Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Colaboración en la Eurorregión: Galicia y el Norte de Portugal acuerdan impulsar becas propias para el intercambio de alumnos universitarios

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o primeiro Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal supón un novo salto cualitativo para afianzar a súa posición de vangarda na cooperación territorial europea. Segundo dixo, esa estratexia común pon o acento sobre as metas fixadas pola Unión Europea de cara ao horizonte de 2020: o investimento inmaterial e en capital humano, o que sinalou como “a auténtica clave do histórico desenvolvemento do vello continente”.

O presidente da Xunta, que asistiu en Baiona ao X plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, sinalou que unha das iniciativas conxuntas entre Galicia e o Norte de Portugal, o acordo interuniversitario da Eurorrexión, chamado Programa Iacobus, será “un referente e un novo modelo de cooperación universitaria europea”. Trátase, remarcou, “da semente do que debe chegar a ser o espazo común luso-galaico, un lugar onde xurdan grupos de investigación nutridos por mozos e técnicos capacitados de ambos os lados da fronteira e onde agromen spin-offs que se transfiran á empresa e medren en dimensión e diversidade”.

Na súa intervención no acto, no que se procedeu ao traspaso da presidencia da Comunidade de Traballo ao presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Emídio Gomes, Feijóo sinalou que a Eurorrexión ten por diante un período decisivo no que debe aproveitar a infraestrutura desenvolvida desde 1991 e tomar medidas que sirvan para unir aínda máis ambos os territorios e desenvolver os intereses comúns.

Así, referiuse ás iniciativas que estreitan os lazos económicos, como xa se fixo coas plataformas compartidas no eido da automoción ou no campo da investigación, a través da experiencia do Laboratorio de Nanotecnoloxía de Braga. Avogou, na mesma liña, por afianzar as relacións ambientais xa iniciadas a través da “posta en valor conxunta do Parque Gêres-Xurés”, así como por reforzar a unión cultural, por exemplo, impulsando as industrias turísticas coa promoción común do Camiño Portugués a Santiago. Con ese obxectivo avanzou que proximamente se asinará un convenio entre os concellos polos que discorre.

Para o mandatario autonómico, a nova etapa de cooperación, marcada polo cambio no escenario orzamentario europeo, “é un punto e seguido no que, simplemente, renovamos enerxías para seguir traballando xuntos na Eurorrexión unida e perfectamente aliñada cos obxectivos da Estratexia Europea 2020”.

Nese sentido, destacou que o Plan de Investimentos Conxuntos, ademais da cooperación entre administracións, concorda coa folla de ruta comunitaria, ao poñer o lente sobre o investimento en capital humano, para reducir drasticamente o abandono escolar e mellorar a formación das novas xeracións, “apostando ao tempo con determinación pola investigación e a innovación como ferramentas básicas para a imprescindible mellora da competitividade económica”.

Alberto Núñez Feijóo indicou que o Plan é froito “dunha tarefa tenaz, rigorosa e metódica desenvolvida conxuntamente en Bruxelas por Galicia e Portugal desde 2010, na procura dos fondos europeos necesarios para avanzar na estratexia de cooperación no novo escenario orzamentario”. Por ese motivo, considerou que a decisión da UE de aumentar nun 30% os fondos destinados á cooperación territorial no novo período supón “unha declaración de intencións que convida ao optimismo sobre a validación por parte das autoridades comunitarias do noso Plan de Investimentos Conxuntos e, polo tanto, sobre a posibilidade de dispor de cofinanciamento para materializalo”.

O titular do Executivo galego defendeu a contribución da Eurorrexión á construción do proxecto europeo e afirmou que Galicia e o Norte de Portugal “temos traballado para blindar a Eurorrexión do escepticismo”.

Froito do traballo destes anos é, para o mandatario autonómico a existencia hoxe dunha Eurorrexión “máis ampla, na que cren e se integran cada vez máis cidadáns”, coa unión de Castela-León e o proxecto en marcha para a incorporación de Asturias e da zona centro de Portugal. “Deste xeito –manifestou- temos sido capaces de ir configurando unha macrorrexión de referencia en Europa, que alcanzará 12,5 millóns de habitantes e unha superficie de 184.000 quilómetros cadrados”.

Xunto con isto, resaltou que hoxe contamos cunha Eurorrexión máis organizada e eficiente, grazas á consolidación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial que iniciou a súa andaina hai catro anos e que está cumprindo coa súa obriga de adecuarse aos novos regulamentos comunitarios e de impulsar programas conxuntos.

Feijóo destacou, ademais, o avance cara a unha cooperación de proximidade, coas eurocidades de Verín-Chaves e Tui-Valença, cuxa incorporación como membros da Comunidade de Traballo se someterá hoxe á votación do plenario.

O presidente da Xunta subliñou a maior capacidade de financiamento actual da Eurorrexión e enfatizou a “constancia e a determinación coa que temos traballado todos no seo do Comité das Rexións”, o que permitiu que, no caso de Galicia “poidamos seguir mantendo fondos estruturais a pesar de deixar de ser obxectivo prioritario en Europa e, ademais, puideramos incrementar os fondos transfronteirizos”.

Feijóo puxo en valor a mellora nas comunicacións no seo da Eurorrexión, e asegurou que estamos “no camiño de remover as eivas e os obstáculos que a constrinxían, tanto na rede de autoestradas (solucionado xa o problema das peaxes) como especialmente no que se refire á rede ferroviaria e a facer realidade a aspiración de que Vigo e Porto estean conectadas por tren en menos de hora e media”. Nese sentido, salientou o compromiso do Goberno portugués de investir 100 M€ para mellorar a liña desde Porto no horizonte de 2017, e xa para este 2014 o compromiso do Goberno de España de rematar o Eixo Atlántico do AVE.

Así mesmo, no tocante á liña entre Nine (Braga) e Tui, Feijóo lembrou a vontade do Ministerio de Fomento –de acordo coa carta remitida pola ministra o pasado 14 de xaneiro á Xunta- de adecuar o tramo galego entre Guillarei e Tui de xeito simultáneo a Portugal.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Ourense:

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu no Parador de Baiona (Pontevedra) ao X Plenario da comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, no que se debate sobre o Plan de investimentos conxuntos 2014-2020 da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Baltar considera que neste novo período que se abre “temos que aproveitar o potencial endóxeno que temos en Galicia, e, sinaladamente, sectores como o do termalismo e o turismo cultural, para atraer proxectos que xeren emprego e valoricen o noso”.

O plenario, que foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, debateu aspectos como o plan de investimentos conxuntos da eurorrexión, a cooperación territorial europea no marco da estratexia Europa 2020, e expuxo diversas experiencias de cooperación, ademais de facer balance das actividades desenvolvidas no marco desta comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal.

Manuel Baltar afirma que a cooperación en todos os ámbitos é o obxectivo entre os diferentes axentes da eurorrexión “para que sigamos asumindo ese compromiso de colaboración conxunta e levar a cabo proxectos que valoricen o noso entorno e melloren as condicións de vida e o benestar dos cidadáns que viven na eurorrexión, no novo período que se abre ata o ano 2020”.

O presidente provincial destacou que este plenario “é de utilidade para o coñecemento, planificación e debate sobre o próximo período de fondos europeos e permitiranos saber como aproveitar mellor estes recursos que pon ao noso alcance a Unión Europea”, e considera que este ano se produce “un punto de inflexión co fin dun período e comezo do 2014-2020, unha nova etapa que temos que iniciar coa clarividencia que outorga a experiencia e sumando identidades para conseguir que os nosos territorios sigan avanzando cara un rol de liderado”. A cooperación transfronteiriza é, segundo Baltar, “un dos medios máis eficaces para aproximar poboacións fronteirizas e para o seu desenvolvemento”.

Neste senso, días pasados a Deputación de Ourense e a consultora Pricewaterhouse Coopers asinaron unha alianza estratéxica para atraer proxectos europeos a Ourense. O acordo ten como obxectivo a busca de recursos que favorezan a creación de emprego baseándose no potencial da nosa provincia nos ámbitos termal e turístico, entre outros. O acordo inclúe o asesoramento e realización de proxectos por parte de PwC no novo marco comunitario que se abre no período 2014-2020. Trátase dun labor de consultoría integral para a sondaxe, busca e planificación de iniciativas da man desta compañía internacional especializada na xestión de fondos europeos.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del Concello de Tui:

Celebrábase o X Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal no parador de Baiona. No acto formalizouse a entrada ao organismo da Eurocidade Tui-Valença xunto coa inclusión tamén da unión
Chaves-Verín.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, interviña en representación das dúas localidades que conforman a Eurocidade, agradecendo a acollida neste organismo no que, “confiamos que a experiencia do traballo conxunto que esta Comunidade de Traballo leva desenvolvido impulse o proxecto de cooperación emprendido recentemente polas cidade de Tui e Valença”.

A Eurocidade Tui-Valença, xurdida en febreiro de 2013, abrangue a 35 mil habitantes, nun novo concepto de cooperación de segunda xeración no ámbito europeo. Dúas cidades, que viven fronte a fronte que están institucionalizando unha cooperación que xa é efectiva e real na vida diaria das dúas comunidades.

Trátase este dun proxecto que xorde nun tempo de incerteza e crise e que ten levado aos responsables do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença a promover este proxecto de cooperación renunciando expresamente, en palabras de Moisés Rodriguez, á creación de novos organismo locais ou a contratación de novo persoal, para así “ impulsar o persoal e recursos de ambos municipios que realizan un meritorio traballo conxunto”.

Conscientes destas dinámicas, Valença e Tui, teñen potenciado as sinerxías entre as dúas cidades, ao nivel da promoción turística, da xestión compartida dos equipamentos públicos e na organización de eventos, nas mais diversas áreas.

Cidades históricas e turísticas, con monumentos de grande valor, como a Fortaleza de Valença e a Catedral de Tui, un rico e diversificado tecido comercial, a oferta de actividades deportivas e de lecer e boa oferta hoteleira e de restauración colocan ao turismo como unha das grandes apostas da Eurocidade. A presenza da mesma na BTL, FITUR e Vigoferia, son exemplos da promoción conxunta dos dous territorios no exterior, cada vez mais efectiva e que destaca pola súa novidade.

Compartir equipamentos e servizos é outra das grandes realidades que as dúas cidades queren institucionalizar. A Piscina Municipal de Valença, o Teatro Municipal de Tui, o Conservatorio de Música os Bombeiros Voluntários de Valença e os Servizos de Saúde son algúns dos servizos e equipamentos con utilización conxunta cuxos modelos de xestión compartida poden aportar grandes beneficios para as comunidades locais e mesmo rexionais.

Esta xestión compartida do territorio é a grande meta de Tui e Valença coa institucionalización dunha Eurocidade nun modelo de cooperación que aspira a ser un modelo de relación de segunda xeración que demostre un novo modelo de cidadanía europea.

Fotografías: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.