Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Discurso de Fin de Año: el presidente de la Xunta pide unidad a los gallegos para modernizar el país y afrontar retos en medio ambiente y territorio

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, chamou a todos os galegos a sumarse á “tarefa colectiva” de modernización do país e a afrontar unidos os grandes desafíos relacionados coa ordenación do territorio e a protección do ambiente. O máximo mandatario galego pronunciouse así na tradicional mensaxe de fin de ano coa que esta noite se dirixiu a todos os cidadáns.

O xefe do Goberno galego referiuse na súa alocución ao centenario do Himno Galego, celebrado neste ano, “ese raio transparente que naceu como unha faísca de irmandande na emigración e que, cen anos despois, atravesa os cinco continentes para identificar a galeguidade universal”.

Pérez Touriño rendeu así homenaxe aos emigrantes galegos como “o mellor modelo de bos e xenerosos que proclama o noso Himno”, que devolveron a Galicia “acrecentadas, as oportunidades que Galicia lles negara”. Destacou tamén a súa dobre achega ao país natal, posto que “tenderon as pontes que proxectan Galicia ao exterior e abriron os poros da nosa terra a todos os ventos e acentos culturais”.

Canda os emigrantes, o presidente da Xunta tivo tamén palabras de especial recoñecemento para os soldados galegos en misións de paz, para os mariñeiros e, en definitiva, para todos os galegos que por unha ou outra razón “están ausentes do seu lar”.

Ao fío da conmemoración do centenario do Himno Galego, Touriño resaltou que as notas de Pascual Veiga e os versos de Eduardo Pondal continúan a ser os mesmos que soaron na Habana en 1907, “simbolizando deste xeito a permanencia da nosa identidade cultural, as nosas arelas de liberdade e o noso insubornable compromiso co Fogar de Breogán”.

O titular da Xunta enfatizou sen embargo a profunda transformación experimentada por Galicia neste tempo, contrapoñendo o país que entoaba o Himno “co corazón encollido pola saudade” coa Galicia actual, que superou “o estereotipo que nos convertía en seres sumidos na desconfianza, no individualismo minifundista e no conservadurismo que esteriliza”.

“Os galegos e galegas de hoxe confían nas súas forzas e na súa capacidade transformadora”, afirmou o xefe do Executivo autonómico, quen engadiu que a democracia e o autogoberno canalizan esa enerxía colectiva, “facendo de Galicia un espléndido exemplo dos beneficios da autonomía política”.

Para o titular do Goberno autonómico, 2007 foi “un ano de estabilidade e de progreso”. “Estabilidade institucional, a fonte que alimenta a confianza dos emprendedores e dos cidadáns en xeral”, aseverou, e “de estabilidade social, o mellor fertilizante para que agromen, vizosos, os froitos do desenvolvemento”.

Emilio Pérez Touriño subliñou o progreso experimentado polo emprego en Galicia nos últimos doce meses, cando a poboación activa do país superou xa a cifra histórica de 1.300.000 persoas. “Nunca, ata o de agora dispuxera Galicia de tantos brazos e cerebros involucrados na tarefa de crear riqueza”, resaltou.

Na súa mensaxe aos cidadáns, o presidente da Xunta remarcou tamén o progreso rexistrado no terreo dos dereitos sociais, con avances na atención dos dependentes, a ampliación dos dereitos dos pacientes, o recoñecemento do traballo en igualdade das mulleres, a protección e apoio ás vítimas da violencia doméstica ou coa extensión da gratuidade dos libros de texto.

Referiuse ademais ao progreso experimentado na “configuración do territorio como espazo para vivir, convivir e preservar”, na potenciación do sistema educativo e da innovación, a proxección nos mercados internacionais e no fomento da sociedade do coñecemento.

O presidente da Xunta sinalou que “non convén durmirse” porque “Galicia é unha obra en permanente construción”, que require da unidade para facer fronte aos desafíos do futuro.

“Esa unión, baseada no diálogo que evita a confrontación estéril”, incidiu Touriño, é a clave para afrontar os grandes desafíos globais, polo que avogou por aplicar “na casa común dos galegos os mesmos criterios que rexen no mundo global”.

Aludindo ás “verdades incómodas” de Al Gore, o máximo mandatario galego salientou que existen tamén a escala galega, relacionadas co ambiente e coa ordenación do territorio, e que “precisan asimesmo consensos globais e xenerosos das distintas opcións políticas e dos distintos territorios”. Esa é, consonte afirmou, a vía para avanzar “na construción da desa Galicia máis próspera, máis xusta e máis equilibrada que arelamos”.

O titular do Goberno galego concluíu a súa intervención expresando o seu convencemento de que “esta Galicia en marcha inspira confianza alén das nosas fronteiras” , e que “Galicia enteira está presta para cruzar a ponte que separa os soños da realidade”.

DISCURSO DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA, EMILIO PÉREZ TOURIÑO

Santiago, 31 de decembro de 2007

Amigas e amigos de Galicia:

Quero esta noite deixar a un lado a solemnidade dos discursos oficiais, para desexarlles boas festas e compartirmos unha breve reflexión sobre o país que a todos nos une. E vouno facer ao redor da fermosa conmemoración do centenario do Himno Galego, ese raio transparente que naceu como unha faísca de irmandade na emigración e que, cen anos despois, atravesa os cinco continentes para identificar a galeguidade universal.

A eses emigrantes, mensaxeiros dos nosos valores polos camiños do mundo, quero reservarlles esta noite un recoñecemento especial, porque eles son o mellor modelo dos bos e xenerosos que proclama o noso Himno. E porque nos conmove o patriotismo de homes e mulleres que devolveron a Galicia, acrecentadas, as oportunidades que Galicia lles negara.

Foron eles, co seu sacrificio, coa súa doble contribución ao país natal e ao país de acollida, quen tenderon as pontes que proxectan Galicia ao exterior e abriron os poros da nosa terra a todos os ventos e acentos culturais.

Como coñece en propia carne o drama que comporta o éxodo e a búsqueda de oportunidades, Galicia está obrigada a ser un país aberto e hospitalario. Un país que acolle fraternalmente ao inmigrante que comparte connosco o pan e o traballo, as dificultades e os éxitos, condicións que lle confiren credenciais de galeguidade a todos os efectos.

A eses inmigrantes que un día chegaron ás nosas costas inzados de ilusión, e que probablemente nestas datas padezan o amargor da saudade que tan ben coñecemos, quero dicirlles simplesmente que este é tamén o seu país, esta é tamén a súa casa.

Non podo esquecer tampouco, nestes días de entrañable significación, a todos os galegos que, por unha ou outra causa, están ausentes do seu lar. Desde os soldados galegos que, con risco das súas vidas, desempeñan tarefas humanitarias e defenden a causa da paz en lonxanos países, ata os mariñeiros que velan pola intendencia e prosperidade dos nosos fogares. Saiban todos eles que os agardamos cos brazos abertos.

Queridos amigos e amigas:

As notas de Pascual Veiga e os versos de Eduardo Pondal seguen a ser os mesmos que foron interpretados na Habana o 20 de decembro de 1907, simbolizando dese xeito a permanencia da nosa identidade cultural, as nosas arelas de liberdade e o noso insubornable compromiso co Fogar de Breogán.

Pero, nese século transcurrido, Galicia experimentou unha profunda transformación. Varias xeneracións de galegas e de galegos mudaron a súa fisionomía, derrubaron os valados do pesimismo resignado e restauraron as vigas mestras sobre as que estamos a construír o futuro.

Non vou reiterar os cambios que están á vista de todos e que atinxen á esfera da economía, da política, da cultura, do benestar social e da vida en xeral. Pero si quero salientar, con especial satisfación, un avance fundamental: a superación dese estereotipo que nos convertía en seres sumidos na desconfianza, no individualismo minifundista e no conservadurismo que esteriliza.

Os galegos e galegas de hoxe confían nas súas forzas e na súa capacidade transformadora, conservan os ingredientes máis fértiles da súa personalidade histórica, pero innovan e miran cara ao horizonte coa decisión de quen se sabe dono do seu porvir.

Os galegos e galegas de hoxe saben, ademais, que contan co liderado institucional, un factor ausente cando o noso Himno se entoaba co corazón encollido pola saudade e pola tristura, melancolía só amortecida daquela polo bálsamo da esperanza.

A democracia e o autogoberno canalizan hoxe ese enorme caudal de enerxía colectiva que atesouramos como pobo, facendo de Galicia un espléndido exemplo dos beneficios da autonomía política.

Moldeados pola historia, somos quen somos. Pero seremos o que queremos ser, porque temos unha sociedade civil pletórica de iniciativa, porque dispoñemos de ferramentas institucionais para labrar o porvir, e porque a vontade colectiva fecunda os soños máis ambiciosos.

Imos polo bo camiño. O ano que agoniza foi un ano de estabilidade e de progreso. De estabilidade institucional, a fonte que alimenta a confianza dos emprendedores e dos cidadáns en xeral. E de estabilidade social, o mellor fertilizante para que agromen, vizosos, os froitos do desenvolvemento.

Foi tamén un ano de progreso.

Progreso en términos de emprego: a falta de datos sobre o último trimestre, cada día dos primeiros nove meses atoparon traballo 111 mulleres e 52 homes. A población activa no noso país superou xa a cifra de 1.300.000 persoas: nunca, ata o de agora, dispuxera Galicia de tantos brazos e cerebros involucrados na tarefa de crear riqueza.

Progreso na esfera dos dereitos. Dereito das persoas dependentes a seren atendidas nas súas necesidades. Dereito das mulleres a traballar nas mesmas condicións que os homes. Dereito dos pacientes a recibiren unha segunda opinión médica e novas prestacións do sistema de saúde. Dereito das familias á gratuídade dos libros de texto. Dereito dos pensionistas máis desasistidos a percibiren un complemento autonómico das súas pensións non contributivas. Dereito das vítimas da violencia de xénero a contar con asistencia e axuda económica.

Progreso na configuración do territorio como espazo para vivir, convivir e preservar. Progreso na potenciación do sistema educativo e do espírito innovador, a nosa máis rendible inversión no mercado de futuros e trampolín único para acceder á sociedade do coñecemento.

Mais non convén durmirse, porque Galicia é unha obra en permanente construción nun mundo a cada paso máis complexo. Unha sinfonía na que todos os instrumentos son imprescindibles. Por iso, no albor do novo ano, quero facer fincapé na idea de Galicia como a casa común que convoca aos seus fillos, sen exclusións, a unirse na tarefa colectiva.

Esa unión, baseada no diálogo que evita a confrontación estéril, é a clave fundamental para non estragar nin dispersar esforzos e afrontar os grandes retos que comporta o mundo global. Porque non hai, nese contexto de interdependencia, desafíos locais que se podan resolver localmente, nin solucións que non reclamen unha perspectiva local.

Trátase, en suma, de aplicar na nosa casa, na casa común dos galegos, os mesmos criterios que rexen no mundo global. A comunidade de nacións anda en procura de respostas comúns a problemas candentes coma o quecemento do planeta. Son, en palabras de Al Gore, verdades incómodas que a comunidade internacional intenta asumir con protocolos e acordos.

Penso que, a escala galega, tamén existen verdades incómodas relacionadas coa ordenación do territorio ou co medio ambiente, que precisan asimesmo consensos globais e xenerosos das distintas opcións políticas e dos distintos territorios.

Estou convencido de que, baixo o signo da unión, afrontaremos as verdades incómodas, superaremos os grandes desafíos e avanzaremos na construción desa Galicia máis próspera, máis xusta e máis equilibrada que arelamos.

Porque teño fe no meu país.

Porque comprobo que esta Galicia en marcha inspira confianza alén das nosas fronteiras.

Porque teño no tesón das nosas xentes a mellor folla de ruta para exercer a función que vostedes me encomendaron.

Porque comparto os latexos daqueles corazóns, encollidos pola saudade pero inflamados de esperanza, que un día de hai cen anos se botaron a cantar para proclamar a chegada dos novos tempos.

Porque sei que o meu pobo, Galicia enteira, está presta para cruzar a ponte que separa os soños da realidade.

Feliz 2008, amigas e amigos.
R.