Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo se compromete a mirar de frente a la hepatitis C y garantizar los medicamentos, con independencia del coste económico que se deba asumir

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu no Parlamento que todos os afectados pola hepatite C terán tratamento de acordo aos criterios médicos. “Todos os afectados galegos terán os tratamentos de acordo cos criterios médicos e as evidencias científicas. Este Goberno só ten un criterio, o criterio dos médicos e ese criterio ampara polos seus principios bioéticos e polos seus principios deontolóxicos todos os pacientes en Galicia, en función da súa patoloxía, do seu estadio e do protocolo”, aseverou.

Nesta liña, Feijóo salientou que en Galicia estanse a tratar aproximadamente mil persoas cos fármacos que sinala a comunidade científica: “Desde o ano 2012 ata o 24 de febreiro deste ano o Servizo Galego de Saúde autorizou 975 tratamentos, o 98% dos solicitados. E, en relación aos tratamentos novos, estaban autorizados o 98% tamén dos tratamentos solicitados”.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, o responsable autonómico asegurou que Galicia adoptará todas as decisións do plan nacional e actuará de forma inmediata de acordo aos criterios que se asentan para toda España. “Todos os conselleiros de Sanidade do Sistema Nacional de Saúde adoptaron os dous criterios establecidos: primeiro, que serán os criterios dos expertos baseándose nas evidencias científicas os que decidan os tratamentos; e, segundo, aprobar un plan nacional para tratar, protocolizar e acreditar estes tratamentos en función das doenzas deses pacientes”, dixo, ao que engadiu que a Comunidade galega implementará de xeito inmediato os consellos do comité científico; “e imos tratar de forma inmediata a todos e cada un dos pacientes que sinale ese comité de expertos”, incidiu.

Sobre este punto, Feijóo fixo fincapé en que en 2012 o Sergas creou unha subcomisión de farmacia para a hepatite C formada por un grupo de expertos, “que son os únicos que deciden os tratamentos”. “Estamos a falar dun secretario, que non vota, de seis médicos do Sistema galego de Saúde e unha subdirectora de farmacia do Sergas. Polo tanto: un funcionario e seis facultativos -dous especialistas en medicina interna dedicados ao transplante hepático, un especialista en medicina interna dedicado a infectoloxía, dous especialistas do aparato dixestivo dedicados a hepatoloxía e un farmacéutico hospitalario especializado en enfermidades víricas-. Estes son os expertos que deciden”, precisou.

Durante a súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego cos servizos públicos e, neste eido, avanzou que neste 2015 haberá 2.000 novas prestacións de axuda a domicilio e un incremento do 45% dos obradoiros de emprego.

“Nesta semana sacáronse 20.500 prazas de garderías públicas, 500 prazas máis que o ano pasado e case 4.000 prazas máis que en 2009”, engadiu, logo de precisar no eido sanitario que, neste 2015, o 50% dos galegos acudirán a un hospital ou centro de saúde novo ou reformado na súa área de influencia, e no ano 2016 será o 70% dos galegos os que poidan acudir a un hospital ou centro de saúde novo ou reformado. “E acreditamos, tamén, que os profesionais do Sergas atenderon 300.000 consultas máis que no ano 2009, fixeron 28.000 intervencións cirúrxicas máis que no ano 2009 e hai 90.000 persoas menos esperando nas consultas dos hospitais”, matizou.

Así mesmo e no eido da Xustiza, lembrou a posta en marcha do novo edificio xudicial de Ourense, que supuxo un investimento de 18 millóns de euros e que conta con máis de 14.000 metros cadrados distribuídos en nove plantas. Ten capacidade para 24 xulgados e 16 salas de vistas, con espazos para os servizos de rexistro civil, Imelga, oficina de atención ao cidadán e á vítima, colexios profesionais, servizos de notificacións e embargos, etc. e dará servizo a máis de 200 profesionais.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:

A indecencia do presidente da Xunta acadou na sesión de control unha nova cota. Amparado en todo momento pola parcialidade da presidenta do Parlamento –que acumulou unilateralmente as preguntas de Alternativa Galega de Esquerda e mais do BNG para que Feijóo apenas respondese unha vez-, ignorou as cuestións formuladas pola viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz. E unicamente se dirixiu a ela para, nunha mostra do burla e frivolidade, mesturar a súa negativa a ofrecer curación aos doentes de hepatite C coa situación política en Venezuela.

“Só queremos que nos responda a unha cuestión, señor Feijóo”, iniciou Díaz a súa intervención, “cal é para vostede o prezo que ten unha vida humana? Conteste”. A viceportavoz de Alternativa referíase ás reiteradas negativas de Feijóo, o seu Goberno e o seu partido a que a sanidade pública sufrague os novos tratamentos que permiten a curación da hepatite C. No pleno parlamentario anterior, non contentos con rexeitar propostas de AGE nese sentido, a presidenta do Parlamento expulsou aos membros da plataforma de enfermas e enfermos de hepatite C da tribuna de convidados. “Vostede comparte o criterio da presidenta desta Cámara ao tratar aos doentes e ás súas familias como criminais?”, preguntou Yolanda Díaz, quen lembrou como Feijóo, nun aceno de “covardía política”, se ausentou da votación en que o seu grupo parlamentario decidiu non facilitar a curación da hepatite C no sistema sanitario público.

A intervención de Díaz para a que o presidente da Xunta non tivo resposta ningunha tamén se referiu á morte de Pedro Morales durante os días en que o Partido Popular se negaba na Cámara galega a subministrar os fármacos aos doentes. “Por que morreu? Canta xente máis ten que morrer para que vostedes decidan subministrar os fármacos a quen os precisa?”, engadiu. Tampouco Feijóo tivo nada que dicir sobre Eugenio Leira, un home transplantado dúas veces de fígado e a quen lle receitaron o tratamento o pasado 10 de febreiro. A día de hoxe segue sen recibilo. “Ten que morrer para que lle chegue o seu tratamento?”. Entrementres, na comisión organizada polo Ministerio de Sanidade do PP que, teoricamente, atenderá as solicitudes do novo tratamento, hai persoas con “graves conflitos de intereses”.

O presidente da Xunta, nunha falta de respecto absoluta á cidadanía, optou por escapulirse das cuestións expostas por Yolanda Díaz, facer un exercicio de economicismo inhumano ao comparar orzamentos públicos dedicados a graves doenzas e, contra o regulamento e os usos teóricos dunha cámara de representantes, esquecer todas e cada unha das incómodas preguntas de Alternativa Galega de Esquerda.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou a pregunta ao presidente en nome, dixo “dun colectivo que vive angustiado por padecer unha enfermidade mortal”. Estamos falando dun tratamento que pode salvar vidas, recalcou Jorquera, non de solicitudes para licencias de obras como declarou recentemente un afectado de Hepatite C.

O tempo “corre na súa contra” e empeoran día a día, “algunhas vímolas morrer impotentes despois de meses de espera por un tratamento que non chegou” e outras levan ata un ano e dous transplantes cunha “agónica agarda”.

Nestes termos, dirixiuse Jorquera a Núñez Feijóo, facendo súa unha carta do colectivo de afectad@s de Hepatite C enviada a todo@s os deputad@ss do Partido popular.

Jorquera tamén lembrou que na última sesión plenaria foron expulsados os representantes da Plataforma de afectados de Hepatite C e o Partido popular votou en contra de dispensar o tratamento en farmacias hospitalarias, baixo prescrición médica. As recomendacións dos expertos, afirmou, inclúen as reivindicacións que vostedes, para “vergoña de todos” rexeitaron nesta Cámara.

Polo momento, explicou existe un borrador que o Goberno central debe asumir e as CC.AA deben aprobar no Consello Territorial para poñer en marcha os protocolos de aplicación, “non permaneza impasible ante o sufrimento de tantas persoas” e poña os medios para que de inmediato os enfermos accedan ao tratamento, demandou Jorquera a Feijóo.

Tras a resposta do Presidente da Xunta na que non formulou ningún compromiso cos afectados, o nacionalista volveu pedir que poña os medios necesarios para salvar vidas e non faga que a súa credibilidade sexa cuestionada como con PEMEX que negociou a venda de Barreras e agora PEMEX deixa sen carga de traballo o estaleiro.

Porqué se os expertos están a recomendar que se dispensen os novos fármacos a doentes en fase dúas e tres, non se fai? sendo prescritos só para os casos de maior gravidade?. Estableceron un límite de gasto para salvar vidas, “125 millóns de euros para todo o Estado cando en Galiza hai máis de 40.000 afectad@s”. Sr.Feijóo, “non xogue máis cos doentes”. Agora a presión social e unhas eleccións ás portas fai que celebren como gran anunciou o que negaron hai quince días, denunciou o parlamentario.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia

R.