Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Los nuevos conselleiros de Facenda y de Educación e Cultura lanzan un mensaje de continuidad en la que será su gestión en ambas áreas de la Xunta

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o traballo, dedicación e compromiso dos novos conselleiros: Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para seguir mellorando social e economicamente Galicia.

Durante a toma de posesión dos novos membros do Goberno, Feijóo aseverou que o novo conselleiro de Facenda reúne non só a preparación senón tamén o espírito necesario para afrontar o que resta de lexislatura, con retos tan importantes como a actualización e aprobación do Plan estratéxico da economía galega 2015-2020, a execución dos fondos europeos ou a necesidade de seguir orientando os recursos públicos cara á recuperación económica.

Así mesmo, destacou a humanidade e honestidade de Valeriano Martínez; “por iso, non teño dúbida de que á fronte de Facenda, onde algúns ven unicamente porcentaxes e cifras, el verá un único obxectivo: seguir facendo de Galicia un lugar mellor para os galegos”, aseverou.

No tocante a Román Rodríguez, afirmou que a traxectoria do novo conselleiro de Cultura e Educación lle servirá para trasladar á Cámara o maior consenso posible nunha área tan sensible e para xestionala coa cercanía que caracteriza o municipalismo. “Este doutor en xeografía e profesor universitario ten experiencia no Parlamento, onde ademais era voceiro da área que agora lle toca xestionar; e ten experiencia de xestión no Concello de Lalín”, dixo, logo de expresar o seu convencemento de que logrará ser “ecuánime na política cultural, na política educativa e na política lingüística”.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención transmitindo a Elena Muñoz e a Xesús Vázquez “un enorme agradecemento” polo seu traballo ao longo destes anos: “Grazas Elena Muñoz por antepoñer a túa sensibilidade á frialdade dos números, e por esa permanente vontade de multiplicar peixes nun momento de escaseza no mar. E grazas Xesús Vázquez pola túa contribución a que a Educación pública deixase de perder o tempo en liortas que só forman parte do pasado e comezase a gañalo pensando nun futuro con máis idiomas, máis tecnoloxías para os nosos mozos e diminuíndo as taxas de abandono escolar; e por contribuír, tamén, a espallar a cultura universal de Galicia”.

Pola súa banda, o novo conselleiro de Facenda expresou o seu compromiso “coa honestidade, cun criterio de profesionalidade sempre servindo ao interese xeral e coa transparencia que a sociedade demanda de nós”. E o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recoñeceu asumir o novo reto con “responsabilidade e ilusión”: “Non partimos de cero. Partimos dun proxecto xa en marcha, dun modelo que nos últimos anos ten permitido mellorar os resultados educativos, tanto en calidade como en equidade, e poñer a nosa cultura e a nosa lingua como cerne e sinal de identidade do noso ser colectivo. Vivimos nunha Galicia aberta, plural, inclusiva e diversa e a nosa educación e a nosa cultura son e serán piares que nos sitúan no mundo”.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia.
R.