El paro se incrementa en Galicia en 7.084 personas durante el mes de enero de 2015 y ya se registran más de 259.000 desempleados

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia ve nos datos do paro rexistrado de xaneiro a proba de que a comunidade autónoma «precisa un cambio de políticas que non dá chegado». Un mes máis, a situación do noso país é peor que na media do estado, razón pola cal CCOO pide a «reacción» da Xunta. CCOO pídelle á Xunta que retome as políticas activas de emprego e incremente a protección social.
Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, malia seren estes os primeiros datos do paro rexistrado dun ano novo, «constatan a persistencia dos efectos nocivos de políticas vellas». En opinión de Bouza, as actuacións do Goberno de Núñez Feijóo «intensifican en Galicia as consecuencias negativas das receitas de Rajoy», isto é, «perda de emprego, máis paro, desprotección social e, sobre todo, perda de expectativas de desenvolver un proxecto de vida neste país»: milleiros de galegos e galegas «seguen á procura dun futuro lonxe da súa terra».
Por esta razón, CCOO insta a Xunta a lles restituír os salarios aos empregados e empregadas públicas e recuperar o papel do sector público galego na economía, para que actúe como motor da actividade e do emprego. Demándalle tamén ao Executivo autonómico que retome as políticas activas de emprego e incremente a protección social.
CCOO diríxese tamén ao ámbito empresarial para pedirlle un «compromiso» coa reactivación da actividade, recuperando o poder adquisitivo dos salarios e favorecendo a creación de emprego de calidade, «condicións indispensables para resituar o consumo nos niveis anteriores á crise».-Galicia:
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de UGT-Galicia:
Despois dos datos da EPA, relativos ao último trimestre do ano 2014, a situación e análise repítese coas estatísticas do paro dadas a coñecer polo Ministerio de Emprego. En Galicia segue a incrementarse o desemprego e o comportamento segue a ser máis negativo que no resto do Estado.
De feito, Galicia está entre as catro comunidades autónomas nas que máis medra o desemprego en termos relativos e é a terceira en termos absolutos. Nesta Autonomía o paro creceu en xaneiro un 2,81 por cento, en relación a decembro, o que supón un total de 7.084 persoas máis en situación de desemprego. Mentres no Estado o incremento mensual foi do 1,75 por cento. Así, hai en Galicia 259.002 desempregados e no Estado un total de 4.525.691.En relación ao ano anterior rexístrase unha baixada do desemprego do 7,85 por cento.
Dende UGT-Galicia, como xa se viña apuntando en meses precedentes, alértase sobre a contracción da poboación en idade de traballar pola súa saída cara fóra e o retorno de inmigrantes cara os seus países de orixe. De feito, segue a caída do desemprego entre os estranxeiros, cunha diminución do 6,6 por cento en relación a hai un ano.
UGT-Galicia considera que urxe analizar por que esta Comunidade está nesta situación. O Sindicato apunta ás contas públicas galegas como parte da culpa. Os Orzamentos da Xunta para o 2015 seguen na liña de non estimular a actividade económica e non manter e crear emprego. Novamente, o Goberno galego desdeñou o crecente desemprego e o necesario cambio do actual esgotado modelo produtivo. Sen ir máis lonxe, a partida para a Promoción do emprego contráense nun 54 por cento, a pesar de que hai un 60 por cento máis de persoas en paro.
O Sindicato considera que o Goberno galego debe ser responsable da xestión de boa parte da riqueza xerada na Comunidade e que o Orzamento teña un retorno cara á cidadanía galega e non a intereses dos mercados financeiros.
A Xunta debería dar un xiro cara uns orzamentos baseados nunha fiscalidade progresiva cara un sostido crecemento económico e do emprego apoiando aos nosos sectores produtivos, cara un estado de benestar na actualidade ameazado, cara unha protección social que garanta unha sociedade cohesionada, cara a garantía do emprego público e de calidade e cara un modelo económico máis tecnolóxico e con máis valor engadido, acabar co déficit histórico en I+D+i, que permita superar os déficits estruturais da nosa economía e para que a nosa industria sexa máis competitiva.
Continuando coa análise dos datos referidos ao desemprego no mes de xaneiro, estes reflicten que, por sexos, o paro medra entre os homes nun 1,82 por cento e dun xeito moito máis acusado entre as mulleres, nun 3,74 por cento. En termos interanuais os homes tamén saen máis beneficiados cun descenso do desemprego nun 10,13 por cento, fronte ao 5,67 por cento entre as mulleres.
Por provincias, o paro medra no mes o 3,18 por cento en Lugo; o 3,1 por cento en Pontevedra; o 2,93 por cento en Ourense; e o 2,39 por cento en A Coruña. En termos interanuais contráese en todas as provincias. No 10,6 por cento en Lugo; o 8,3 por cento en Ourense; o 7,48 por cento en A Coruña; e o 7,41 por cento en Pontevedra.
Por idades, obsérvase que o desemprego medra moi por enriba da media entre os menores de 25 anos, no 6,52 por cento. Non obstante, en relación ao mes de xaneiro de 2014 a caída é nada menos que do 20,4 por cento, basicamente, pola saída de efectivos da Comunidade na búsqueda dun futuro mellor.
No mes de xaneiro o desemprego medrou en todos os sectores pero, especialmente, no de servizos polo remate da campaña de Nadal. Neste o paro medrou nun 4,8 por cento; no colectivo de sen emprego anterior, o 2,1 por cento; no primario, o 1,71 por cento; baixou o 1,81 por cento na industria; o tamén diminuíu o 0,7 por cento na construción.
Interanualmente, o desemprego cae en todos os sectores pero dun xeito máis acusado na construción, o 17,97 por cento, e na industria o 13,3 por cento.
A contratación medra nun 5,6 por cento no mes e nun 11 por cento no ano. Ademais, suben moito máis os indefinidos, nun 33 por cento no mes, fronte ao 3,4 por cento os temporais. No ano tamén se incrementan máis os indefinidos, o 20,44 por cento, e os temporais, o 10,1 por cento. A pesar disto, a porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total foi no mes de xaneiro en Galicia do 9,5 por cento.
Preocupa realmente o número de beneficiarios con prestación en Galicia, xa que, aínda que repunta levemente con respecto ao mes anterior, esta é de 128.998 persoas. Pero deste total tan só 57.137 son beneficiarios de prestacións contributivas. A taxa de cobertura é do 55,6 por cento, cando hai un ano era do 59,96 por cento.
Hai case 123.000 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura, cun forte risco de exclusión social. Neste senso, UGT-Galicia destaca a importancia de seguir traballando no eido do diálogo social para conseguir acordos como o asinado o pasado 14 de xaneiro sobre liñas complementarias para o desenvolvemento en Galicia do Programa de activación para o emprego. Un acordo imprescindible para unha situación insostible e que UGT-Galicia agarda que vaia mellorando esta situación dun xeito progresivo.
Outro dato que lle preocupa moito ao Sindicato é o relativo á afiliación á Seguridade Social (913.329), empeorando no mes cunha baixada do 1,42 por cento, 13.153 afiliados menos. Rexístrase unha caída máis acusada que no resto do Estado, onde a baixada foi do 1,19 por cento. E, interanualmente, o comportamento tamén é peor en Galicia, cunha suba do 1,33 por cento, fronte ao 2,48 por cento do Estado.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia:
Galicia pechou o mes de xaneiro cun total de 259.002 persoas en situación de desemprego, o que supón un incremento do 2,81% con respecto ao mes anterior (+7.084). En comparación con xaneiro de 2014, isto é, interanualmente, o desemprego descendeu nun 7,85 por cento (-22.075), o mellor comportamento interanual de toda a serie histórica (estatísticas desde 1996).
Así o explicou a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz. Detallou que no mes de xaneiro sempre se producen subidas do paro, debido fundamentalmente ao remate das contratacións da temporada do Nadal. Con todo, a pesar de que unha subida “nunca é positiva”, precisou que este é o menor ascenso dun mes de xaneiro desde 2008, “ano no que se iniciou a crise económica”.
Se se toman como referencia os datos “desestacionalizados”, que se corresponden coa evolución interanual, cabe destacar que Galicia xa acumula a décimo quinta baixada consecutiva, unha tendencia que comezou a finais de 2013.
Grazas a esta evolución, Galicia pechou o mes de xaneiro con menos desempregados dos que había no mesmo mes de 2014, 2013 e 2013. “Isto é, estamos volvendo a niveis de paro de hai tres anos”, subliñou Díaz López.
En España, o desemprego aumentou en 77.980 persoas, un 1,75 por cento, ata situarse nos 4.525.691 parados. En termos interanuais, o paro en España baixou nun 6%. Deste xeito, Galicia sitúase “case dous puntos” por riba da media estatal a nivel interanual.
Por sectores, o incremento do paro está este mes “totalmente asociado” ao sector servizos, no que medra en 7.389 persoas. A continuación sitúase o colectivo sen emprego anterior (+413), e a agricultura e a pesca (+161). Pola súa banda, baixa na industria (-623) e na construción (-256).
Por provincias, o desemprego subiu en todas elas. O principal incremento detectouse en Pontevedra (+3.118); seguida por Coruña (+2.371); Ourense (+801); e Lugo (+794).
Na evolución dos contratos, este mes rexistráronse un total de 62.421 contratos, 3.327 máis que no mes anterior. Deste total, 5.911 foron indefinidos (9,47%), e 56.510 temporais (90,53%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 10,98%.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou “que a Xunta nin está nin se lle espera” mentres en Galicia “medra o paro e destrúese emprego tras seis anos de políticas de austeridade”.
“O máis relevante de hoxe é o crecemento unha vez máis do paro en Galicia no mes de xaneiro, temos 7.000 desempregados máis e 13.000 galegos e galegas xa non figuran na Seguridade Social, polo que estamos perdendo postos de traballo”, manifestou o líder do PSdeG.
“Alguén debería dar explicacións no Goberno de Feijóo, explicarlle aos galegos como é posible que tras seis anos de recurtes e austeridade a situación empeore, retrocedemos e evolucionamos peor que no resto de España”, afirmou Besteiro.
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego situouse ao finalizar xaneiro en 259.002 persoas en Galicia, tras subir en 7.084 en relación con decembro. Ademáis, a comunidade autónoma destruiu 13.153 postos de traballo o mes pasado.
“As cousas non van ben en España pero aínda van peor en Galicia, o paro avanza e parece que ao Goberno da Xunta non lle importa, parece que nin está nin se lle espera”, engadiu.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:
O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), acusa ao Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo de traballar para demoler todo o relacionado co Estado social e os dereitos laborais. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, afirmou que “o señor Feijóo está a aniquilar os dereitos laborais acadados durante anos e configurando unhas relacións laborais totalmente insoportables”. Yolanda Díaz, cualificou de “insoportables” as actuais cifras de desemprego en Galicia agravadas polas lamentables condicións laborais que se están a dar, nas que menos do 10 por cento dos contratos son indefinidos, ao tempo que se incrementa o número real de horas traballadas mentres o salarios son cada vez máis baixos.
“Estamos diante dunha brutal precarización do traballo grazas as políticas impulsadas polo PP coas que está a buscar a total demolición do Estado social de benestar” denunciou Yolanda Díaz quen sinalou ao Partido Popular como responsable directo da dramática situación que se está a sufrir no noso país cunhas alarmantes cifras de persoas nas listas de desemprego e “traballadores e traballadoras con salarios vergoñentos que os obriga a vivir na pobreza”.
R.