Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo asegura que hay “un horizonte limpio para Galicia” si se afronta en conjunto, pero reconoce la “responsabilidad especial” de los políticos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe, na mensaxe de Fin de Ano, á capacidade de mancomunar esforzos que sempre caracterizou a Galicia para superar a crise mantendo o benestar e o desenvolvemento.

Na misión de afrontar esta situación, o responsable do Goberno galego afirmou que “os políticos temos unha responsabilidade especial”, se ben aseverou que se precisará do esforzo e da participación da sociedade no seu conxunto. “Hai un horizonte limpo para Galicia se camiñamos xuntos. Fagámolo”, aseverou.

Feijóo salientou que Galicia é un pobo maduro e realista que merece ser tratado con respecto; “e o mellor respecto tradúcese nos nosos días en dicir a verdade, o primeiro deber do gobernante e o primeiro dereito do cidadán”. Neste sentido, afirmou que hai lugar para a preocupación, pero non para a desesperanza e lembrou que, moito antes de que se empezara a facer no resto da nación, en Galicia xa se falaba con naturalidade de termos como austeridade, como planificación, como responsabilidade e estabilidade das contas públicas.

“O tempo demostra que estivemos a cumprir co noso deber: grazas a esa anticipación, mentres outras administracións toman hoxe drásticas decisións, Galicia contará para este 2012 cuns orzamentos públicos que, nunha España ás portas dunha nova recesión, garanten a viabilidade das prestacións públicas esenciais e coas que non renunciamos a remontar a adversidade”.

Feijóo asegurou que podemos conservar cotas de progreso acadadas ata agora pero a cambio de reforzar pautas que nos leven a priorizar as necesidades. “Non é válida a opción de agochar os problemas. Tampouco é posible pospoñer as solucións. Os galegos sabémolo ben”.

Consciente do desacougo de moitas persoas, empresas e sectores, especialmente dos millóns de desempregados que viven nunha angustiosa incerteza, reiterou a necesidade de unir esforzos. “Xuntos –dixo- debemos esforzarnos e buscar unha saída para os que están pasando por máis dificultades”.

Feijóo remarcou que a nosa comunidade sempre tivo un robusto sentimento comunitario. “Os galegos sentímonos parte dun todo. Cooperación, axuda, colaboración, son palabras frecuentes no noso vocabulario. Hoxe, son virtudes imprescindibles para contrarrestar os efectos da crise. Non eliximos este mundo cheo de incertezas que habitamos, pero si está nas nosas mans disipalas aproveitando o mellor de nós mesmos. Velaí o valor inmenso que ten a nosa capacidade de mancomunar esforzos”.

O titular da Xunta lembrou que Galicia foi protagonista de moitos empeños colectivos: “De cada crise acontecida no pasado, rexurdiu como un país renovado. Nunca cesaron de producirse ideas novas, proxectos innovadores. Nunca faltaron homes e mulleres capaces de unirse en torno a empresas comúns”. E destacou que é no Parlamento galego, que cumpriu trinta anos de plena madurez, “onde queda patente a nosa capacidade para facer grandes obras”.

“O noso país quixo dotarse dunha voz que falara por todos os galegos; quixo facer patente a súa unidade; quixo reafirmar o desexo de compartir inquedanzas, problemas e triunfos. O Parlamento é unha realidade gozosa porque ten os alicerces nunha comunidade forte, cohesionada e viva. En ningún lugar está escrito o noso destino. O destino dos galegos e das galegas escríbeno os galegos e as galegas”.

O responsable do Goberno galego concluíu expresando o desexo de que o 2012 “sexa propicio ás nosas esperanzas” e manifestou o seu compromiso de que porá todo o seu empeño en que isto sexa posible.

MENSAXE DE FIN DE ANO 2011 DO PRESIDENTE DA XUNTA

“Santiago, 31 de decembro de 2011.-

Boas tardes.

O Parlamento galego cumpriu trinta anos de plena madurez. O seu nacemento e o seu afianzamento na sociedade, son a proba de que Galicia é un pobo con vontade de vivir xunto. O noso país quixo dotarse dunha voz que falara por todos os galegos; quixo facer patente a súa unidade; quixo reafirmar o desexo de compartir inquedanzas, problemas e triunfos. O Parlamento é unha realidade gozosa porque ten os alicerces nunha comunidade forte, cohesionada e viva.

É bo lembrar que o Parlamento expresa a nosa fortaleza porque os tempos difíciles que nos tocan vivir, fan que moita xente se pregunte se hai un horizonte. Depende de nós. En ningún lugar está escrito o noso destino. O destino dos galegos e das galegas escríbeno os galegos e as galegas. Así foi, así é, e así será.

Non pensemos, polo tanto, que o noso porvir está a expensas de factores que nos dominan inexorablemente. Aínda que Galicia viva nun mundo global no que todo está relacionado, a nosa propia enerxía é capital para definir cómo será a nosa terra, e cómo seremos nós, cando a crise se atenúe.

Como presidente da Xunta coñezo o desacougo de moitas persoas, de moitas empresas, de moitos sectores, especialmente dos millóns de desempregados que viven nunha angustiosa incerteza en múltiples recunchos de España, e, por suposto, tamén en Galicia. Ese ingrato panorama levaríame ao máis fondo pesimismo, se non soubera tamén da loita incansable de moitos galegos que procuran novos camiños e creen nas súas posibilidades. Nesa loita, os galegos e as galegas que temos agora a oportunidade de traballar temos como conxunto un deber, un deber nesta sociedade. Xuntos debemos esforzarnos e buscar unha saída para os que están pasando por máis dificultades.

As galegas e os galegos somos herdeiros do espírito indomable que modelou a nosa terra a través do tempo. Porque a Galicia do século XXI, é consecuencia de innumerables cidadáns que non se renderon en situacións más adversas que a presente.

Non necesitamos remontarnos moi lonxe para atopar exemplos de resolución fronte ao infortunio. Os nosos pais e as nosas nais, os nosos avós e avoas formaron parte de xeracións obrigadas a dominar retos difíciles. Nunca perderon a fe en si mesmos. Sempre miraron adiante. Sempre souberon atopar vencellos de cooperación que os fixeran máis fortes. Triunfaron, e grazas ao seu triunfo, moitas veces anónimo, nós estamos aquí. Temos a obriga de recoller e transmitir o seu legado. A súa tarefa tería sido estéril, se hoxe nos deixáramos conquistar polo desánimo. Cómpre non esquecelo cando nos sintamos presionados polas dificultades.

Unha das razóns de que este Parlamento no que lles falo forme xa parte da paisaxe do país, é que Galicia sempre tivo un robusto sentimento comunitario. Os galegos sentímonos parte dun todo. Cooperación, axuda, colaboración, son palabras frecuentes no noso vocabulario. Hoxe, son tamén virtudes imprescindibles para contrarrestar os efectos da crise. Non eliximos este mundo cheo de incertezas que habitamos, pero si está nas nosas mans disipalas aproveitando o mellor de nós mesmos. Velaí o valor inmenso que ten a nosa capacidade de mancomunar esforzos.

¿Podemos conservar cotas de progreso acadadas ata agora? Si. Si, pero a cambio de reforzar pautas que nos leven a priorizar as necesidades, a entender inevitables sacrificios e a fuxir da insolidariedade. Non é válida a opción de agochar os problemas. Tampouco é posible pospoñer as solucións. Os galegos sabémolo ben.

Moito antes de que se empezara a facer no resto da nación, nós xa falabamos con naturalidade de termos como austeridade, como planificación, como responsabilidade e estabilidade das contas públicas. O tempo demostra que estivemos a cumprir co noso deber: grazas a esa anticipación, mentres outras administracións toman hoxe drásticas decisións, Galicia contará para este ano 2012 cuns orzamentos públicos que, nunha España ás portas dunha nova recesión, garanten a viabilidade das prestacións públicas esenciais e coas que non renunciamos a remontar a adversidade.

Na misión de afrontar esta situación, os políticos temos unha responsabilidade especial, malia que precisaremos do esforzo e da participación da sociedade no seu conxunto. Depende de todos nós. Dígovolo porque sei que lle falo a un pobo maduro e realista que merece ser tratado con respecto. O mellor respecto tradúcese nos nosos días en dicir a verdade. A verdade é o primeiro deber do gobernante e o primeiro dereito do cidadán. Somos fieis a ela cando dicimos que a situación de Galicia é complexa. Pero tamén cando aseguramos que os esforzos que agora se fagan, terán despois o seu froito.

Hai lugar para a preocupación, pero non para a desesperanza. Galicia foi protagonista de moitos empeños colectivos. De cada crise acontecida no pasado, rexurdiu como un país renovado. Nunca cesaron de producirse ideas novas, proxectos innovadores. Nunca faltaron homes e mulleres capaces de unirse en torno a empresas comúns.

O noso tempo non é diferente, como o demostra este Parlamento que conmemora o seu trinta aniversario. Malia todas as vicisitudes, o pobo seguiu depositando nel a súa confianza, e os parlamentarios foron quen de erixir unha autonomía modélica.

Neste Parlamento queda patente a nosa capacidade para facer grandes obras. A obra que hoxe nos ocupa consiste en superar a crise mantendo o benestar e o desenvolvemento. "O home que se ergue é aínda mais grande que o que nunca caeu". Este pensamento de Concepción Arenal é aplicable aos pobos. O noso é grande porque os seus fillos xamais deixaron de erguerse. Hai un horizonte limpo para Galicia se camiñamos xuntos. Fagámolo.

Reciban as miñas felicitacións, o meu desexo de que o 2012 sexa propicio ás nosas esperanzas e o meu compromiso de que porei todo o meu empeño en que isto sexa posible. Moitas grazas”.

R.