Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Aprobada la creación de un fondo económico para promover la cooperación con los empresarios gallegos en la emigración

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Economía e Facenda de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou a participación de Xesgalicia, en dúas novidosas iniciativas que reforzan e desenvolven a política do Goberno galego para fomentar a creación de empresas e incrementar a competitividade da economía galega. Así, a xestora de fondos de capital risco participada pola Xunta de Galicia, participará, cun total de 2,9 millóns de euros, no capital dos novos fondos Unibiofocus e Capacita. Ademais, o conselleiro e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e de Xesgalicia, asinou un acordo de colaboración co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, para promover accións conxuntas que promovan alianzas e fomenten as posibilidades de negocios conxuntos entre empresarios galegos de dentro e de fóra de Galicia.

Todas estas iniciativas enmárcanse nos eixes da política económica da Xunta de Galicia para fomentar a cultura emprendedora e a creación de empresas, apoiar a internacionalización das firmas galegas e promover a cooperación como ferramenta para aumentar a competitividade da nosa economía, e impulsar a promoción e captación de investimentos. Ademais, segundo explicou o conselleiro, o capital risco é unha das fórmulas nas que está a afondar o Goberno galego, dentro da súa estratexia de “compartir riscos na posta en marcha de novas actividades” e da “maior rotación dos recursos” polo carácter reembolsable das participacións públicas.

O fondo de capital risco ‘Capacita’, está impulsado pola Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia (AED Galicia), que conta con 84 asociados. Capacita FCR constituirase cunhas achegas financeiras iniciais de 2 millóns de euros e terá como principais partícipes a Xesgalicia e Gescaixa Galicia, que achegarán 1,8 millóns de euros a partes iguais. O fondo, segundo explicou o conselleiro, ten como obxectivo apoiar e impulsar a creación de empresas por parte de persoas con discapacidade, o que se enmarca nunha das liñas prioritarias da política de apoio empresarial: o fomento da cultura emprendedora.

Pola súa banda, Unibiofocus FCR é un fondo de capital risco promovido por Uninvest, sociedade na que participa Xesgalicia a través do seu fondo Emprende. Segundo explicou Fernández Antonio, Unibiofocus nace cun capital de 25 millóns de euros do que 2 millóns serán aportados pola Xunta e outros 6 millóns por Caixanova. Este fondo investirá en compañías en fase de arranque ou expansión que estean dedicadas ao ámbito da biotecnoloxía.

Tamén no ámbito do impulso da competitividade da economía galega e o apoio ás empresas se enmarca o convenio asinado hoxe polo conselleiro e o presidente da CEG. O acordo ten como obxectivo facilitar e promover a internacionalización das empresas galegas mediante a colaboración entre os empresarios radicados en Galicia e noutras partes do mundo. O acordo, explicou o conselleiro, “fomenta a cooperación nun sentido amplo” mediante a procura de alianzas que xeren sinerxias para aumentar “a capacidade de internacionalización das empresas galegas”, e promovan a captación de investimentos para Galicia. “O acordo busca a cooperación, a atracción de investimentos e o fomento das exportacións e a internacionalización das empresas”, resumiu o conselleiro.

A primeira acción prevista no acordo asinado hoxe é a colaboración na organización o Encontro Empresarios Galegos en Rede, que se celebrará do 21 ao 25 de xaneiro de 2008 en Santiago, organizado polo Igape. Este evento servirá de foro de encontro da rede de cooperación entre empresarios galegos de todo o mundo, na que están inscritos xa 350 empresarios e profesionais.

Ademais, o acordo prevé outras accións como a posta en marcha de bolsas de para mozos galegos en empresas galegas fora de Galicia; e bolsas inversas para mozos do exterior que poidan facer prácticas e formación en empresas de Galicia. Tamén se creará un directorio das asociacións de empresarios, e se promoverá a prestación de servizos no ámbito da internacionalización e as posibilidades de negocio. Ao través destas accións se reforzan, segundo explicou Fernández Antonio, as estratexias de internacionalización e atracción de investimentos nun contexto de globalización que, afirmou, “Galicia está gañando e ten, con esa rede de empresarios de dentro e fora, unha boa oportunidade para seguir avanzando”.

A crecente internacionalización das empresas galegas reflíctese no feito de que Galicia ten un peso do 9,4% nas exportacións españolas, fronte a un peso do 5,1% no PIB. Ademais, os indicadores de comercio exterior revelan, segundo o último dato dispoñible, un crecemento das exportacións do 20,4% en Galicia, fronte ao 7,6% da media estatal.

R.