Declaración Institucional do Presidente da Xunta

Tamén me gustaría transmitir un recoñecemento especial ós máis de 6.000 integrantes dos dispositivos de extinción que protexen de forma ininterrompida os nosos montes e que se enfrontan a diario contra o lume e contra os seus perigos.
Nesta xornada dificilísima para todos os brigadistas, queremos que sintan máis que nunca a nosa proximidade, a nosa gratitude e o noso cariño. Queremos que se sintan acompañados por toda a sociedade galega na tarefa fundamental que desempeñan, como é a loita contra o lume.
Teño a convicción de que a nosa é unha terra con vontade de erradicar os lumes definitivamente da súa historia; e que condena enerxicamente os incendios que se orixinan con nocturnidade e aleivosía, como o que esta pasada madrugada se cobrou a vida de dous mozos en Fornelos de Montes.
Con esa certeza, a Xunta seguirá traballando en todas as frontes, coordinadas a través do comité de seguimento operativo dende o inicio desta campaña de incendios. Seguiremos traballando para coñecer a fondo as circunstancias desta traxedia humana; e para que a investigación aberta dea resultados canto antes. Seguiremos traballando para perseguir ós incendiarios. É prioritario poñer fin á actividade criminal nos montes e, por iso, redobraremos esforzos para que a loita contra a actividade pirómana siga sendo implacable: os delitos forestais teñen que ser detectados, perseguidos e condenados. Seguiremos traballando na loita contra o lume, tanto para previr a aparición de novos focos, como para extinguir completamente os incendios activos.
E, por suposto, seguiremos traballando coa única conduta posible, dende a responsabilidade de goberno. A través da colaboración cidadá e da cooperación con todas as administracións, coas forzas e corpos de seguridade, e con todos os grupos políticos.
Neste senso, quero informarlles que:
Mantivemos e mantemos comunicación permanente co Goberno central. Os conselleiros de Presidencia e Medio Rural, e eu mesmo falamos persoalmente ao longo da mañá co delegado do Goberno en Galicia, con dous membros do Executivo Estatal, a ministra de Medio Ambiente e o ministro de Fomento, e co Presidente do Goberno, que me acaba de transmitir a súa solidariedade e a súa implicación na loita contra os incendiarios, do mesmo xeito que o acaba de facer o líder da oposición, o señor Rajoy.
Tamén mantiven conversas dende primeira hora da mañá co Secretario Xeral do PSdeG e co voceiro nacional do BNG; para transmitir toda a información da que dispoñemos e agradecer a súa colaboración. E, do mesmo xeito, estamos en constante coordinación cos concellos afectados para xestionar da forma máis breve posible tanto a extinción definitiva do lume, como para - sobre todo- dar todo o apoio necesario ás familias dos dous falecidos. Quero subliñar e recoñecer a responsabilidade de todos, que unanimemente transmitiron a súa condena e a súa implicación na loita contra á actividade incendiaria, un reto no que todos somos necesarios e co que todos debemos comprometernos.
O Goberno galego seguirá poñendo todos os meios posibles para evitar desgracias coma a que hoxe lamentamos ou coma os dramas vividos no pasado, pero é imprescindible a colaboración de toda a sociedade. E a Xunta de Galicia seguirá contando con todos para lograr que triunfen os que loitan contra os lumes e fracasen os incendiarios.
Moitas gracias