Arranca el 25 de abril el programa de actividades conmemorativas del centenario del fallecimiento de Curros Enríquez

Galicia rende homenaxe a Curros Enríquez no centenario do seu pasamento. A Consellaría de Cultura e Deporte e os concellos de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago e Pontevedra organizan o programa Centenario Curros Enríquez, no que o escritor é homenaxeado cunha serie de actividades que se desenvolverán en cidades e vilas galegas ao longo deste ano. As actividades arrancan o 25 de abril na Coruña coa inauguración da exposición Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso.
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou este programa acompañada dos concelleiros e concelleiras responsables da área de Cultura en Vigo, Xesús López Carrera; A Coruña, María Xosé Bravo; Ourense, Isabel Pérez; e Santiago, Néstor Rego. As actividades destacan polo seu carácter itinerante, que fará que se poidan gozar en varias cidades e vilas de Galiza, e por seren creadas expresamente para conmemorar o centenario do pasamento de Curros.
Forman o programa unha exposición sobre a figura de Curros Enríquez, un ciclo de conferencias, un recital poético-musical, un concerto dun cuarteto de corda, e a representación teatral dunha obra escrita por Curros. Tamén se creará un documental e unha unidade didáctica dirixida aos centros escolares.
A exposición "Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso" é a actividade coa que se iniciará o programa. Trátase dunha mostra para o exterior, que se inaugurara o 25 de abril na zona do Obelisco, na Coruña, onde se poderá visitar ata o 11 de maio. A exposición fai un percorrido pola significación literaria, social e política do escritor nado en Celanova en 1851 e finado na Coruña en 1908. Consta de oito paneis con información escrita e gráfica e proxeccións audiovisuais. Está mostra percorrerá despois outras cidades galegas. A seguinte cita será en Ourense do 15 ao 27 de maio.
Xunto á exposición desenvolverase un ciclo de conferencias co título "Curros e o seu tempo". Na Coruña celebrarase en maio, e está previsto que logo se traslade a outras cidades. O ciclo consta de cinco conferencias. Francisco Rodríguez Sánchez falará sobre "A vixencia da obra de Curros". Laura Mariño e Diego Pardo disertarán sobre "Curros Enríquez e a Igrexa do seu tempo". Manuel Rei Romeu afrontará o tema "Curros fronte ao poder establecido". Pilar García Negro tratará "A defensa da lingua galega en Curros Enríquez", e Elisardo Varela falará de "Curros en Cuba".
Música e teatro
O compositor Paulino Pereiro presentará o 18 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña un concerto con composicións creadas para conmemorar o Centenario. Serán catro pezas para cuarteto de corda, tres delas estreas absolutas. O concerto iniciarase coa peza "Lalitpur", unha obra abstracta nomeada cunha palabra nepalí que significa "cidade da beleza e das artes". As outras tres pezas son de inspiración popular, sobre temas coñecidos da música tradicional galega: un alalá de Muxía, unha pandeirada e unha melodía galega para cuarteto de corda.
Un recital poético-musical percorrerá as cidades galegas e tamén a vila natal de Curros, Celanova. Co título "Na fronte unha estrela", o espectáculo estrúturase arredor de poemas e cantigas líricas baseadas nos seus textos. As pezas serán interpretadas pola mezzosoprano María José Ladra e o barítono e recitador Antón de Santiago, autor tamén do guión do espectáculo. A parte instrumental correrá a cargo do grupo Cítola. Entre os 14 poemas de Curros que interpretarán figuran algúns tan significativos como "No bico un cantar", "Unha noite na eira do trigo", "Na chegada a Ourense da primeira locomotora", "Tangaraños", "A Rosalía" e "O Maio". O espectáculo ofrecerase ao público por primeira vez en Ourense o 15 de maio.
E tamén desde o teatro se homenaxeará a Curros. O grupo de teatro amador Achádego porá en escena unha adaptación de "O divino sainete" realizada por Marica Campo. Nesta versión, o texto escrito hai 120 anos actualízase para amosar a súa vixencia no presente. Á estrea o día 1 de xuño na Coruña seguirán representacións por localidades de toda Galiza.
A Consellaría de Cultura e os concellos implicados encargaron tamén a realización dunha produción audiovisual sobre Curros Enríquez. O documental, realizado por Carlos Oro, centrarase nos aspectos máis salientables da súa vida, da súa obra e da súa actividade política. Tamén se achegará ao escultor Asorey e o monumento a Curros nos Cantóns da Coruña. Está previsto que este documental se estree no verán.
As actividades previstas pretenden achegar a figura do poeta a todos os públicos. Nesta liña tamén se creou unha unidade didáctica para o alumnado da ESO e Bacharelato. Co título "A volta a Curros en oito actividades", ten por obxecto divulgar a vida e a obra dun dos autores máis importantes do Rexurdimento. Estrutúrase como unha viaxe con diversas etapas, e trátase de ligar a obra de Curros con outros autores galegos, outras disciplinas artísticas e con temas de actualidade.
R.