Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

41 compañías gallegas de teatro reciben máis de un millón de euros para la organización de actividades

Nota de prensa remitida por el Igaem (Xunta de Galicia):

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellaría de Cultura e Deporte adxudicou un total de 1.239.929,77 € a 41 compañías profesionais galegas de teatro, danza e maxia como resultado da súa convocatoria de subvencións á actividade escénica. O Consello Reitor do IGAEM ratificou as contías concedidas a cada proposta –7 dentro do apartado de nova creación, 22 de teatro de actor e de monicreques, 7 de danza e 5 de maxia, ademais de aprobar os importes no resto das modalidades: programa Crédito-Cultura e axudas á distribución, ás dotacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios, ás salas privadas de teatro e artes escénicas, ao asociacionismo profesional e á formación especializada.

Así, nesta primeira quenda de resolucións foi adxudicado un total de 1.906.078,17 €, cifra que representa o 90% do orzamento global da convocatoria 2008 de axudas (2.120.000 €) á que o IGAEM dotou dun importante aumento inversor co obxectivo de impulsar a articulación dunha industria galega do teatro, a música e a danza innovadora e competitiva. A contía restante (213.921,83 €) está reservada ás subvencións á promoción e distribución de traballos discográficos –subapartado das axudas á distribución aínda pendente de resolución–, así como ao programa Crédito-Cultura, á distribución exterior dos espectáculos de artes escénicas e musicais, á asistencia a feiras e outras plataformas de exhibición musical e á formación especializada, para as que continúa aberto o prazo de recepción de solicitudes.

258 funcións

No caso da liña de apoio á actividade escénica (modalidade A), 126.000 € destínanse ás propostas presentadas por 7 compañías de recente creación (Alejandro Sampayo, La Imagina Machina, Nbekworks, Pistacatro, Teatro Ensalle, Voadora e Uxía Vaello); 892.396,50 € a 22 compañías de teatro de actor e de monicreques, tanto na modalidade anual para produción e distribución de novos espectáculos como na bianual para a continuidade da actividade (A Factoría Teatro, Ancora Produccións, Artello Teatro Alla Scalla 1.5, Bengala Produccións, Berrobambán, Encena Produccións Artísticas, Lagarta Lagarta, Matarile Teatro, Os Monicreques de Kukas, Os Quinquilláns, Produccións Excéntricas, Sarabela Teatro, Talía Teatro, Teatro Buratini, Teatro Galileo, Teatro de Ningures, Teatro do Atlántico, Teatro do Morcego, Teatro do Noroeste, Títeres Cachirulo, Volta e Dálle e Viravolta Títeres); e 166.000 € ás axudas anuais e bianuais para 7 compañías de danza (BStudio, Branca Novoneyra, Druída Danza, Entremáns, Marco González, Merce de Rande e Nova Galega de Danza). Estas contías reflectiranse no desenvolvemento dun total de 258 funcións de teatro e danza, ás que hai que sumar os espectáculos producidos polas 5 empresas de maxia (Creacións Máxicas, Ilusións Máxicas, Pedro Volta, Mago Romarís e Martín Camiña) adxudicatarias das subvencións a investimentos produtivos neste ámbito artístico por un importe total de 55.533,27 €.

Canto ao programa Crédito-Cultura (modalidade B) –unha das novidades desta convocatoria a través da que busca facilitar e normalizar en condicións vantaxosas o acceso das empresas do sector ao financiamento bancario–, até o momento foi resolta favorablemente a solicitude dunha compañía, Bengala Producións, á que o IGAEM achega 1.100 € destinados aos xuros do préstamo concedido.

Para as subvencións á distribución (modalidade C) resérvase un orzamento de 380.000 €, do que nesta quenda foi adxudicado preto do 58% dirixido tanto á realización dun total de 240 funcións e concertos fóra de Galiza a cargo de 28 empresas escénicas e musicais (212.786,84 €) como á asistencia doutras 3 empresas a feiras musicais de carácter internacional (6.589,78 €).

Espazos escénicos

No apartado de espazos escénicos, 9 concellos (Burela, Cangas, Carballo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago e Tui) resultaron beneficiarios dos 120.000 € convocados dentro da liña de axudas para investimentos na Rede Galega de Teatros e Auditorios (modalidade D), mentres que os 200.000 € destinados a programación de salas privadas de teatro e de artes escénicas (modalidade E) foron adxudicados a 5 espazos: Teatro del Andamio na Coruña; Sala Nasa e Teatro Galán en Compostela; e Teatro Arte Livre e Teatro Ensalle en Vigo.

Por último, o Consello Reitor do IGAEM ratificou tamén a concesión de 110.000 € a 6 asociacións profesionais do sector dentro da modalidade F, así como 8.000 € a dúas das propostas presentadas até o momento ás axudas á formación especializada no ámbito escénico e musical (modalidade G), á que se destina un total de 40.000 €.
R.