Antonio Durán -Morris- y Pedro Alonso estrenan en Pontevedra el espectáculo: O crédito

A compañía compostelá Eme2 e máis a vasca Tanttaka Teatroa estrean o xoves 5 de febreiro no Teatro Principal de Pontevedra a versión galega de O crédito’ unha obra do dramaturgo barcelonés Jordi Galcerán con dirección de Fernando Bernués que protagonizan os actores Antonio Durán "Morris" e Pedro Alonso. O espectáculo chega a Galicia despois das súas anteriores postas en escena en catalán e en castelán; e faino producido coa subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
De feito, O crédito é un dos 26 espectáculos galegos cofinanciados a través das axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) destinadas á dinamización da actividade escénica en Galicia, polas que se concederon o pasado ano 600.000 euros (un 17,5 por cento máis respecto a 2013) para a materialización de montaxes de distintos formatos e estilos. A proposta de Eme2 recibiu, en concreto, 22.500 euros para o seu financiamento dentro da categoría de creacións de pequeno formato.
Despois de máis de doce meses na carteleira dos teatros de Barcelona e Madrid, o texto do autor catalán foi traducido por Sandra Romaris e Xocas López para compoñer a súa dramaturxia en galego. A trama desenvólvese nun despacho dunha oficina bancaria, onde chega un home (Pedro Alonso) para pedirlle un crédito ao director (‘Morris’) sen máis aval ca súa palabra de honor. Ante a negativa do banqueiro, o cliente emprega todas as ferramentas na súa man para conseguir o que pretende, co que se desencadean unha serie de situacións tan delicadas como hilarantes.
Trala súa estrea en Pontevedra, O crédito realizará unha trintena de funcións ata o mes de abril nos escenarios de Arteixo, Santiago de Compostela, Vigo, Viveiro, Lugo, Narón, Tui, Carballo, Vilagarcía, As Pontes, Oleiros, Ourense, Cangas de Morrazo e A Coruña.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.