Galicia homenajea a Eugenio Granell en el centenario de su nacimiento

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, súmase á celebración do centenario do nacemento de Eugenio Granell. As homenaxes no día do aniversario do artista comezaron co acto de descuberta dunha placa conmemorativa en Santiago de Compostela, no que participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Coa descuberta desta placa –no número 6 da rúa da Caldeirería, onde Eugenio Granell viviu a primeira etapa da súa vida xunta coa súa familia– “facemos un acto de homenaxe colectiva a un artista que marcou a historia cultural desta cidade e de Galicia”, dixo o secretario xeral. “Pero introducimos, ademais, un elemento na paisaxe urbana de Compostela para a acordanza de todos aqueles que cada día transitan as súas rúas, facendo presente para o porvir a lembranza de Granell”, engadiu.
Anxo Lorenzo tamén se referiu a Granell como “un artista que quixo ofrecer sempre unha mirada nova e que explorou nas diferentes linguaxes, se ben foi por riba de todo pintor”. “Bebeu do surrealismo –engadiu– para definirse nunha idea e nunha proposta plástica propia e inconfundible”.
Xunta co secretario xeral de Cultura tamén participaron no acto o alcalde de Santiago de Compostela e copresidente do Padroado da Fundación Eugenio Granell, Ángel Currás; Xerardo Estévez, ex alcalde de Santiago de Compostela; así como os membros do Padroado e familiares e amigos achegados ao artista.
A celebración do centenario do artista prolongarase ata a tarde, coa presentación do estudo e mais dunha proposta sonora das máis de duascentas anotacións musicais que deixou Granell no seu arquivo. O resultado deste proxecto pioneiro é o libro-disco Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, que se dará a coñecer ás 19:30 horas na sede da Fundación Granell, en Santiago de Compostela.
R.