Núñez Feijóo defenderá la vigencia de la Constitución durante la Convención Nacional en la que intervendrán unos 20 cargos del PPdeG

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, reuniu por primeira vez ao Comité de Campaña do partido para deseñar a estratexia de cara as vindeiras eleccións municipais. Rueda apuntou que nesa estratexia ten moita importancia o programa electoral e nese programa electoral terá tamén moita relevancia a Convención do partido que terá lugar na fin de semana do 23 ao 25 de xaneiro.
O tamén director de campaña apuntou que non serán xornadas só de discursos senón de interacción e de posta en común de ideas e propostas coas que afrontar os retos da xestión municipal.
Se ben noutras convencións o protagonismo xiraba arredor das persoas que teñen un maior rango na Executiva do PP, nesta ocasión terán voz aqueles que son os verdadeiros protagonistas da xestión municipal: que son os nosos alcaldes e os nosos voceiros nos concellos.
Os alcaldes e voceiros son a primeira liña política do PPdeG e, por tanto, é unha fantástica decisión que o Partido Popular de Galicia non só vaia ter protagonismo nesa convención a través dun presidente galego, non só a través dunha ministra galega, non só a través dun voceiro no Senado que tamén é galego, ou non só a través da intervención que terá o presidente do PPdeG no seo desta Convención.
“Os nosos voceiros, os nosos alcaldes e os nosos presidentes de Deputación explicarán un modelo de xestión pública que cremos que é o adecuado para o actual contexto”, comentou.
Deste xeito, unha vintena de representantes do PP nas institucións do Estado pero tamén en concellos pequenos, vilas e deputacións falarán nun gran acto coma este.
Os voceiros das capitais de provincia que non gobernamos, ademais do alcalde na que si o facemos, os presidentes de deputación e outros alcaldes e alcaldesas como os de Mos, Lalín, Cotobade ou Vilagarcía, ou portavoces como a de Monforte, terán a oportunidade de expoñer os seus puntos de vista sobre os asuntos que máis preocupan aos cidadáns.
Rueda tamén informou de que o presidente Feijóo intervirá nunha mesa sobre a vixencia da Constitución, un tema sobre o que Galicia ten moito que dicir posto que somos a única nacionalidade histórica que o PP ten a honra de presidir.
O dirixente popular recordou que dos catro territorios que gozan desa condición na Carta Magna española, Galicia é a única que conta coa estabilidade necesaria para afrontar os retos da xestión pública nestes momentos.
En todo caso, a Madrid non só iremos a falar senón tamén a escoitar, e trataremos de asumir como propia calquera proposta que, tendo a súa orixe noutro territorio, poida ser útil para calquera municipio de Galicia.
No que respecta aos candidatos do PPdeG, Rueda recordou que nos vindeiros días serán públicos os sete nomes dos aspirantes ás alcaldías das cidades galegas.
Con eses nomes decididos, celebraremos Convencións de candidatos nas tres provincias de Galicia que aínda non o fixeron -Ourense xa a realizou a súa o pasado mes-. No resto de provincias, e ao longo das próximas semanas, celebraremos reunións para presentar o noso equipo de cara ás 314 alcaldías de Galicia.
Iso quere dicir que teremos unha amplísima maioría de candidatos designados e que queremos presentar á xente, empezando polo próximo fin de semana e rematando antes de que finalice o mes de febreiro.
Serán convencións provinciais, ás que asistirá o Presidente do partido, e que terán como non pode ser doutro xeito un carácter eminentemente municipalista, no que o protagonismo será para as persoas que representen ao Partido Popular de Galicia nestas eleccións.
Fotografía: Gabinete de Comunicación del PPdeG
R.