En un 28% de hogares gallegos no se pudieron permitir ningún extra en los últimos 3 meses y casi el 60% llega con dificultad a fin de mes

O indicador de confianza dos fogares galegos correspondente ao cuarto trimestre de 2014 mellorou en case 13 puntos respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo reflicte a Enquisa Conxuntural a Fogares que publica hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Nesta enquisa ponse de manifesto que se trata do mellor dato nun cuarto trimestre dende que o IGE realiza esta estatística. En comparación con hai dous anos, o indicador de confianza dos fogares galegos mellorou en máis de 24 puntos.
Este indicador mide as perspectivas dos consumidores e dos fogares respecto das súas expectativas de gasto e aforro, así como a percepción sobre a súa situación financeira persoal e sobre a situación económica de Galicia. En canto aos indicadores parciais, a enquisa do IGE reflicte que as familias galegas prevén unha mellor evolución da súa situación financeira persoal, que mellora en máis de seis puntos no último ano.
Ademais, as perspectivas de evolución da situación económica en Galicia e do desemprego tamén mostran unha evolución positiva. Así, o indicador reflicte no primeiro caso unha mellora de case 25 puntos no último ano, mentres que a percepción dos fogares sobre a evolución do desemprego recolle unha mellora de 23 puntos no mesmo período.
O organismo estatístico da Administración galega tamén analiza nesta enquisa trimestral a situación económica dos fogares da Comunidade durante os últimos tres meses.
Os datos correspondentes ao cuarto trimestre do 2014 sinalan que o número de fogares que declara chegar con dificultades a fin de mes reduciuse en comparación co mesmo trimestre do ano anterior.
Respecto ás medidas para reducir gasto, o IGE constata que no último ano baixou en case 13 puntos o número de fogares que cambiou os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta, e reduciuse en máis de 11 puntos os fogares que diminúen outros gastos comúns, como roupa ou calzado.
R.