La Asociación Músicos ao Vivo impulsa los Premios Galegos da Música como plataforma de proyección social del sector

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Músicos ao Vivo subscribiron un convenio de colaboración para o desenvolvemento dos II Premios Galegos da Música, a través dos que se busca acadar unha maior visibilidade social e o recoñecemento público do potencial creativo e artístico deste sector. O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad renova así a súa contribución á organización deste evento no marco do traballo conxunto que ambas as entidades manteñen no ámbito da promoción e potenciación da industria musical.
O texto do acordo asinado hoxe polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente de Músicos ao Vivo, Max Gómez, especifica que a convocatoria dos segundos Premios Galegos da Música estará destinada a “todos os proxectos musicais galegos (grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos) vixentes e en activo en 2014 e realizados en Galicia, ou fóra de Galicia pero por músicos galegos”. O punto culminante desta nova edición terá lugar o 17 de decembro cando se dea a coñecer o nome dos gañadores no transcurso da gala de entrega que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O apoio da Consellería de Cultura e Educación a esta iniciativa da Asociación Músicos ao Vivo ten como finalidade, así mesmo, favorecer a súa consolidación como “inmellorable plataforma de promoción deste sector básico da cultura galega”. Neste sentido, inténtase non só fomentar a proxección da música feita en Galicia e/ou por galegos na nosa Comunidade, senón tamén a nivel estatal e mesmo internacional, de xeito que este impulso se traduza nun aumento da actividade económica do sector no exterior.
Os galardóns naceron en 2013 co obxectivo de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como de descubrir novos talentos e de achegar a música e o seu proceso de produción ao público. Nesa primeira edición e baixo o nome de Premios Galegos da Música Martín Códax, a convocatoria abriuse a un total de 13 categorías a concurso –pop e indie; rock, blues, funk & soul; jazz e músicas improvisadas; hip-hop e músicas urbanas; música clásica e contemporánea; folk; música tradicional galega; música do mundo; música infantil; electrónica; metal; reggae, ska & mestizaxe; e orquestras, grupos e música de verbena– para as que en tan só un mes logrouse reunir un total de 521 propostas.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.