Infraestructuras: la Xunta de Galicia inicia los trámites para la creación del Ente Público Ferroviario

El futuro ente público asumirá, entre otras cuestiones, la coordinación y puesta en marcha de los sistemas de metro ligero que se creen en las áreas metropolitanas de Galicia. También se encargará de analizar la cesión de infraestructuras ferroviarias integradas en la Red Ferroviaria de Interés General a la Comunidad Autónoma, según informó hoy la Xunta por medio de un comunicado.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Xunta de Galicia inicia os trámites para a creación do Ente Público Ferroviario de Galicia coa publicación, no Diario Oficial de Galicia de hoxe, da licitación do contrato de servizo para elaborar o proxecto de lei deste organismo, por un importe de 180.000 euros.
O proxecto de lei desenvolverá as competencias que en materia ferroviaria están previstas no artigo 27.8 da Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril, do Estatuto de Autonomía de Galicia, tal e como xa sucede en Cataluña, dende o 2001; Andalucía, dende 2003, e o País Vasco, dende o pasado 2004. Este futuro ente público ferroviario de Galicia terá que asumir, entre outras cuestións, a coordinación e posta en marcha dos sistemas de metro lixeiro que se desenvolvan nas áreas metropolitanas de Galicia.
Tamén se encargará de analizar a cesión de infraestruturas ferroviarias integradas na Rede Ferroviaria de Interese Xeral á Comunidade Autónoma de Galicia; asumir o mantemento e administración desas infraestruturas unha vez transferidas, así como planificar, proxectar, construír, manter e administrar as infraestruturas ferroviarias de nova construción que sexan competencia da Comunidade galega.
Ademais, desenvolverá, no caso de que o estudo a realizar así o considere, unha normativa propia, relacionada cos ámbitos da súa competencia, especialmente no caso das redes de metro lixeiro. Outra das súas funcións será atraer os tráficos de viaxeiros e mercadorías cara ao ferrocarril para contribuír á sustentabilidade do sistema do transporte. Esta tarefa deberá facela con criterios de coordinación intermodal e eficiencia, tratando de obter a maior utilidade para a sociedade dos recursos empregados.
Servirá de interlocutor técnico ante o Ministerio de Fomento, en cantas actuacións se leven a cabo sobre a Rede Ferroviaria, e identificará, conservará e porá en valor o patrimonio cultural ferroviario de Galicia. Para contribuír a tal fin, no marco deste traballo estudarase a viabilidade de aplicar o 1% cultural dos investimentos ferroviarios do futuro ente a actividades relacionadas co patrimonio ferroviario en Galicia. Por último, fomentará o I+D+i no sector ferroviario en Galicia, procurando que a súa implantación nos sistemas ferroviarios fagan de Galicia unha comunidade punteira en tecnoloxía e innovación. Este tipo de actuacións poderán proxectarse a través da colaboración con universidades, centros de investigación e empresas, procurando orientar o esforzo investigador cara ao desenvolvemento do transporte ferroviario, así como á formación de profesionais no campo das infraestruturas e os transportes por ferrocarril.
Coa posta en marcha deste ente, o Goberno galego pretende que Galicia asuma a adxudicación de capacidade aos operadores ferroviarios na rede transferida á Xunta de Galicia, así como a percepción de canons polo uso da infraestrutura, estacións e terminais de mercadorías correspondentes á devandita rede.
Ademais, este ente deberá ter capacidade para analizar as necesidades de mobilidade rexional e de longa distancia susceptibles de ser atendidas por ferrocarril, así como para deseñar os servizos necesarios para atender da forma máis eficiente estas necesidades. Iso pode requirir a coordinación e negociación con operadores de longo percorrido, así como exercer as competencias que a Xunta de Galicia teña no futuro sobre o deseño e xestión dos servizos rexionais.
Neste ámbito, deberá velar pola coherencia, conectividade e interoperabilidade do deseño e explotación das redes ferroviarias de Galicia, coordinando actuacións cos organismos responsables das infraestruturas de titularidade estatal, das Comunidades Autónomas limítrofes ou de Portugal. Deste xeito, asegurarse unha rede eficiente, que non se resinta en canto á súa funcionalidade ou prestacións polas actuacións de diferentes organismos titulares ou xestores das infraestruturas.
O obxecto do contrato publicado no DOG é a redacción do borrador do texto legal para a creación do ente ferroviario de Galicia –por un importe de 180.000 euros- , así como doutros documentos que, de acordo coa lexislación vixente resulten precisos, ou ben sexan necesarios para definir as funcións e competencias asignadas ao futuro ente. Tamén se realizará o asesoramento e apoio á Xunta de Galicia na tramitación do citado borrador até a aprobación do devandito texto normativo e, finalmente, a redacción dos documentos precisos para a constitución do mesmo.
Paralelamente, ao longo da duración deste contrato, darase asesoramento á Dirección Xeral de Mobilidade en temas relacionados con normativa, competencias, obras e servizos ferroviarios que poidan afectar o marco actual ou futuro no que se desenvolverá a actividade do Ente Ferroviario Galego.
Outra vía que se analizará no estudo a desenvolver de forma preliminar á redacción do borrador de anteproxecto de lei é a posibilidade de que o ente poida participar na explotación dos servizos ferroviarios e, en tal caso, a súa influencia sobre o resto do sistema de transporte.
R.