El veterano político nacionalista Xosé Manuel Beiras hace autocrítica, dice que está cansado, pero que no va a huir, y apuesta por la ciudadanía

O portavoz parlamentario de AGE, Xosé Manuel Beiras, instou, no transcurso do 'Almorzo On/Off' do Colexio de Xornalistas, ás forzas de esquerdas e nacionalistas que deben arroupar as Mareas cidadáns a que estean á altura das circunstancias para as eleccións municipais do 25 de maio.
Durante o encontro celebrado na Galería Sargadelos, Beiras situou os cidadáns do común como "o motor" da unidade popular e dixo que as municipais deben marcar o punto de inflexión "cara á creba do réxime" que debera materializarse despois nas posteriores eleccións ás Cortes.
"Son bastante crítico coas forzas... Non están á altura das circunstancias", dixo o histórico líder para axitar as consciencias de quen teñen a responsabilidade de fraguar a unidade. Beiras situou a Marea Atlántica articulada na Coruña como o "modelo" a seguir e aseverou que, a día de hoxe, é a que máis "potencia" amosa.
Fronte ao "descrédito" do PP e PSOE, pero tamén das outras forzas da "oposición" o dirixente nacionalista de esquerdas eloxiou o éxito da "cidadanía organizada" para resolver os problemas que non lles resolven os gobernos e, a modo de exemplos, citou a loita das preferentes ou da hepatite C.
O voceiro de AGE tamén viu ben encauzado o proceso en Lugo, onde confluíron as dúas plataformas que había, e agora hai que estar pendentes de "ver que potencia acada" ese proxecto. Na súa radiografía, o caso de Vigo haberá que ver "como evolúe" e nos casos de Ourense e Pontevedra indicou que están "empezando".
Respecto a Santiago de Compostela, según expuxo, o obxectivo está a día de hoxe en "lograr" promover un movemento que "non sexa testemuñal" e que si sexa capaz de facerlle fronte a unha sólida posición do Partido Popular. "A situación vai evoluir moitísimo no próximo mes e medio", abondou, aínda que deixou no aire "cales van a ser os resultados" en Galicia.
Dese traballo e de se se fraguan alternativas nos municipios dependerá en boa medida o que pasará despois nas eleccións xerais. Podería pasar, avisou, como nas europeas, que se pode "enfriar a alternativa" ao Partido Popular de Mariano Rajoy.
Aínda así rexeitou que de non ser posible o cambio agora non o sexa despois. "Ou é en 2015 ou será máis tarde" porque "a historia non vai para atrás", mantivo.
En todo caso, negou que o PP se poida beneficiar dunha hipotética mellora da economía. "Non hai recuperación, nin a vai haber. É mentira", zanxou.
Beiras fixo estas declaracións no Almorzo On/Off organizado pola demarcación de Santiago do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, onde noutra orde de cousas recoñeceu que "animicamente" se sente "mal" e "fisicamente" atópase "canso", porque unha gripe o deixou "baldado". "Pero, por iso nin vou fuxir nin vou desertar", concluiu.
Esta nova rolda de encontros comezou o pasado 23 de outubro con Anxo Quintana, continuando con Xoán Bascuas, Xavier Vence e Carolina Bescansa, e está previsto que acudan a eles diversos dirixentes de todas as formacións políticas.
Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas, que actualmente se realizan tamén na Coruña, pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
R.