Comienza el diálogo entre el Gobierno gallego y los empresarios para consensuar la Estrategia de Internacionalización 2020

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, iniciou coa Confederación de Empresarios de Galicia e as confederacións provinciais o diálogo cos axentes económicos da comunidade para consensuar a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, unha rolda de contactos que durante as próximas semanas permitirá achegar ao texto final as aportacións do tecido industrial e comercial de toda a comunidade.
Na reunión participaron, ademais do conselleiro, o presidente da CEG, José Manuel Fernández Alvariño; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Luis Novoa; o vicepresidente primeiro da Confederación de Empresarios da Coruña, Antón Arias Díaz-Eimil; e o conselleiro delegado executivo da Confederación de Empresarios de Lugo, Jesús Quinta.
Durante o encontro, Conde trasladou aos empresarios que o seu apoio é fundamental para acadar os obxectivos da Estratexia: incrementar as exportacións galegas nun 25% en 2020 ata superar os 23.000 millóns de euros, coa meta global de acadar o 40% do PIB galego en 2020.
Conde salientou ademais o papel fundamental que deben xogar os empresarios para consolidar o traballo realizado pola Xunta neste documento, e reflectir nel todas as inquedanzas do tecido empresarial da comunidade. En concreto, o conselleiro resaltou dous eixos incluídos dentro da Estratexia para os que reclamou unha especial implicación da CEG e das confederacións provinciais: o primeiro é a elaboración de dez plans sectoriais para os dez sectores estratéxicos da comunidade, que adecuarán as estratexias máis axeitadas para impulsar as exportacións ás particularidades, desafíos e fortalezas de cada ámbito empresarial.
O segundo trata do reforzamento da unidade da acción entre Xunta e empresarios, clave nos éxitos acadados ata agora no impulso á internacionalización galega. Neste senso, durante o encontro defendeu a importancia da cooperación dos axentes implicados e as entidades financeiras, e resaltou que a Estratexia recolle ademais o intercambio de coñecemento e boas prácticas entre axentes, a alineación co Horizonte 2020 para aproveitar os fondos europeos e o desenvolvemento dunha plataforma de internacionalización con todos os axentes.
Neste mesmo ámbito, Conde trasladou aos representantes empresariais a vontade de impulsar dous instrumentos conxuntos da Xunta e a CEG que teñen impulsado os negocios galegos no exterior, como a Rede Pexga e a rede de licitacións internacionais SALT.
Estas medidas, sinalou Conde, están incluídas dentro do plan de acción global que supón a Estratexia de Internacionalización 2020, que se apoiará en cinco piares: o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da marca “Galicia Calidade”, e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.