Galicia termina el año 2014 con 17.000 parados menos pero ha destruído empleo, según la EPA

Comisións Obreiras (CCOO) considera que o 2014 foi «pésimo» para o emprego en Galicia, sen recuperación económica e padecendo aínda os efectos da reforma laboral. Os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do cuarto trimestre do ano pasado poñen de manifesto que a galega é unha das tres comunidades autónomas en que non se creou emprego, neste caso cun ritmo de destrución de postos de traballo do 0,22 %.
Segundo a EPA, en Galicia hai 263.800 parados e paradas, o que implica unha taxa de paro do 20,87 %. Ao tempo, hai 88.400 fogares con todos os seus membros activos en paro e 30.800 que non perciben ingresos. Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, insiste en que se trata de datos «pésimos», pois cómpre ter en conta que abandonaron o mercado laboral unhas 11.300 persoas nos tres últimos meses e 19.200 no último ano.
A sindicalista sinala que no 2014 non se recuperaron nin a actividade nin o emprego. Ademais, «seguimos padecendo os efectos negativos da reforma laboral», isto é, substitución de emprego indefinido por eventual e a tempo parcial con peores salarios e menores dereitos para prestacións futuras.
Por outra parte, os datos amosan que Galicia «continúa peor que a media estatal», sinala Bouza. Na comunidade autónoma perdéronse 16.900 empregos nos últimos tres meses e 2.200 en comparanza co cuarto trimestre do 2013. Ademais, a porcentaxe de destrución de emprego no cuarto trimestre de 2014 foi do 1,66 %, mentres que na media estatal medrou un 4,53 %. Porén, no último ano acentúase a diferenza, porque só se perde emprego en tres comunidades autónomas: Galicia, Asturias e Castela-A Mancha, cun ritmo de destrución no noso caso do 0,22 %.
No último ano, a perda de emprego afectou ás mulleres: 4.300 ocupadas menos fronte a 2.100 ocupados máis. En proporción, a perda de emprego atangue sobre todo as persoas menores de 34 anos e de xeito especial ás que teñen entre 16 e 24.
Por sectores, hai 3.300 persoas ocupadas máis que hai un ano na industria, 500 máis na construción, 3.800 máis nos servizos pero 9.900 menos no sector primario. Segundo o tipo de xornada, hai 1.700 persoas menos a xornada completa e 600 menos a xornada parcial.
Hai 7.800 persoas asalariadas máis que hai un ano pero a creación neta de emprego é temporal: pérdense 6.500 empregos indefinidos. O sector máis prexudicado é o público (400 empregos asalariados menos), mentres que no privado se crean 8.100 empregos netos.
A taxa de temporalidade sobe 1,6 puntos porcentuais no último ano: do 22,5 % no cuarto trimestre de 2013 ao 24,1 % no cuarto trimestre de 2014. Os datos do emprego por conta propia tampouco son alentadores; de feito, hai 17.700 autónomos e autónomas menos que no cuarto trimestre de 2013 e 7.500 menos que no terceiro de 2014.
Neste trimestre, o desemprego baixa lixeiramente na media estatal pero sobe con forza en Galicia: 5.600 parados e paradas máis, un aumento do 2,16 %. En termos anuais, hai 17.000 persoas desempregadas menos, un descenso do 6,07 %.
Maica Bouza afirma que as políticas de Núñez Feijóo «intensifican en Galicia as consecuencias negativas das receitas de Rajoy», isto é, «perda de emprego, máis paro, desprotección social e, sobre todo, perda de expectativas de poder desenvolver un proxecto de vida neste país»: milleiros de galegos e galegas «seguen á procura dun futuro lonxe da súa terra».
Por esta razón, CCOO insta a Xunta a lles restituír os salarios aos empregados e empregadas públicas e recuperar o papel do sector público galego na economía, para que actúe como motor da actividade e do emprego. Demándalle tamén ao Executivo autonómico que recupere as políticas activas de emprego e incremente a protección social.
Finalmente, CCOO diríxese ao ámbito empresarial para pedirlle un «compromiso» coa reactivación da actividade, recuperando o poder adquisitivo dos salarios e favorecendo a creación de emprego de calidade, «condicións indispensables para resituar o consumo nos niveis anteriores á crise».
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de UGT-Galicia:
UGT-Galicia considera que urxe analizar por que esta Comunidade está nesta situación. O Sindicato apunta ás contas públicas galegas como parte da culpa. Os Orzamentos da Xunta para o 2015 seguen na liña de non estimular a actividade económica e non manter e crear emprego. Novamente, o Goberno galego desdeñou o crecente desemprego e o necesario cambio do actual esgotado modelo produtivo. Sen ir máis lonxe, a partida para a Promoción do emprego contráense nun 54 por cento, a pesar de que hai un 60 por cento máis de persoas en paro.
O Sindicato considera que o Goberno galego debe ser responsable da xestión de boa parte da riqueza xerada na Comunidade e que o Orzamento teña un retorno cara á cidadanía galega e non a intereses dos mercados financeiros.
A Xunta debería dar un xiro cara uns orzamentos baseados nunha fiscalidade progresiva cara un sostido crecemento económico e do emprego apoiando aos nosos sectores produtivos, cara un estado de benestar na actualidade ameazado, cara unha protección social que garanta unha sociedade cohesionada, cara a garantía do emprego público e de calidade e cara un modelo económico máis tecnolóxico e con máis valor engadido, acabar co déficit histórico en I+D+i, que permita superar os déficits estruturais da nosa economía e para que a nosa industria sexa máis competitiva.
Non se pode esquecer que Galicia está entre as comunidades con peor comportamento da ocupación en termos interanuais, tras Castela A Mancha e Asturias. A taxa de ocupación quda no 42,3 por cento, moi afastada dos valores superiores ao 50 por cento de antes da crise.
Mentres no Estado en termos trimestrais, con respecto ao terceiro trimestre de 2014, hai unha recuperación da ocupación, medrando un 0,37 por cento, en Galicia contráese no 1,7 por cento. En termos interanuais a ocupación cae no 0,22 por cento, mentres no Estado medra nun 2,53 por cento.
En materia de desemprego a evolución tamén é negativa. No trimestre medra no 2,16 por cento, no Estado tan só no 0,55 por cento. En relación a hai un ano cae no 6,1 por cento, unha baixada inferior ao 8,1 por cento do resto do Estado. Hai na actualidade, segundo a EPA, 263.800 desempregados en Galicia e 5.457.700 no Estado.
É moi salientable e preocupante que se de unha diminución no ano da poboación de 16 ou máis anos, en 12.700 persoas, das que 5.800 son menores de 25 anos. Cada vez hai menor poboación en idade de traballar. Caen as persoas que desexan incorporarse ao mercado laboral, 19.200 menos, cae a ocupación en 2.200 persoas e cae o paro en 17.100. Pola contra, aumentan os inactivos en 6.500 persoas. Isto amosa un mercado laboral cada vez máis contraído.
En relación á situación dos fogares galegos, apuntar que as vivendas nas que todos os activos están en situación de desemprego son 88.400 e hai 30.800 sen perceptores de ingresos.
A taxa de paro é en Galicia do 20,9 por cento e no Estado do 23,7 por cento. Entre os menores de 25 anos esta elévase ao 50,1 por cento nesta Comunidade.
Outro dato que arroxa a EPA é que Galicia conta con 786.100 persoas asalariadas, caendo esta cifra no trimestre nun 1,13 por cento, 9.000 persoas menos que no trimestre anterior. En relación a hai un ano medra nun 1 por cento. En termos interanuais hai que salientar que hai un empeoramento dos asalariados con contrato indefinido, baixando un 1,1 por cento, fronte ao aumento do 8,1 por cento dos asalariados con contrato temporal. Isto evidencia, a precariedade e temporalidade que acecha ao mercado laboral galego, froito, sobre todo, da súa inestabilidade e da imposición da reforma laboral, entre outras medidas.
Por sectores, no trimestre a ocupación cae en todos. Sen embargo, en relación a hai un ano todos os sectores vense favorecidos, salvo o primario, no que se contrae a ocupación nada menos que nun 13,5 por cento. O maior crecemento, en ambos casos, prodúcese na industria, con 3.300 persoas ocupadas máis.
En canto ao tempo de búsqueda de emprego, hai que destacar que hai 155.800 desempregados que levan máis dun ano nesta situación pero é que nada menos que 107.100 levan dous ou máis na procura de emprego.
Neste senso, UGT-Galicia destaca a importancia de seguir traballando no eido do diálogo social para conseguir acordos como o asinado o pasado 14 de xaneiro sobre liñas complementarias para o desenvolvemento en Galicia do Programa de activación para o emprego. Un acordo imprescindible para unha situación insostible.
R.