Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

El PPdeG se opone a la petición del BNG para expropiar el uso del Panteón de Galegos Ilustres

Nota de prensa remitida por el Gabinete del PPdeG:

O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, avogou no Parlamento polo “consenso e non pola exclusión” sobre a titularidade e o uso do Panteón de Galegos Ilustres.

“Entendemos que debe ser un espazo para a integración, a dignificación e o respecto, así como para amosar a sensibilidade coa historia de Galicia e as figuras senlleiras que alí están soterradas, sexan laicas ou non”, engadiu.

Baamonde sinalou que “todos os pobos necesitan os símbolos como elemento de preservación da súa identidade” e indicou que o Panteón de Galegos Ilustres é “un espazo que se está a converter nun símbolo de Galicia”.

“Falar de Bonaval partindo da confrontación e da distracción non axuda a configurar o seu concepto como de integración e sentido colectivo dos símbolos”, manifestou, polo que animou a falar “desde a prudencia e o respecto, buscando o consenso necesario de todos os grupos”.

Agustín Baamonde considerou “imprescindible” o consenso e apuntou que “a forma non é a fórmula de exclusión que propón o BNG, senón a través da proposición de Lei do Consello da Cultura, apoiada polos padroados das Fundacións dos persoeiros alí soterradas, máis a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego”.

“Apoiamos o consenso arredor da proposta do Consello da Cultura, porque permite resolver o problema do actual espazo a través da creación dun espazo plural e laico anexo a ese Panteón, ademais de facilitar o uso do panteón a través da tutela do Consello da Cultura, coa colaboración da Xunta e do Parlamento”, anotou.

Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “para resolver a situación hai que partir do momento actual, que vén determinado pola sentenza do Tribunal Supremo que atribúe a propiedade do Panteón á Igrexa Católica”. Deste xeito, engadiu que “non participamos da idea da expropiación porque é un proceso complexo e porque cremos que un espazo de unión e de encontro dificilmente pode nacer da confrontación e da liorta”.

Nota de prensa remitida por el Gabinete del BNG:

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu unha Proposición non de lei para devolver a titularidade e “uso civil” do Panteón de Galegos Ilustres, na actualidade en mans da Igrexa Católica.

Pontón comezou a súa intervención lendo o texto que negaba a licenza para predicar a oración no acto fúnebre en honor de Rosalía de Castro e sobre a petición da comisión do comité rexionalista ao arcebispo suplicando a revogación da orde que impedía conceder “a poetisa, católica, cantora da Virxe da Barca, do Pórtico da Gloria, do cemiterio de Iría….” todos os honores nun simple funeral con eloxio como se concede a todas as persoas aínda que profana, ilustre.

O texto, rescatado por Francisco Rodríguez no seu libro “Estranxeira na súa patria” recolle o acontecido co traslado dos restos de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres, traslado que fixo posible que outras personalidades foran soterrados nese espazo, naquel momento, de titularidade do Concello de Santiago.

Rosalía foi soterrada no Panteón contra “o parecer dos administradores da Igrexa é só pola vontade unánime de todo o pobo de Galiza que a aclama e venera e a cal ninguén se puido sobrepoñer”.

Esta reseña dixo, forma parte da historia do noso país e do “esperpento” de que cen anos despois, Rosalía permaneza nun espazo do qué é titular esa mesma Igrexa que tentou impedir que alí fora soterrada polas críticas da escritora reflectidas na súa obra contra esta institución.

A parlamentaria reclamou “expropiar o uso” do Panteón de Galegos Ilustres e devolverlle o seu “carácter público”. Resulta “unha aberración”, remarcou, que un espazo que naceu laico e civil siga sendo tutelado pola Igrexa.

Agustín Baamonde, portavoz do Partido popular anunciou o voto en contra á Proposición non de lei nacionalista alegando que existe unha sentencia que outorga a titularidade á Igrexa. Baamonde propuxo crear un espazo no lugar onde están soterrados os “persoeiros galegos” e outro “laico” anexo ao Panteón e dependente dun Padroado do Parlamento.

A deputada reiterou que o BNG reclama exclusivamente a “expropiación do uso” e non da propiedade porque resulta legal e economicamente viable pero o PP “non ten vontade para resolver o problema”, a pesar de non poñer reparos cando anuncia que “expropiará as fincas non cultivadas”.

No Panteón de Galegos Ilustres están representadas as personalidades máis importantes, incluída Rosalía de Castro, fundadora da “nosa literatura contemporánea e a nosa escritora máis universal”. Vostedes están moi cómodas e cómodas con esta situación porque non lles importa Galiza, “nin a súa cultura, nin a súa lingua nin os seus símbolos”, concluíu.
R.