Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Un Centro de Negocios en Bruselas fomentará la participación de las empresas gallegas en la captación de fondos de la UE

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que a Fundación Galicia Europa porá en marcha este ano un Centro de Negocios en Bruxelas que servirá como plataforma de lanzamento das pequenas e medianas empresas de Galicia ante a Unión Europea. O xefe do Executivo galego explicou que este centro se marca como obxectivo incrementar a participación das pemes en proxectos e iniciativas europeas, así como achegalas ao mercado da Unión, incrementando a súa internacionalización.

Así o salientou Emilio Pérez Touriño, logo de presidir a reunión do Padroado da Fundación Galicia Europa, na que se aprobou o Programa de actividades e o orzamento desta entidade de cara ao 2008, un prespuposto que superará os tres millóns de euros.

Segundo explicou o presidente galego, o Padroado da Fundación acordou dar unha nova orientación a este instrumento para mellorar a súa eficacia, fortalecer a presenza de Galicia e defender os seus intereses ante a Unión Europea, dándolle un xiro á actividade que viña desenvolvendo para potenciar o apoio ás empresas.

Nesta liña, puxo de relevo a aprobación dun Centro de Negocios que pretende mellorar a internacionalización da economía galega, sumando as pequenas e medianas empresas aos mercados internacionais. Así, segundo explicou Touriño, o Centro de Negocios pretende ser un instrumento “útil e potente” para impulsar a presenza internacional das empresas galegas a través dun conxunto de servizos que ofrecerá ás pemes.

En primeiro lugar, o Centro de Negocios contará cun servizo de infraestruturas que negociará tarifas preferenciais para poñer a disposición das empresas galegas interesadas os servizos dun business center en Bruxelas, ao tempo que porá á súa disposición as instalacións da propia Fundación Galicia Europa. Unha segunda liña de actuación é a xestión de servizos de tradución e interpretación para as empresas que o precisen.

En terceiro lugar, o Centro de Negocios fornecerá asesoramento nun amplo espectro de temas relacionados coa Unión Europea desde a normativa comunitaria, con efectos directos sobre as empresas, ata informacións sobre proxectos europeos, instrumentos financeiros e xestións diante das autoridades comunitarias.

Unha cuarta liña de actuación deste centro estará encamiñada a erixirse como unha auténtica “xanela única” de oportunidades para as pemes, asociando a este servizo as entidades galegas que traballan na nosa comunidade en favor da apertura das empresas da nosa comunidade á UE. Finalmente, o Centro de Negocios tamén contribuirá a tarefas de formación, promovendo prácticas especializadas en empresas, cursos e masters adaptados ás pequenas e medianas empresas.

Tal e como explicou o presidente da Xunta, outra das liñas de actuación aprobadas hoxe pola Fundación Galicia Europa de cara a 2008 é a potenciación da imaxe de Galicia na Unión Europea. “Trátase de identificar e visualizar máis a imaxe de Galicia e a súa presenza na Unión Europea, proxectándoa especialmente cara aos novos países do leste”, aseverou Pérez Touriño.

Así mesmo, o xefe do executivo autonómico salientou que de cara a este exercicio, a Fundación Galicia Europa porá en marcha unha experiencia novidosa no campo cultural que consistirá na organización de exposicións da produción artística e cultural máis importante da Galicia actual.

Neste sentido, o presidente galego sinalou que a Fundación Galicia Europa pode xogar un papel moi importante posto que nela están integradas as fundacións culturais máis importantes de Galicia, como as promovidas por Caixa Galicia, Caixanova e o Banco Pastor.

O presidente da Xunta reuniuse tamén co comisario de Ciencia e Investigación da Comisión Europea, Janez Potocnik, con quen abordou o potenciamento das plataformas tecnolóxicas galegas; co Alto Representante da Política Exterior e de Seguridade Común, Javier Solana; e co director xeral de Relacións Exteriores da Comisión Europea, Eneko Landaburu, para poñer en marcha un conxunto de proxectos encamiñados a potenciar a presenza internacional de Galicia e as políticas de I+D+i.

Neste último aspecto, Pérez Touriño manifestou que a comunidade galega “é a primeira rexión entre todas as da Unión Europea que ten orientado con maior nitidez e intensidade os fondos dos que disporá entre 2007 e 2013 de cara á promoción da sociedade do coñecemento”. Así explicou que o 82 por cento das accións financeiras da Unión Europea neste período se destinarán a I+D+i e sociedade do coñecemento, como vía fundamental para lograr a converxencia coas rexións máis punteiras.

A este respecto, o presidente galego lembrou que entre 2004 e 2007 Galicia logrou un “salto sen precedentes” ao pasar do 81,4 ao 88,6 de renda media europea. “Neste período converxemos en sete puntos, aumentando a converxencia en 2,4 puntos anuais, o triplo do ritmo precedente”, concluíu.
R.