Refuerzo del diálogo social entre la administración pública, los empresarios y los sindicatos para mejorar la situación del empleo en Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou cos sindicatos participantes no diálogo social e a patronal dous novos programas para mozos e parados de longa duración para que siga baixando o desemprego en Galicia. No acto interviñeron o secretario xeral de UXT Galicia, José Antonio Gómez, o secretario xeral de CC.OO. Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño.
No tocante á primeira iniciativa, Feijóo afirmou que está elaborada pensando nos mozos menores de 25 anos (ou menores de 30 se teñen unha discapacidade do 33% ou superior) que non estean estudando nin traballando. Con este plan, explicou, fomentarase que, por exemplo, unha moza de 23 anos que rematase os seus estudios hai menos de catro meses poida recibir unha oferta de traballo ou acceder a prácticas en empresas; poderase axudar economicamente a que un mozo de menos de 30 anos cunha discapacidade poida establecerse como traballador autónomo; ou apoiar a que unha rapaza de 19 anos que, tras quedar desempregada, queira adquirir experiencia laboral nunha entidade sen ánimo de lucro.
Así mesmo, ofreceranse oportunidades de formación para que poidan adquirir competencias clave que lles faciliten a súa inserción laboral.
O titular do Goberno galego precisou que este Programa de garantía xuvenil, que se desenvolverá ao longo de 2015 e 2016, estará dotado con preto de 50 millóns, que veñen a complementar os 100 millóns que a Xunta consignou o ano pasado para o Plan de emprego xuvenil.
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que o desemprego de longa duración é unha das consecuencias máis graves da recesión económica. E, nesta liña, aseverou que o segundo plan dirixirase a aqueles que levan demasiado tempo sen atopar un traballo, “para demostrarlles que segue habendo oportunidades e para axudarlles a aproveitalas”.
Deste Programa extraordinario de activación para o emprego poderán beneficiarase 20.000 persoas, que disporán de ferramentas que lles axuden a mellorar a súa cualificación e a desenvolver habilidades necesarias para que poidan atopar un emprego.
Mentres desenvolven estas iniciativas formativas, estas persoas recibirán unha renda de acompañamento de 426 euros froito do acordo entre o Goberno de España e CC.OO. e UXT. “E xunto a estas medidas —engadiu o presidente do Goberno galego—, tamén lles axudaremos cando queiran emprender un negocio como autónomos e estableceremos incentivos ás empresas que os queiran contratar”.
Para contribuír a que estes plans acaden o éxito, Feijóo referiuse ao papel dos servizos públicos de emprego, destacando a necesidade de seguir contratando técnicos para proporcionar un apoio especializado aos colectivos que máis sofren as dificultades da recesión económica.
O titular da Xunta abundou en que as medidas recollidas no acordo asinado esta mañá quedan estruturadas ao longo de catro eixes: a mellora da intermediación, a través da contratación de técnicos para un apoio especializado a estes dous colectivos; a mellora da empregabilidade; o apoio directo á contratación e o fomento do emprendemento.
Para mellorar a empregabilidade levaranse a cabo programas de formación e emprego en colaboración con entidades locais, prácticas laborais en empresas, un programa de adquisición de experiencia laboral en entidades sen ánimo de lucro, contratos de formación dual —fundamentalmente no caso de parados de longa duración—, e accións para a adquisición de competencias clave: tecnoloxías, certificados de profesionalidade.
Ademais de incentivos á contratación e á transformación de contratos temporais en indefinidos, no caso dos mozos incentivaranse, ademais, as prácticas en empresas e a contratación temporal mínima de seis meses en sectores emerxentes —I+D+i, empregos verdes ou atención ás persoas—. E o fomento do emprendemento desenvolverase a través de axudas directas á constitución de proxectos empresariais e cooperativas e tamén a través de apoio e asesoramento.
O responsable do Executivo autonómico aseverou que a creación de emprego seguirá a ser a principal preocupación do Goberno galego, ao que engadiu que con este acordo Galicia ponse á cabeza ao ser a primeira Comunidade que desenvolve un acordo sindical no marco do acordo confederal entre CC.OO., UXT e o Goberno central. “Somos a primeira Comunidade que desenvolve ese acordo estatal e ademais acreditamos un orzamento complementario a aquel que imos recibir da UE e do Goberno central. Estamos a falar, en definitiva, do primeiro acordo sindical no ámbito do novo escenario que se abriu hai un mes en Madrid entre o Goberno central e as organizacións sindicais máis representativas, cunha dotación conxunta de 60 millóns ”, dixo.
Así mesmo, lembrou a aprobación, no Consello da semana pasada, de programas de emprego e formación, cun orzamento de máis de 45 millóns, que beneficiará a máis de 100.000 persoas. “En resumo, na primeira quincena de xaneiro poñemos a disposición do que é principal problema de Galicia, o desemprego, máis de 100 millóns de euros”, aseverou.
Se ben aínda queda moito por facer, Feijóo fixo fincapé na importancia do traballo conxunto. O responsable autonómico insistiu en que ese esforzo de toda a sociedade galega, “que traballa unida para saír unida desta crise”, é o que levou a que no pasado ano 2014, 19.000 galegos saísen das listas do paro, sendo Galicia a terceira Autonomía que máis reduciu o paro que tiña cando empezou o ano.
Despois de lembrar que xa no pasado mes de outubro, no Debate do Estado da Autonomía, anunciara a intención do Goberno de presentar novos programas de emprego que tivesen ás persoas novas e aos parados de longa duración entre as súas prioridades de acción, Feijóo subliñou que desde entón traballouse en colaboración cos axentes sociais para concretar estas medidas presentadas hoxe.
“Este acordo que hoxe asinamos nace, polo tanto, dunha tripla conxunción: da conxunción das políticas laborais da Unión Europea, do Goberno de España e da Comunidade; da vontade certa entre as organizacións sindicais e empresariais de Galicia e do compromiso dunha acción de Goberno que vai seguir durante toda a lexislatura”, dixo, ao que engadiu que estas iniciativas foron redactadas tendo en conta as recomendación dos representantes sindicais e empresariais.
“Creo que unidos é como mellor se pode seguir afrontando o reto da creación de emprego. Así foi no pasado recente, como o demostran os 29 acordos aprobados no marco do diálogo social na pasada lexislatura, e así o é hoxe coa sinatura deste acordo importante tamén no marco do diálogo social”, concluíu.
Nota de prensa Gabinete de Comunicación UGT:
UGT-Galicia ven de asinar, dentro do contexto do diálogo social nesta Autonomía, xunto coa Xunta, CCOO e a CEG o Acordo sobre as liñas básicas para o desenvolvemento en Galicia do Programa de garantía xuvenil e as liñas complementarias do Programa extraordinario de activación para o emprego. Hai que continuar co diálogo para analizar, debatir e implementar un cambio de políticas centradas nun novo modelo económico de crecemento, no emprego de calidade e na protección social

No acto de sinatura, que tivo lugar en Santiago, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, fixo fincapé en que a plasmación deste Acordo é o resultado dun proceso de diálogo aberto a partir da esixencia sindical e dunha reivindicación sostida no tempo de dar protección aos parados de longa duración e unha oportunidade para os mozos e mozas. Á vez trátase de vincular estas axudas coa reinserción laboral, de tal forma, que sexan oportunidades para volver ao mercado de traballo e no continuar nunha situación de paro estrutural.
Para UGT-Galicia, trátase dun Acordo imprescindible para unha situación insostible. Dous programas necessarios dirixidos ao corazón do desemprego estrutural e dos novos nichos de pobreza e desigualdade. Non obstante, Gómez deixou claro que, a partir de agora, unha vez se poñan en marcha as medidas haberá que estar vixiantes para avaliar os seus resultados que, a xuízo do Sindicato, deben ser nítidos, claros e rotundos, contribuíndo a aumentar a cobertura real por desemprego e a empregabilidade.
De todos os xeitos, as medidas acordadas hoxe son só un pequeno avance no diálogo social que debería complementarse con outros plans de recuperación do emprego e protección social destinados a todos os colectivos en paro. José Antonio Gómez tamén valorou a capacidade dos asinantes de chegar a puntos de converxencia e encontro, a pesar de ter visións diferentes da realidade social e do tecido produtivo, porque “somos conscientes de que isto é o que precisan milleiros de persoas que sufren a lacra do desemprego”.
Sen embargo, aínda queda moito camiño por andar. O contexto de crise global segue a ser moi preocupante. Para UGT-Galicia, non se pode falar de terminación ou remonte da crise. A mellora do PIB é demasiado tímida, igual que a recuperación do emprego ou doutros datos macroeconómicos.
Hai que seguir avanzando nunha saída máis xusta e equilibrada da crise e, para elo, hai que mellorar os recursos económicos das administracións para garantir un modelo social e económico máis equitativo e que se recoñezan servizos públicos suficientes. Tamén está pendente abrir un proceso de diálogo social no eido da Administración galega para atender o emprego e os salarios dos traballadores do sector público. E, por suposto, o Sindicato considera que a saída real da crise só chegará con outras políticas dirixidas ao cambio de modelo económico, centradas no emprego de calidade e na protección social. Para elo, urxe inxectar máis recursos na formación, educación e cualificación profesional; pola industrialización cunha política de custos enerxéticos que non castiguen á industria e facilite a súa competitividade; polo impulso da investigación, o desenvolvemento e a innovación; as redes de transporte; os empregos verdes; a rehabilitación de vivendas e o desenvolvemento rural para favorecer a competitividade e diversifcación da economía galega, ao mesmo tetmpo que se actúa para garantizar a cohesión social e o desenvolvemento equilibrado do territorio.
Non se pode esquecer que o impulso da actividade económica virá da man da mellora da demanda interna e do consumo, polo que hai que garantir a renda suficiente da cidadanía. Finalmente, o secretario xeral de UGT-Galicia manifestou que, na liña de dar continuidade a este acordo de protección aos máis desfavorecidos, hai que continuar co diálogo para analizar, debatir e implementar un cambio de políticas centradas nun novo modelo económico de crecemento, no emprego de calidade e na protección social.
Nota de prensa Gabinete de Comunicación de CC.OO.:
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras, a UGT, a CEG e a Xunta de Galicia asinaron o acordo sobre as liñas básicas para o desenvolvemento en Galicia do Programa de Garantía Xuvenil e as liñas complementarias do Programa Extraordinario de Activación para o Emprego. Para CCOO, trátase dun «esforzo colectivo» grazas ao cal 60.000 galegos e galegas poderán mellorar a súa formación ou cualificación profesional e, con iso, teren maiores posibilidades de acceder ao un emprego ou ao autoemprego.
Cando se presentou o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2015, CCOO cualificou de insuficientes os recursos destinados ás políticas activas de emprego, menores que en exercicios precedentes malia ao empeoramento da situación. Por esta razón, propuña incrementar en 48 millóns os orzamentos destinados á promoción do emprego e institucións do mercado de traballo.
Grazas aos acordos asinados, queda cuberta a metade dos obxectivos de orzamento fixados por CCOO e, ademais, actúase sobre dúas liñas en que o sindicato pedía maior esforzo: o persoal do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a formación.
Comisións calcula que se poderán beneficiar destes acordos 60.000 galegos e galegas pertencentes aos dous colectivos máis castigados pola crise: mocidade e persoas desempregadas de longa duración. Pola súa parte, o SPEG reforzarase e contará de agora en diante con máis de 120 persoas para atender de maneira individualizada os desempregados e desempregadas.
No que respecta á formación, terá en conta as características específicas de cada colectivo tanto no caso das persoas que carecen da suficiente cualificación profesional como no daquelas que si a posúen. CCOO destaca de xeito singular que, no caso da mocidade, o programa prevé favorecer a volta ao sistema educativo dos mozos e mozas que o abandonaron por un traballo precario e posteriormente o perderon por mor da crise.
As liñas que desenvolven o programa de garantía xuvenil favorecen a adquisición de experiencia laboral de mozos e mozas, que percibirán un salario segundo o convenio colectivo de referencia ao tempo que aumentan a súa formación. Tamén lle permite obter o título de eso ou de formación profesional básica e de grao medio a quen abandonou os estudos, así como adquirir formación en competencias clave ou en certificados de profesionalidade a quen a necesite. Por último, fomenta tanto a súa incorporación a empresas como as iniciativas de autoemprego. Todo isto, co apoio das persoas que se contraten como persoal técnico no Servizo Público de Emprego.
Pola súa banda, as liñas complementarias do programa de activación pretenden axudar a que as persoas que perciban a prestación recuperen a súa autoestima. Establece, ademais, os mecanismos para a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral unha vez deixen de percibir a axuda. Grazas ao reforzamento do SPEG, o novo persoal que contrate este departamento atenderá e orientará de maneira individualizada as persoas beneficiarias e tamén visitará empresas á procura de oportunidades para desempregados e desempregadas.
CCOO traballará na difusión e execución das medidas recollidas nos acordos e vixiará o seu cumprimento . Con todo, continuará a esixir que o resto das máis de 250.000 persoas desempregadas en Galicia teñan un emprego ou, se non, unha cobertura social axeitada.
Fotografías: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia.
R.