Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Publicado el Catálogo 2012 con la producción editorial en gallego para los lectores más jóvenes

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A produción editorial galega para os lectores máis novos publicada en 2011 preséntase reunida nun volume trilingüe, redactado en galego, castelán e inglés. Trátase do catálogo Galician Books for Children and Young Adults 2012, unha obra editada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa coordinación editorial da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix).

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente de Gálix, Francisco Castro, presentaron a obra esta mañá na biblioteca nodal de Pontevedra, cidade que acolle estes días a celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Segundo explicou o responsable de Cultura, o catálogo responde a “un rigoroso traballo de catalogación sistemática da ampla produción editorial de 2011”. Nel inclúense un total de 118 títulos de diversas editoriais, que se acompañan de cadansúa sinopse e de información sobre o escritor e o ilustrador da obra, xunto coa imaxe da capa.

No acto, o responsable de Cultura definiu a obra como “unha ferramenta básica para facilitar as relacións no ámbito galego e internacional dos axentes da industria do libro”. Neste sentido, “coa edición deste volume, o Goberno galego contribúe a que as empresas e mais as ilustradoras e ilustradores gráficos poidan colocar a súa produción no mercado internacional”, asegurou.

Con este fin, a edición da obra está dirixida principalmente á súa distribución na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que vai ter lugar a vindeira semana en Italia e que constitúe o referente profesional a nivel internacional da edición infantil e xuvenil. Ademais, tamén está accesible desde a páxina web da Consellería de Cultura e Educación, en http://cultura.xunta.es/publicacions/.

Finalmente, Anxo Lorenzo afirmou que constitúe “un auténtico motivo de orgullo poder presentar un balance de edición de tan alta calidade, mostra dun sector cada vez máis sólido e competitivo, e construído desde a excelencia na estética, nas palabras e nos contidos”.

Fotografía: Xunta de Galicia
R.