Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La marca de calidad PescadeRías certificará 99 productos de la pesca y el marisqueo de Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presentou na Praza de Abastos de Santiago, xunto á conselleira de Pesca, Carmen Gallego, e ao alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a marca de calidade PescadeRías, ¿de onde se non?, selo impulsado pola Consellería de Pesca co obxectivo de identificar os produtos galegos do mar “que polas súas propias características e polo saber facer do noso sector, se diferencian de produtos procedentes doutros lugares”. Esta marca de calidade outorgará, segundo sostivo Touriño, un “valor engadido” aos produtos pesqueiros e marisqueiros de Galicia e certificará que estes “proceden da costa galega e foron descargados en portos da nosa comunidade”.

Nesta iniciativa a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos leva traballando arredor de dous anos. Ao abeiro da nova marca, que comezará a expedirse o vindeiro 7 de marzo, quedará certificado –tal e como salientou Pérez Touriño- “que os produtos agrupados baixo a nova marca foron capturados como máximo 24 horas antes da súa primeira venda, para poder garantir un nivel de frescura extra”.

Segundo puxo de manifesto o máximo mandatario autonómico, o principal obxectivo que se persegue coa denominación de PescadeRías, ¿de onde se non? é acadar “a diferenciación do produto galego coa intención de xerar un valor engadido ao que de por si xa posúen os nosos pescados e mariscos”. O impulso desta marca busca, segundo Touriño, implicar ao propio sector “da pesca artesanal e do marisqueo”, permitindo a súa “participación na cadea de comercialización”.

En accións formativas e divulgativas desta iniciativa, o Goberno galego investira un total de 1,5 millóns de euros. En verbas do presidente da Xunta, este investimento destinarase “non só a campañas de publicidade, senón tamén a financiar un intenso plan de formación e información”.

Ata un total de 99 grupos de especies dentro da marca
O presidente da Xunta sinalou ademais que os grupos de especies amparados pola nova marca ascenden a 99. Entre eles, atópanse algas, moluscos, crustáceos, equinodermos e peixes, que son –tal e como asegurou Touriño- “as especies máis habituais procedentes das capturas da nosa pesca artesanal e do noso marisqueo”. “Un total de 23 lonxas foron xa preseleccionadas para poñer á venda estes produtos diferenciados”, engadiu Touriño.

Xunto a isto, o máximo mandatario autonómico subliñou que esta política de identificación dos produtos pesqueiros galegos, co valor engadido que supón para eles e coa modificación que representa para o sistema de comercialización, contribuirá a “mellorar as rendas para as xentes do mar” co fin de “mellorar os ingresos dos que traballan na pesca artesanal e no marisqueo”.

Segundo destacou tamén o xefe do Goberno galego, “o amparo e a protección que atesouran na nosa comunidade os estandartes do sector agroalimentario, desde viños cada vez máis recoñecidos, premiados e internacionais, ata a extensa cesta de produtos amparados en toda unha rede de denominacións de orixe, tiña necesariamente que trasladarse ao primeiro sector que lle deu dimensión internacional a nosa economía competitiva”. En palabras de Touriño esta iniciativa era “unha materia pendente e un compromiso”.

Ao tempo, a nova marca de calidade certificada incidirá tamén “na nosa importantes industria de transformación”, tal e como puxo de manifesto Pérez Touriño. Neste sentido, o máximo mandatario autonómico incidiu en que as empresas dedicadas ao procesado poderán facer un uso deste selo identificativo “para poñer en valor os seus produtos, a través das vías da diferenciación, da calidade e da innovación”.

Paralelamente, o xefe do Goberno galego destacou algúns datos que amosan que a xestión dos recursos produtivos levada a cabo pola Consellería de Pesca ao longo dos últimos dous anos “está dando os seus froitos”. En 2007 comercializáronse en lonxa 172,4 toneladas de produto, un total de 10,5 toneladas máis que en 2005, o que representa un incremento do 6,5 por cento, tal e como destacou Touriño. “A evolución das vendas en lonxa pasou de 412,5 millóns de euros en 2005 a 463,7 millóns en 2007, o que supuxo un incremento do 12,4 por cento”, engadiu Touriño.

Finalmente, Pérez Touriño amosou o seu convencemento de que a nova marca hoxe anunciada “vai supoñer un beneficio para todos”, tanto para “as esforzadas xentes do mar” como para “as empresas comercializadoras, a industria transformadora, a hostalaría e, sobre todo, para os consumidores”. “En definitiva, un beneficio para Galicia”, concluíu Touriño.
R.