sinalou o presidente da Xunta, a capacidade actual de mobilidade verase incrementada nun 150%, pasando dos catro carrís actuais de entrada e saída á cidade a un total de dez, xa que aos seis de Rande (catro xa existentes e dous máis que se van construír) haberá que unir os outros catro correspondentes á autovía Vigo-Pontevedra, dous de entrada e outros dous de saída.

Pérez Touriño insistiu en que o proxecto presentado hoxe polo Executivo que preside é unha proposta “de grande ambición, cargada de futuro para a cidade de Vigo e vital para Galicia”, por canto que favorece a mobilidade e a entrada e saída na cidade, á que cualificou como “o motor económico do país”.

“Os vigueses e as viguesas saben que cumprimos”, concluíu Touriño ao respecto, en referencia á promesa realizada e xa cumprida polo Goberno que preside de levantar a peaxe de Rande e tamén á promesa realizada de buscarlle solución á accesibilidade e mobilidade á cidade, que tamén será realidade grazas ao proxecto presentado.
R.