Cuatro compañías gallegas de danza estrenan en Costa Rica el espectáculo SeisdeCatro
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de GaliciaA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coproduce o espectáculo coreográfico SeisdeCatro, que seis integrantes de catro compañías de danza galegas estrean mañá venres 30 no Teatro de la Danza de San José de Costa Rica. A montaxe, promovida pola produtora Neodans co apoio do Ministerio de Cultura y Juventud do país centroamericano, representarase en distintos escenarios galegos a partir do 15 de outubro baixo a dirección artística de Erick Jiménez.
O propio Jiménez, bailarín e coreógrafo natural de Costa Rica que leva realizando en Galicia os seus últimos traballos, interpreta SeisdeCatro xunto a Maruxa Salas, Rut Balbís, Alexis Fernández, Caterina Varela e Henrique Peón; o que supón a participación na creación e desenvolvemento do proxecto de catro das compañías galegas de danza con maior proxección na actualidade: Sólodos, Pisando Ovos, La Macana e Quique Peón Cía.
O espectáculo, que se xestou nunha residencia de creación como premio do XXIV Certamen Coreográfico de Madrid, materializouse nunha proposta coreográfica sen fronteiras, que defende o intercambio e a posta en común entre os seus seis creadores como premisa fundamental, para despois continuar coa experiencia artística colectiva mediante a súa representación diante do público. Nos ensaios da semana previa á estrea participou tamén a Compañía Nacional de Danza de Costa Rica.
Como fío temático, Seisdecatro centra a súa atención nos planos da realidade e da fantasía e en distintos momentos cotiáns que se poden combinar cun mundo irreal e co inicio de camiños inesperados. O colectivo creativo parte da aceptación de que os feitos son reais pero sempre teñen unha connotación fantástica, o que pode suceder porque non teñen explicación ou pola improbabilidade de que ocorran.
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo participa economicamente neste proxecto, que ten colleitado tamén a colaboración de distintas institucións e entidades americanas, como son a Compañía Nacional de Danza Costa Rica, o Instituto Costarricense de Turismo ou a Plataforma Internacional Real.
Gala de danza galega
Os integrantes de SeisdeCatro representarán este espectáculo os días 30 de setembro e 1 de outubro; e aproveitarán a súa estadía na capital de Costa Rica para levar a cabo o 2 de outubro no mesmo escenario a denominada “Gala de compañías de danza galegas”, na que amosarán fragmentos ou pezas completas dalgunhas das súas últimas creacións coreográficas realizadas coas súas respectivas compañías. Así, Pisando Ovos (Rut Balbís e Erick Jiménez) ofrecerá un extracto de 30.000, La Macana (Alexis Fernández e Caterina Varela) representarán Ven, Quique Peón Cía (Henrique Peón) bailará parte de Ovay e Sólodos (Erick Jiménez e Maruxa Salas) interpretarán a coreografía titulada Vigilia en ausencia.
Na mesma gala colabora a compañía UNA Danza Joven, pertencente á escola de danza da Universidad Nacional de Costa Rica, que amosará Azul, unha coreografía para 21 bailaríns deseñada por Maruxa Salas e Erick Jiménez.
R.
