Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Presentados los actos conmemorativos del centenario del fallecimiento de Curros Enríquez

Nota de prensa remitida por la Fundación Curros Enríquez:

O Padroado da Fundación Curros Enríquez, que se reuniu na sala da lareira, para, entre outras cousas, fixar as actividades que se celebrarán en 2008 en conmemoración do centenario da morte de Manuel Curros Enríquez, aprobou un orzamento anual de 57 mil euros que aportan en distintas proporcións algúns dos patróns institucionais como o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, a Consellería de Cultura, a Consellería de Educación e Caixanova. Os restantes patróns que non aportan cantidades concretas ó orzamento ordinario da Fundación como o Consello da Cultura Galega, as tres Universidades galegas e a Real Academia Galega comprometéronse na organización de actividades conxuntas en lembranza do vate celanovés.

Os restos do poeta Manuel Curros Enríquez atópanse na actualidade no cemiterio de San Amaro da cidade de A Coruña , con tal motivo os actos do 7 de marzo, propio día de conmemoración do 100 aniversario da súa morte, centraránse nesta cidade. Ata ela desplazaranse os membros do Padroado desta Fundación para realizar unha ofrenda floral, visitar o CEIP Curros Enríquez da cidade herculina, homenaxear ao vate diante do seu principal monumento nos Xardíns do Méndez Núñez e finalmente anunciar o Premio Celanova, Casa dos Poetas na edición de 2008 na sede da Real Academia Galega.

Actos de homenaxe a Curros tamén terán protagonismo de maneira especial na súa vila natal, Celanova, en colaboración coa Consellería de Cultura; en Ourense gracias ao ofrecemento do Liceo e en Madrid onde xa se está en contacto coa Casa de Galicia.

A colaboración da Real Academia Galega durante este ano do centenario intensificarase, anunciou Xosé Luís Axeitos como representante enviado, coa organización dunha exposición con material orixinal de Curros. Entre outros obxectos viaxarán a Celanova a bandeira coa que foi envolto o cadavre, a coroa que se lle entregou en 1904 no acto de coroación poética (acto que significou o primeiro recoñecemento público a un poeta en galego en vida), unha colección de partituras de poemas musicados e primeiras edicións, algunhas con apuntamentos do propio Curros. Esta mostra inagugurarase en Celanova e exporase unicamente na Coruña a continuación.

Durante 2008 a Fundación Curros Enríquez itinerará unha exposición de creación propia sobre a vida e obra de Manuel Curros. Os paneis que formarán esta obra poderán visitarse en casas de cultura e centros de ensino, como por exemplo os denominados co nome do poeta, por todo o territorio galego ao longo do ano.

Con motivo desta mostra itinerante Cen anos despois de Curros. Poesía e xornalismo, o Centro da Cultura Popular “Xoaquín Lorenzo” colaborará coa organización de varias conferencias sobre o homenaxeado que serán impartidas polos profesores Marcos Valcárcel e Afonso Vázquez-Monxardín. Ademais o Centro da Cultura Popular centrará gran parte do próximo número do mes de maio da Revista Raigame na figura de Curros Enríquez e celebrará na Casa dos Poetas en colaboración con esta Fundación e a Facultade de Ciencias da Educación unha mesa redonda sobre as casas dos escritores como centros de dinamización do patrimonio literario.

Outra das grandes propostas para este ano do centenario e no que xa se está a traballar é a edición dun disco de María do Ceo con poemas dos autores de Celanova, sendo Curros o protagonista.

Tamén Curros será o punto de referencia para outras actividades aprobadas polos membros desta entidade como a organización dunha lectura conxunta de poemas nas 54 localidades galegas que contan con rúas denomidas Curros Enríquez. Asi mesmo se retomará o proxecto da ‘Ruta do Rexurdimento’, nesta ocasión será o Consello da Cultura Galega a entidade colaboradora, que pretende divulgar conxuntamente os lugares de referencia dos principais autores desta etapa como son Curros, Rosalía e Pondal, é dicir, Celanova, Padrón e Ponteceso. Proxecto no que tamén están implicadas as fundacións dos outros autores.

Entre os cursos e seminarios que se celebrarán destaca o de xornalismo audiovisual coa Fundación Carlos Casares e mais o de turismo literario que acollerá a Casa dos Poetas organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo.

Este ano será a excusa para a celebración de varios encontros: un de tódolos autores nacidos ou relacionados con Celanova, outro de poetas novos e finalmente un de escritores-funcionario. En canto a este último lembramos que Curros foi funcionario en Facenda en Ourense durante dous anos polo que a celebración deste encontro en Celanova está máis que xustificado.

Por suposto tamén estarán presentes as celebracións musicais a través de concertos de autores con composicións ligadas ao poeta entre os que podemos avanzar un concerto homenaxe de música coral por parte da Coral Solpor de Celanova.

Por último en relación ao autor protagonista do 2008 continuarán as actividades para escolares ofertadas desde a Casa dos Poetas como o programa ‘O Curros de Celanova’ (programa que combina visitas turísticas, a ruta de sendeirismo denominada ‘currosiana’ e a lectura de poemas) e a reinterpretación fotográfica do poema ‘Unha boda en Einibó’, asi como a celebración de obradoiros e actividades de animación á lectura.

Transmitimos desde a Fundación Curros Enríquez o noso especial agradecemento a este amplo abano de institucións que se prestan a colaborar connosco para que a voz do noso querido poeta sone moi forte no ano do Centenario da súa morte. 100 anos sen Curros.
R.