Unas 4.000 familias gallegas disfrutarán en 2015 de una ayuda de entre 360 y 2.400 euros por hijo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o luns 02 de febreiro a orde de prestacións por fillo a cargo, que inclúe este ano importante novidades co obxectivo de dar cumprimento ao Plan de dinamización demográfica de Galicia. A máis importante é o incremento das contías. Ata agora aboábase un pagamento único de 360 euros por cada fillo menor de 3 anos, mentres que desde este ano a contía será de 360 euros se se trata do primeiro fillo do solicitante, de 1.200 euros se é o segundo, e de 2.400 se é o terceiro ou sucesivo.
Así o explicou en rolda de prensa a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, quen destacou tamén que esta convocatoria adiántase este ano en preto de dous meses, co fin de mellorar a xestión e de que as familias poidan contar antes con esta axuda.
O orzamento da orde tamén se amplía ata os 1,8 millóns de euros. Ademais, a directora xeral aclarou que está garantido que as axudas chegarán a todo aquel que cumpra os requisitos.
Esta convocatoria está dirixida a aquelas persoas que non estean obrigadas a presentar a declaración do IRPF correspondente ao 2013, nin a teñan presentado de forma voluntaria. As persoas que realizan a declaración do IRPF xa teñen dereito ás deducións fiscais das mesmas contías, que tamén se incrementaron este ano, e que converteron a Galicia na comunidade autónoma con maior beneficios fiscais do Estado nesta materia.
Poderán optar a estas axudas aquelas persoas con fillos ou fillas menores de tres anos ao 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o dous de xaneiro de 2012 e o un de xaneiro de 2015, ambos incluídos). Tamén poderán optar aquelas familias con fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2011 e o 31 de decembro de 2014.
Para solicitar a axuda é necesario que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia e que os nenos convivan coa persoa solicitante.
A petición poderá formalizarse electronicamente, a través da sede electrónica da Xunta. Tamén poderá presentarse a solicitude en soporte papel, en calquera dos rexistros.
O prazo para achegar as solicitudes será do 3 de febreiro ata o 14 de marzo, ambos incluídos. Isto é, por un período de corenta días naturais desde o día seguinte da súa publicación.
A resolución destas axudas, que podería chegar a máis de 4.000 persoas, contarán cun prazo de resolución de 5 meses desde que a solicitude teña entrada no rexistro.
Esta medida inscríbese no Plan de dinamización demográfica de Galicia, que conta cun total de 69 medidas, das que xa se teñen executado máis do 60 por cento. Un dos principais eixos deste plan é o fomento da conciliación, a sensibilización e o apoio socioeconómico á natalidade, co obxectivo de promover a recuperación demográfica.
Así, por exemplo, en 2014 xa se incrementou nun 20 por cento a dedución fiscal por nacemento ou adopción dun fillo, que pasou de 300 a 360 euros. En 2015, ampliouse aos 1.200 euros polo nacemento ou adopción do segundo; e aos 2.400 polo terceiro e sucesivo. Polo tanto, a convocatoria que se publica hoxe no DOG ten por obxectivo estender estas axudas dun xeito equivalente ás persoas que non presentan a declaración.
Esta non é a única medida que se está implementando, segundo asegurou a directora xeral, quen recordou que se están creando novas prazas na rede autonómica, que se está traballando en novas medidas como a casa-niño, que se puxo en marcha a exención de matrícula do segundo fillo nas escolas da rede autonómica, ou o recentemente anunciado concerto de 500 novas prazas de educación infantil.
Ademais, lembrou que neste exercicio está blindada a partida destinada á familia e á infancia, cun total de 61 millóns de euros.
R.