Pedro Puy (PPdeG) insiste en que pronto habrá noticias de la comisión parlamentaria de cajas y reivindica el intenso trabajo de la Cámara gallega

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixo un balance do traballo no Parlamento galego durante a presente lexislatura e salientou que os datos poñen de manifesto que “no ámbito do impulso ao Goberno hai máis grao de acordo do que ás veces da a impresión”. En concreto, subliñou que máis do 60 por cento das proposicións non de lei aprobadas en comisión foron por unanimidade, que o Goberno galego xa leva respondido 965 preguntas en Comisión, ademais doutras 444 comparecencias, interpelacións ou preguntas en sesión plenaria; ou que o 82 por cento dos temas debatidos en sesión plenaria foron a iniciativa da oposición.
Acompañado dos viceportavoces Marta Rodríguez Arias e Román Rodríguez González, Puy fixo un repaso pola actividade desenvolvida nas case 600 horas de sesión plenaria e as 1.200 comisións parlamentarias que se levan celebrado na presente IX lexislatura.
En concreto, apuntou que se levan debatido 834 temas en pleno, dos que o 82 por cento foron a iniciativa da oposición. Respecto das comisións, celebráronse 45 comparecencias de membros do Goberno galego, que tamén contestou 965 preguntas, das que o 82,5 por cento eran dos grupos da oposición.
En relación ás actividades de impulso, Pedro Puy dixo que se levan aprobado 186 proposicións non de lei en Comisión. “O máis significativo é que o 55 por cento das iniciativas de impulso aprobadas en Comisión foron por iniciativa da oposición e máis do 60 por cento foron aprobadas por unanimidade”, engadiu.
“Cando se fala da incapacidade do Parlamento de abrir o xogo político ou contrastar ideas hai que ter presente que as iniciativas da oposición son cuantitativamente máis numerosas”, polo que “cualitativamente a oposición, lonxe de estar condicionada polo comportamento da maioría, ten moita capacidade de traer ao debate parlamentario aquelas cuestións que considera relevantes”, sinalou.
Neste sentido, o portavoz popular fixo mención ao maior número de iniciativas que se aproban por unanimidade en Comisión en comparación coas sesións plenarias e explicou que en Comisión “se traballa un pouco máis á marxe da atención pública e os portavoces teñen máis relación e máis posibilidades de chegar a acordos, mentres que no Pleno a oposición ten máis necesidade de teatralizar o desacordo pola maior atención que supoñen a nivel social estas sesións”
Pedro Puy tamén se referiu á actividade lexislativa e indicou que o Goberno galego leva remitidos 24 proxectos de lei, dos que se aprobaron 21 e tres se atopan en tramitación. Respecto das proposicións de lei, aprobáronse sete iniciativas e dúas se atopan en tramitación. En total, no que se leva de lexislatura se aprobaron 28 leis, das que seis saíron adiante no último período de sesións: a Lei de accesibilidade de Galicia, a Lei de arquivos e documentos de Galicia, a Lei de orzamentos e a Lei de medidas fiscais e administrativas, así como as proposicións de Lei de Hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear; a reforma da Lei de iniciativa lexislativa popular; e a Lei de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.
De cara ao futuro, o portavoz popular afirmou que “continuaremos coa tramitación e o impulso á xestión en materia social; o apoio aos sectores estratéxicos e a mellora da Administración e a prestación de servizos en relación con condutas inapropiadas que están xerando preocupación na sociedade”.
Así mesmo, avanzou que ao longo do presente mes de xaneiro está prevista a reunión das mesas das comisións 7ª, para a cualificación das emendas á totalidade ao proxecto de Lei de mellora da estrutura territorial agraria; e da Comisión do Consello de Contas, para a cualificación das propostas de resolución aos informes de fiscalización e das recomendacións á Memoria. Tamén está prevista a reunión de constitución da ponencia do proxecto de Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración e, desde o Grupo Popular, solicitarase a celebración de dúas sesións extraordinarias da Comisión de Igualdade e unha da Comisión de discapacidade.
Respecto da polémica sobre a habilitación do mes de xaneiro, Puy dixo que “deberíamos de repensar o que é a función representativa, xa que o traballo parlamentario non é unha función laboral e ten unhas características que a alonxan do traballo ordinario: os deputados no teñen baixas laborais, nin seguro de desemprego, nin vacacións, porque a función representativa é distinta dunha función laboral”. “O xuízo sobre o traballo desenvolvido polos deputados ao final corresponde á cidadanía a través do voto: é a esencia do noso sistema democrático”, manifestou.
R.