Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Benestar y Fegamp negocian la colaboración de los ayuntamientos con la nueva Axencia Galega de Servizos Sociais

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Traballo e Benestar abordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a importancia da colaboración das entidades locais no seo da Axencia Galega de Servizos Sociais, especialmente porque este ano deberán formalizarse os novos convenios de cooperación entre os concellos e a Axencia. Estes documentos recollerán o acordo para que os municipios, de forma individual, abandonen o Consorcio, actualmente en proceso de extinción, e pasen a colaborar coa Axencia na xestión dos centros. Neles, establécese unha nova fórmula de colaboración financeira, de acordo cunha das principais demandas dos concellos, que consiste en aboar unha contía fixa por cada veciño usuario das infraestruturas sociais. Ata o momento, era o concello onde se ubicaba o centro o encargado de financiar unha porcentaxe fixa do mantemento do mesmo, independentemente da procedencia dos usuarios.

Así o explicou a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, tras manter unha xuntanza de traballo co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey.

“Quero trasladar, de novo, a importancia da colaboración cos concellos galegos. Hai que ter en conta que a Axencia, que xa está en marcha, está deseñada para soster os centros que están actualmente en funcionamento e poñer novos servizos en marcha”, explicou Mato.

A Axencia terá múltiples vantaxes cando estea plenamente constituída. En primeiro lugar, vai permitir unha xestión integrada de todos os recursos de benestar, evitando así as duplicidades e garantindo unha xestión máis áxil. Agrupará, ademais, todos os servizos sociais baixo os mesmos criterios de calidade. Ademais, e como terceira principal vantaxe, incrementará a especialización dos servizos sociais en Galicia, da man das novas carteiras de servizos.

Mato fixo tamén fincapé na necesaria colaboración dos concellos no eido da recuperación demográfica. Neste sentido, sinalou que está a trasladar ás entidades locais o traballo que Galicia está a desenvolver nesta materia, tanto individualmente como no seo do Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD). Neste sentido, recordou que é precisa a “implicación de todos os actores”, de aí que se estea demandando tamén a colaboración das autoridades estatais e europeas.

Durante o encontro, Mato e Rey tamén abordaron polo miúdo a nova Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, que conta con máis de 300 medidas concretas e cun orzamento de máis de 521 millóns de euros, un 125% máis do que se investiu neste mesmo fin entre 2007 e 2013. Entre as prioridades desta planificación, destacan a loita contra a pobreza infantil e contra a exclusión territorial. Ademais, tamén incorpora a adopción dunha perspectiva de intervención familiar nos itinerarios de inserción sociolaboral ou a posta en marcha dun procedemento de pagamento anticipado das Axudas de Inclusión Social.

Co fin de maximizar a eficiencia da Estratexia, desenvolverase a través de tres plans operativos, que terán lugar de forma consecutiva nos períodos 2015-2016, 2017-2018, e 2019-2020. O plan vixente para este ano e o próximo estará listo no primeiro semestre deste exercicio, e nel detallaranse as medidas concretas a executar. “Os concellos van xogar un papel prioritario no desenvolvemento e execución de cada un destes plans operativos”, considerou Mato, dado que as entidades locais constitúen a “porta de entrada” para os cidadáns de cara os recursos e servizos de inclusión que ofrece a Xunta.

En definitiva, Mato apostou por seguir desenvolvendo unha “colaboración e diálogo continuos” entre a Administración autonómica e concellos en materia de servizos sociais, tal e como se ten realizado ata o momento.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.